Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Santa María de Conxo. Unha parroquia con moito que contar

Esta parroquia do sur de Santiago foi concello (1835-1925) durante case un século. Comprendía as parroquias de Laraño, Figueiras, Eixo, Aríns, Villestro, Marrozos, Bando e a propia Conxo. Agora, como barrio periférico de Compostela, esquecido o concello propio, está partido en dous pola Av. Antonio Fraguas. Aquela promesa de humanizar a rotonda ao rematar as obras do túnel para evitar esta división, tamén se esqueceu en Raxoi. Pasou o día, pasou a romaría! Dos detractores da restauración da praza, a que alcuman como “Obradoiriño”, non vou falar, porque pode parecer que un está en contra de todo por sistema, pero o que todos se preguntan é: que demo fai plantada unha árbore esfameada na saída da praza, enfrontándose aos paquebotes amarelos que temos por autobuses?

Que cousas nos conta Conxo? Pois... un castriño con petróglifos de armas; o primeiro convento feminino de España (Santa María de Canogio); A Virxe da Cuncha; o mosteiro mercedario; o santo Cristo de Conxo; o castelo da Rocha Forte e os Irmandiños; o Banquete de Conxo; o carballo centenario nomeado como a árbore senlleira do ano en España e que compite por ser a “árbore europea do ano”, neste 2022; a viaxe inaugural (1873) do primeiro tren galego, Cornes-Carril, saíndo da estación de Conxo; a Virxe do Sar, atopada no amentado río e que resultou ser unha talla gótica (Virxe do leite) do século XIV, logo da análise e da súa catalogación... E, por onde comeza un con tanta historia?

Sen máis, polos accesos. Achegarse a algunha destas xoias é tarefa labiríntica. Que llo digan aos rivais do C.D.“Conxo Santiago” de fútbol, que veñen de diversos puntos de Galicia e non atopan o campo, pasándose de longo e tendo que preguntar pola vía de entrada, porque non hai indicación algunha. Como se pode achegar Compostela ao carballo de Conxo? Ao lugar do “Banquete”, a carón do Sar? Onde están os sinais indicadores? Poida, que abrir un vial polos terreos do Sergas sexa unha mellor solución, que o actual extramuros pola Rúa da Fervenza. En todo caso, o Conxo máis histórico, o máis interesante, permanece máis incomunicado que nos tempos en que se empregaba a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.

O galeguista compostelá, Antonio Neira de Mosquera, da primeira metade do s. XIX, deixou na súa obra “Monografías de Santiago” (1850), un capítulo adicado a Conxo, favorecendo así a conservación da súa lenda fundacional. Unha lenda onde se fusionan o amor e o culto Xacobeo, a paixón e a fe. No século XII, unha moza da rexión francesa da Picardía, de nome Roswinda, vaise esposar co fillo do Señor que goberna a rexión, pero a enfermidade do pai agrávase no día da voda e, Alberico Canogio, ofrécese peregrinar a Santiago pola súa recuperación: “Una prolongada enfermedad del Señor de Picardía suspende los festejos de su palacio y el obispo Carnoto aplaza la unión de Rusuída y Almerico Canogio (...) El duelo sucede a la alegría. Almerico Canogio se ofrece a venir en romería a Santiago de Galicia para alcanzar la salvación de su padre” (Monografías, p. 230) Pero, nesta parella de namorados interfire un terceiro, o conde Guarino, namorado de Roswinda, que sae tras o seu rival co firme propósito de eliminalo. Poucos días despois de decatarse a moza, abandona o castelo e ponse en camiño cara Santiago para avisar e protexer ao seu prometido. “Guarino encontrará antes que Rusuída al hijo del Señor de Picardía” (p. 231) Acompañado dos seus paxes e disfrazados de falsos peregrinos, dos que tamén nos fala o “Codex Calixtinus”, dá morte a Alberico Canogio nun hospital, “después de cuatro jornadas en el territorio español” (p. 232). Cando chega Roswinda, os verdadeiros peregrinos que durmían no Hospital son testemuñas da súa dor e do seu voto ou compromiso. Se o seu amado morreu intentando chegar ao sepulcro do Apóstolo, ela cumprirá no seu nome esa promesa. Cando chegue a Santiago daralle sepultura, alí onde unha bandada de pombas voen no seu nome, como reveladoras do seu espírito. “El voto de Rusuída no ha sido cumplido hasta después de visitar la catedral de Santiago, llegando a la hermosa vega de Baixosar y distinguiendo sobre un ribazo descarnado, una banda de palomas que bajaban a saciar su sed en los remansos murmuradores del humilde Sar“. (p. 234)

Con esta fermosa historia de amor e sacrificio pide permiso ao arcebispo Xelmírez para fundar, en setembro de 1129, o mosteiro feminino de Santa María de Canogio, en honor á Virxe e ao seu namorado e prometido. Entre as fontes manexadas por Antonio Neira está a propia “Historia Compostelán”, con dous capítulos específicos. Un, “De aedificatione Ecclesiae de Canogio” (...) Nullum etenim Sanctimonialium Monasterium intra tanti Regni latitudinem habebatur, ejus animus germanae charitatis calore succensus ad id peragendum tan idoneum loci situm veluti illum reperire non potuit (...) (non había ningún mosteiro de monxas en toda a extensión do Reino, e o seu espírito, beicido pola caridade fraterna, non puido atopar un lugar máis idóneo para facer isto). (Lib. I, cap. XXI, p. 58), que fala dunha pequena igrexa e comunidade devota eremítica, datada en 1106, probablemente de monxas bieitas. Outro, “Constructio Monasterii de Canogio”: Ecclesiam s. Mariae de Canogio, quae erat parvula et vetustate fere annullata, funditus dextruxit, et majorem atque mellorem Ecclesiam de proprio ibidem raedificavit (Lib. III, cap. XI, p. 493), que xa remite a 1129, ano en que Roswinda reedifica e se erixe en abadesa da comunidade. Confesa tamén, Antonio Neira, seguir un manuscrito, hoxe perdido, de Frei Martín Sarmiento: “Memorias para la historia de los monumentos de España”, onde se recollían datos históricos e monumentais da fundación de Conxo.

Unha vez que xa identificamos o nome de Conxo con Canogio, frei Gabriel Téllez, coñecido como Tirso de Molina, frade e cronista da orde mercedaria, ademais dun prolífico escritor de comedias, xustifica o nome con outra tradición: a da Virxe da Concha ou da Cuncha. Segundo o editor da súa “Historia General de la Orden de Nuestra Señora de las Mercedes”, Frei Manuel Penedo Rey, estivo de visita e como mercedario en Conxo, en 1630. Pero diso falarei máis adiante. A súa “Historia” adica un capítulo especial ao mosteiro mercedario de Conxo e ao milagre que xustificou a súa incorporación á Orde: “Milagrosas contingencias fueron causa de que adquiriese nuestra Orden el debotíssimo convento de nuestra Señora de Conju, extramuros de la ciudad de Compostella o Santiago de Galicia“ (Hª, I, p. 425). Informa dunha comunidade bieita primitiva con poucas freiras, que veneraban a unha Virxe moi milagreira: “y colocado en su templo una ymagen milagrossa de María, tan faborecedora de sus recomendados, que desde entonces asta agora no se pueden numerar las maravillas que la deven todos sus comarcanos, yntitulada Nuestra Señora de Conjo, que en lengua galiciana es lo mismo que Nuestra Señora de la Concha, de quien, al cabo de hartos siglos, tomó el mismo appellido todo aquel convento y término, llamándose el de Conju“ (Ibid. p. 425). Relátanos tamén Tirso que as freiras bieitas trasládanse a San Paio, en Santiago, abandonando o lugar en tempos dos RRCC (1480?), pero queren levar con elas a Virxe da Cuncha, algo que os fregueses non lle permitiron aos pais bieitos nin as freiras, entaboando un preito onde a Virxe decide non moverse da beira do Sar: “pudieron vincular las muchas cosas de que oy goçan, sin que se les permitiessen las de Conjo, por aver sido aquellas, donaciones reales, no para las dichas monjas, sino a la milagrossa imagen de la Concha o Conja, y ansí, (...) ni el Arzobispo ni los labradores feligreses se lo consintieron, defendiendo el virgíneo simulacro, que pretendían trasladar consigo (...) Litigóse lo uno y otro porfiadamente por los monjes benitos, (...) y aunque se quedaron con muchas de las dichas heredades por esconder papeles y escrituras, salieron perdidosos de este pleyto, que se sentenció en fabor de los vecinos de aquel convento sancto (Ibid. p. 426)

Trasladadas as freiras, queda a cargo do convento de Conxo, un crego, D. Diego de Saldaña. El é testemuña doutro milagre fundacional. Todas as noites, e a pesar de que as freiras xa non están, escóitanse as voces do coro: “la falta que lloraba de la comunidad de religiossas en las horas y culto monástico del coro, se avía mejorado en jerarquías angélicas que sostituhían las humanas. Admiróse de novedad tan inaudita y no dando fe a su oído, fio la certidumbre de tanta maravilla a los ojos, sentido de más crédito”...(p. 427). É entón, cando ve unha procesión de anxos co hábito mercedario e a Pedro Nolasco e a San Ramón Nonato. Dinos tamén Tirso de Molina, que Conxo e a súa Virxe da Concha foi visita obrigada para os que viñan a Santiago: “la ymagen tutelar de aquella yglesia fue de suerte venerada en otros tiempos, que se graduaba por la segunda estación de Compostela para los innumerables peregrinos que concurrían de lo mejor de Europa” (p. 429).

Anunciaba hai unhas liñas, que o editor desta crónica mercedaria de Tirso de Molina confirma a estancia do comediógrafo en Conxo, en 1630. Por como describe a paisaxe circunveciña e o edificio: “Toda la fábrica es de vóveda y que, a mi parecer, según las reliquias de otros edificios sus contemporáneos, fue entonces éste, uno de los más sumptuosos de estos reinos“(p. 425). Por datos precisos como a limpeza de “un letrero que en su fábrica se puso sobre la puerta de la yglesia, por la parte interior de el claustro, cuyos caracteres, puesto que de tantos siglos, se permiten leher sin mucho estorbo, pues limpiándolos el año del mil seyscientos y treinta, un hijo de aquella casa, religioso nuestro y muy devoto, llamado fray Juan Salgado, estudioso por estremo en todo género de letras y aberiguación de antigüedades, se le hicieron legibles“ (p. 425). Pola biografía que adica a un frade compostelá da orde, Frei Pedro Rosende: “fue lucidíssimo estudiante (...) cariñoso y socorrido con los pobres (...) se encargó de repartirles la limosna cotidiana en nuestra portería, aunque eran muchos (...) Dábales, luego, quanto alcanzaba su diligencia, entrando en esto las más veces toda su comida (...) sus penitencias fueron rigurossas. Su pobreza, más allá de lo que nuestra proffessión enseña (...) En aquella ciudad será casi perdurable la memoria de su fama, que oy día le pregona por santo a voca llena”. (Hª, II, p. 561) E pola alusión a Santiago nunha comedia “La villana de la Sagra”, con escenarios na cidade, (un ástrago dunha casa de xogo) e cunha despedida a modo de elexía da orografía galega.

Pero, Conxo non só tivo varias lendas fundacionais e literatos do século de ouro españois, senón que, a mediados de 1366, o arcebispo de Santiago, D. Suero Gómez de Toledo e o seu deán serían asasinados (alanceados diante da catedral) por tomar parte nas disputas sucesorias entre Pedro I e Enrique de Trastámara. Como consecuencia, os templos e igrexas da cidade pecharon durante varias semanas, e aqueles composteláns, que non eran poucos, que querían cumprir co precepto dominical, non lles quedou outra que ir á misa a Conxo. Testemuña deste feito foi o adaxio popular que sobreviviu durante algúns séculos: “vaiche na misa en Conxo“! En resposta aos que preguntaban por aquel que tardaba moito en vir dalgún sitio ou se facía esperar. Coñécese, que a xente enredaba bastante máis do que duraba a misa de Conxo.

Non me negarán vostedes que un carballo “europeo” na beira do Sar, unha Virxe do leite nas súas augas, un castelo arrasado logo dun brutal asedio, con bolaños de pedra lanzados polas catapultas, de ata 150kg de peso, e cunhas lendas fundacionais propias, non convidan a revitalizar o Conxo histórico. Agora, xa só falta atopar o sepulcro de Alberico Canogio e votar para que este carballo, testemuña de excepción dun símbolo revolucionario de igualdade, como foi o Banquete de Conxo, se impoña entre outros, ás sequoias xigantes de Croacia e Bélxica, á sobreira portuguesa ou aos castiñeiros francés e italiano.

Logo de votar polo carballo, https://www.treeoftheyear.org/Vote?lang=es-ES poderá vostede achegarse ao blog parroquial, onde se recollen estes versos populares, que lembran a importancia de Conxo na ruta Xacobea. Non faga como algúns, que só se acordan de Conxo cando o carballo tira as landras. Non se deixe sorprender:

Se vas a Santiago / e pasas pola Mercé, / non te esquezas primeiro / de prostrarte aos seus pés; / porque Santiago é discípulo / e a Mercede nai é. / E ante unha nai, / nin o mesmo Señor / se deixa sorprender“.

Xosé Antonio Grela. Doutor en Filoloxía Románica

$!Santa María de Conxo. Unha parroquia con moito que contar
17 feb 2022 / 19:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito