Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Recoñecemento ao traballo literario de doce estudantes

O Colexio Peleteiro acolleu o acto de entrega dos Premios Minerva // Os alumnos compartiron co público un fragmento das súas obras

O Colexio Manuel Peleteiro acolleu onte a entrega da cincuenta edición dos Premios Literarios Minerva. No acto, no que se premiaron os traballos dunha ducia de estudantes, seis na categoría de narrativa e seis na de poesía, estiveron presentes o concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas, Ruben Prol; membros da directiva do colexio, da organización do certame e do xurado, e os premiados, acompañados de familiares e unha representación dos seus centros escolares.

Como xa ven sendo habitual nas últimas edicións, o acto estivo presentado por unha alumna 2º de Bacharelato do Colexio M. Peleteiro. Neste cincuenta aniversario do certame, interveu como mantedora a escritora, xornalista, profesora da USC, cineasta e secretaria da Real Academia Galega Margarita Ledo Andión.

Na súa intervención, gabou a calidade literaria das obras premiadas e o talento dos mozos escritores premiados, sinalando que cando ela tiña a súa idade “púxenme a escribir poemas para poder facelo en galego” como modo de reivindicar que non fora alfabetizada na lingua que dende entón pasou a ser a súa lingua de escolla.

Así mesmo, sinalou a relevancia da historia dos premios Minerva neste 50 aniversario, que tiveron a súa orixe en 1963, cando un grupo de estudantes de o por aquel entón colexio Minerva, “propuxeron crear un certame literario no que participaran mozos e mozas de Galiza enteira” e fixo un repaso por autores que foron galardoados neste certame como Darío Xohán Cabana, Fernando Ónega ou Xosé Antonio Neira Cruz.

Finalmente, agradeceu a todos os galardoados que “se atrevesen a facer pública a súa escrita, a saír ao mundo con fragmentos da súa experiencia íntima que comparten nestas obras”. Durante o acto, os estudantes premiados puideron compartir co público asistente un fragmento das súas obras, que pasarán a formar parte de forma íntegra, dun libro editado polo Colexio Peleteiro.

Este ano, na modalidade de Narración, Rosalía Bernárdez Riopedre, de 15 anos, alumna do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, logrou o primeiro premio. E na categoría de Poesía, gañou Carla Crespo Berdullas, do IES de Ames.

08 abr 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito