Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reclaman unha investigación polos continuos incendios en Miramontes

O grupo municipal do BNG pide á alcaldía que esixa ao goberno galego un estudo completo da situación que se vive na parroquia de Grixoa, e únese así á indignación dos veciños da zona por un vertedoiro que consideran perigoso

Ás denuncias dos veciños de Grixoa por un vertedoiro que consideran de gran perigo para a veciñanza, e que provoca incendios cada certo tempo, súmanse a do Bloque Nacionalista Galego, que acaba de reclamarlle á alcaldía que realice seguimento e demande ao goberno galego unha investigación polos continuos incendios -o último o pasado 27 de maio pola noite e o cal se extendeu varias horas tras reavivarse de madrugada- ademais de avaliar as causas e os danos producidos. O BNG considera que poden afectarlles ás láminas impermeabilizantes do solo e provocar a contaminación das augas e mananciais que subministran traídas veciñais.

A portavoz nacionalista, Goretti Sanmartín, sinalou que cómpre actuar de urxencia ante as frecuentes combustións, “xa que poden entrañar un grave risco para a saúde das persoas ademais do perigo ambiental que supón o desprendemento de produtos de orixe química e industrial para a calidade do aire. Este perigo pode incrementarse coa chegada das altas temperaturas propias do verán, co que é necesario tomar en serio este problema ecolóxico para evitar consecuencias maiores no futuro”, engadiu. Explicou que a Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa) leva contabilizados máis de seis lumes producidos neste vertedoiro que requiriron a presenza de bombeiros para poder sufocalos, quen advirten de que son motivados ao crearse bolsas de gases pola acumulación de residuos que terminan provocando pequenas explosións e lapas.

Neste sentido, a plataforma de afectados polo vertedoiro de Grixoa advertiu en numerosas ocasións da entrada de materia orgánica en cantidade moi superior á determinada no proxecto autorizado, que inicialmente era un depósito de cascallos de obras e residuos industriais non biodegradables para encher o oco da canteira e que foi derivando con sucesivas ampliacións de licenzas nun vertedoiro onde se acumulan residuos de moi diversa índole e procedencia. Neste sentido, o BNG recorda que a elevada produción de gases é derivada dun exceso de materia orgánica que non se corresponde ao deseño do sistema de liberación de gases do proxecto construído en Miramontes. Os nacionalistas xa requiriron en maio de 2020 que a Xunta e o Concello controlasen a tipoloxía e cantidade de residuos alí depositados para adoptar medidas cautelares e de vixilancia destas instalacións ante os reiterados incumprimentos das empresas que o xestionan, pois ao recibir máis materia orgánica da autorizada, “o número de chemineas de ventilación é insuficiente e provoca combustións espontáneas que desprenden compostos químicos tóxicos, contaminantes e volátiles. Aproveitamos para facer un chamamento a participar na manifestación da Plataforma Casalonga o próximo domingo 13 de xuño con saída ás 12.00 da alameda de Compostela, á que tamén concorrerá o BNG”, finalizou Goretti Sanmartín.

11 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito