Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ocio. Kiko Pastur enche a Praza de San Martiño Pinario de ilusionismo, con exhibicións, trucos e espectáculos de curta distancia tódalas noites de agosto ás 21.00 horas TEXTO Xiana Fole

“Santiago é unha cidade máxica, este era o lugar para abrir o meu museo”

Para Kiko Pastur, a Praza de San Martiño Pinario ten unha atmosfera especial. Xa dicía o seu amigo, Suso Pais, que en Santiago son tres os lugares máxicos: o Obradoiro, a Quintana e esta praza, onde hai uns meses Pastur inaugurou un museo. Mirando a Igrexa, no medio desa atmósfera especial, agora o coruñés ten o seu Museo de Maxia propio.

De nome Francisco García Pastur, Kiko fala desa afección ao mundo máxico como unha paixón infantil, que compartía co seu irmán, o mago Román García. Naceu en Cambre, A Coruña, aínda que se moveu por todo o mundo. Hoxe é ilusionista profesional, acumulando máis de vinte anos de experiencia como divulgador e profesor desta disciplina. Conta incluso cun premio mundial de maxia. “A miña historia coa maxia empeza dende que era un rapaz, facendo espectáculos en todo tipo de sitios e viaxando moito. Pero chegou un momento no que descubrín que facía falla prestixiar a maxia, e construír un lugar onde a xente poida aprender, descubrir... E pensei en facer este museo en Santiago, nun momento tan especial como foi o medio da pandemia”, explica o ilusionista Coruñés.

Así nace o Museo de Maxia Kiko Pastur, que abríu as súas portas o pasado novembro. Alí podemos atopar pezas curiosas, carteis e libros antigos, atrapantes ilusións ópticas ou xogos. No escaparate, encarándose directamente coa maxia da praza, atópase unha reprodución do número máis famoso do escapista Harry Houdini, un gran tanque de auga do que tiña que liberarse para non morrer afogado. No que foi o seu último gran número, Houdini metíase no tanque boca abaixo, atado de pés e mans, e pechando a tapa con candandos. Permaneceu 91 minutos debaixo da auga.

“Aquí temos unha parte museística e de exposición; unha parte de fotografía e de exhibicións, como a ilusión antiga da cabeza falante que se facía nas feiras; e logo os magos do Museo facemos maxia aos visitantes, polo que estamos todo o tempo tratando de divertir e de ilusionar. Tamén hai unha tenda de regalos máxicos, curiosos, para afeccionarse á ilusión e aprender os seus primeiros pasos”, conta Pastur. Coma unha caixa vermella baleira, que tes que pechar e chascar os dedos para que aparezan uns no seu interior uns suculentos caramelos.

Ademais, tódalas noites de agosto de martes a domingo, hai no museo un espectáculo de maxia. Trátase dunha actuación de unha hora de duración, que conta con diferentes trucos e xogos sorprendentes. “Ademais de actuar eu mesmo, tamén haberá lugar para Román García, Joshua Kennet e outros magos que veñen dende distintas partes do territorio ou incluso de fóra de España. Aquí teñen un espazo para facer maxia de curta distancia, de pequeno formato, porque ao fin e ao cabo isto non é un gran teatro”, explica Kiko Pastur. A entrada para estes espectáculos estivais custa dez euros.

En canto á visita ao Museo e ás súas exposicións, para acceder requírese sacar un billete de tres euros, que inclúe unha visita guiada. Poderán verse pezas históricas, relacionadas coa época dourada do ilusionismo, interectuar con obxectos e montaxes imposibles ou empregar os ‘photocalls máxicos’. Como non podería ser doutro xeito nun museo de maxia, algún que outro número, xogo de cartas ou de moedas tamén caerá.

“Facemos trucos on cartas, con moedas, maxia de comunicación como facía o gran Juan Tamariz. Non imos cortar a ninguén pola metade”, ri Pastur. E a admiración é mutua, pois o propio Tamariz —co seu característico humor e o seu mentalismo, que levou a múltiples rincóns do globo— refírese a Kiko Pastur como “la esencia de la sensibilidad poética en magia”.

Para Pastur, Galicia precisaba dun lugar onde apostar pola maxia e, sobre todo, onde acoller a todo o talento galego que hai neste eido. “Santiago é unha cidade máxica, e tamén é o centro do Camiño. Aínda que eu son de Cambre pensei que Compostela era máis propicia para facer un núcleo de reunión para os magos de toda Galicia, e tamén para os turistas, a xente local... Ademais nesta praza de San Martiño Pinario, que ten unha atmosfera especial. Este era o lugar para abrir o meu museo”, sinala o ilusionista.

Pois é, ao fin ao cabo, unha opción de entretemento tan válida para expertos na materia como para quen ve a maxia por vez primeira. E ven para quedarse, para constituírse —como repite Pastur— como un referente cultura e de ocio. “Isto facíalle falla a Santiago, unha opción tanto para os turistas como para o público local. A sensación é de agradecemento e de ilusión, que fai falla máis que nunca. Así nolo está a trasladar a xente”, explica orgulloso.

E calquera poderá entrar no seu universo máxico, que non entende de idades ou de atributos específico. “O público da maxia é moi transversal. A un rapaz de sete anos gústalle, pero a un avó de 90 anos tamén lle sorprende. É moi difícil atopar unha disciplina artística que guste de xeito tan transversal.. Quizais a música, ou o cine. A maxia asociase moito a un público infantil, pero o público adulto é o que máis se sorprende”, conclúe. De martes a domingo, de 10.00 a 14.00 da mañá e de 17.00 a 20.30 da tarde, o Museo de Maxia de Kiko Pastur abrirá as súas portas, e quen sabe se os seus pasadizos segredos, para todos aqueles que queiran ter a maxia cerca.

22 ago 2021 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.