Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Recollida de lixo con illas de ‘quita e pon’ na cidade histórica

Apostando por un sistema “máis sostible e respectuoso co medio ambiente”, onte xa comezaron a operar os 10 puntos escollidos

O novo sistema de recollida de residuos comezou a funcionar desde onte na contorna da zona monumental e, na Améndoa, xa é “máis sostible e respectuosa co entorno do casco histórico”, destacou a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro nunha xornada na que empezaron a operar os novos puntos de recollida de lixo. Estas dez illas, instaladas onte, colocáronse a partir das 19.00 horas e ata as 23.00, co dobre obxectivo de “incorporar a quinta franxa, a do orgánico; e eliminar por fin as bolsas de lixo nas portas, unha vez xa retiramos a compactadora de Travesa de Fonseca”.

Os dez puntos escollidos para ubicar estes puntos de compostaxe, colocados e retirados por vehículos 100% eléctricos, son: Praza de San Roque, Rúa de Santo Agostiño, Praza de Cervantes, Praza de Praterías, Travesa de Fonseca, Salvador Parga, Praza de Mazarelos, Praza de San Martiño Pinario, Praza do Toural e na rúa Carretas. “Todos estes son puntos iniciais, froito da colaboración co departamento de Mobilidade do Concello, pero poderíanse modificar en función das necesidades das nosas veciñas e veciños” explicou a concelleira. Tamén o alcalde sinalou “o paso adiante” en materia de sostibilidade que supón este novo sistema de recollida de lixo “co que queremos mellorar o tratamento dos residuos da nosa cidade e mellorar a imaxe da Améndoa, sen bolsas nas rúas e sen compactadora nin malos olores”.

PORTA A PORTA. Ademais deste sistema de recollida de illas de compostaxe de “quita e pon”, desde o pasado martes estanse a repartir os cubos das diferentes franxas nos locais de hostalaría e comercios para iniciar, nas vindeiras semanas, o modelo de recollida “porta a porta”. Así todos os establecementos do casco histórico contarán con horas acordadas coas asociacións de hostalaría para deixar os seus contedores á porta dos negocios, que serán recollidos porta a porta. “Será nun horario pactado cos propios empresarios, co fin de entorpecer o menos posible o normal funcionamento do seu negocio” recalcou Castro. Ademais, todos os veciños que o desexen, poderán solicitar a recollida porta a porta, sempre desde a responsabilidade, sacando e volvendo a meter os contedores das diferentes seccións de residuos no seu edificio. Para facelo, poden solicitalo a través da web santiagosostible.gal ou a través do teléfono 981 565 469.

13 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito