Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
GORETTI SANMARTÍN REI Candidata do Bloque á Alcaldía nas municipais 2023

“Santiago merece ambición”

Coa gran cantidade de recursos que ten a nosa cidade, ben xestionados, darán para situala na vangarda. Nós temos o corazón en Compostela

Acaba de ser confirmada como cabeza de cartel do Bloque para as municipais. É a resposta lóxica para un traballo ben feito?

Desde logo esa é a avaliación da militancia e da base social máis próxima que nos dá un retorno de simpatía e de recoñecemento dun traballo positivo nos últimos anos, levando ao pleno os seus problemas con alternativas concretas para solucionalos. Sen ningunha dúbida, Santiago merece ambición, precisa un cambio que provoque un xiro de 180º porque con todos os recursos que ten, se estivesen planificados e a disposición de veciños e das veciñas, poderiamos conseguir un concello puxante e con futuro.

Conseguimos o pagamento fraccionado dos impostos, que é unha das medidas máis sociais que se poden levar a cabo desde o ámbito municipal para aliviar as economías domésticas especialmente nestes tempos de crise, e puxemos enriba da mesa a nosa petición de crear un servizo de inspección das empresas concesionarias que lle aforraría moitos cartos ao concello e faría que tivésemos uns servizos públicos eficientes e de calidade.

Compostela ten que recobrar o seu pulso, ter ambición, saír deste letargo e demostrar todas as súas potencialidades, para iso me presento como candidata do BNG á Alcaldía. Estamos nun bo momento a nivel nacional, con perspectivas de cambio galego e feminista.

Vostede cae ben. Non ten arestas. Cre que é unha boa condición para dedicarse á política?

O que eu intentei nestes anos é estar en contacto coa xente, escoitar moito e ter esa vocación de servizo público para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, que é a forma como que eu entendo a política. Con certeza, a política de altura só pode facerse desde a escoita activa e a vontade de contribuír ao benestar colectivo. Fronte a un mundo cada vez máis individualista, é imprescindíbel avanzar en todo o que signifique traballar polo ben común.

Teoricamente está na Oposición pero na práctica coincide con moitas propostas do alcalde Bugallo, como funcionaría esa cohabitación?

O BNG demostrou sempre que por riba dos intereses partidistas están os intereses da veciñanza e, por iso, sempre que houbo que apoiar cuestións que fosen beneficiosas para algúns sectores ou para o conxunto de Compostela, estivemos aí. Pénsese, por exemplo, na proposta para realizar axudas directas aos sectores afectados pola crise económica derivada da pandemia: comercio de proximidade, hostelaría, cultura, turismo... Exactamente o mesmo, apostamos por unha serie de obras e proxectos para avanzar na calidade de vida da veciñanza.

Nunca defendemos aquilo que en demasiadas ocasións é frecuente en política, o de que canto peor lle vaia ao adversario mellor para nós. Nós xulgamos que canto mellor funcione o goberno, mellor para a xente de Compostela. Infelizmente, a pesar de facermos unha oposición construtiva, temos un goberno que non está á altura do que merece a capital do país.

O BNG ten un proxecto propio, con iniciativas transformadoras moito máis ambiciosas que as que nestes momentos o goberno local está desenvolvendo. Intentamos ser propositivas, queremos liderar un goberno que lles plante cara a outras administracións e defenda os intereses de Santiago por riba de todo.

Puxemos enriba da mesa propostas en positivo que foron aprobadas en gran cantidade pola maioría da oposición, a pesar da abstención do PSOE que non as apoiou aínda que moitas eran peticións veciñais. Considero que non se lle poden dar as costas así á veciñanza, como fai o actual goberno local. Neste mandato abstivéronse en máis de 200 iniciativas e iso demostra unha falta de implicación e un cerrar as orellas e pechar os ollos á poboación.

É evidente que na miña maneira de facer política está o talante negociador, de chegar a acordos, o que xa demostrei como vicepresidenta no goberno da Deputación da Coruña.

A política do BNG ás veces pode desconcertar, polas alianzas no ámbito estatal. Vostede non é nada radical...

Eu aposto por ir á raíz dos problemas e, nese sentido, son profundamente feminista, nacionalista, ecoloxista, defensora dos dereitos de migrantes, do colectivo LGBT, da xustiza social, do deseño das cidades coas persoas no centro das políticas, de defender a identidade e a memoria dos pobos, de conseguir maior benestar para quen ve como cada vez soben máis os prezos ao tempo que se recortan os investimentos en servizos básicos. En definitiva, son defensora dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Dánselle ben os barrios, non si?

A nosa idea é tripar o territorio, percorrelo rúa a rúa, carreiro a carreiro e coñecer as súas necesidades porque xustamente o mantemento e bo estado dos barrios e parroquias é unha das queixas máis habituais que nos chegan. Este goberno concibe máis Compostela para as persoas que chegan e nos visitan un día ou unha semana, que para a xente que vive nos seus barrios no día a día e carece de servizos e infraestruturas mínimas.

É escandaloso que Santiago teña barrios e parroquias onde non hai saneamento nin abastecemento de auga. Tamén hai zonas onde as familias non teñen parques para nenos e nenas ou están en estado defectuoso. Hai lugares onde non chega o transporte colectivo ou as frecuencias son insuficientes. Por outra parte, é un clamor social o problema da recollida de lixo, que ten un contrato multimillonario e tanto o centro urbano, como a cidade histórica e os barrios continúan sen ter a limpeza necesaria.

Algúns cremos que estar afastado dos extremos ten un rédito nas urnas, que pensa?

Nós estamos no centro dos problemas das persoas. Coa cantidade de recursos que ten Compostela, ben xestionados con intelixencia e eficacia, darán para situala na vangarda. Nós temos o corazón en Compostela. Iso é o que nos une e o que nos move. Por iso realizamos un chamamento a que se unan a este proxecto todas as persoas a que lles preocupa a situación do Concello. Sabemos que son moitas as persoas que farían calquera cousa por amor a Compostela. Aí é onde imos tecer redes de afecto e compromiso.

É unha muller triunfadora, que hai que facer coas actitudes machistas?

Non se pode consentir ningunha concesión ao machismo e aos ataques contra as mulleres e as persoas LGBT, algo que está acontecendo cada vez máis. Existe un repunte da violencia machista e, fronte a iso, debería haber unha resposta máis contundente, e máis orzamento. Se demandamos o 1% dos Orzamentos da Xunta, desde o Concello de Santiago tamén teñen que se implicar máis e crear a oficina de asesoramento LGBT, por exemplo, algo que está aprobado e segue sen poñerse en marcha.

Especificamente, Compostela precisa un xulgado de violencia que reivindica a sociedade, o propio Colexio de Avogacía e sobre o que presentamos unha moción no pleno; ademais xa foi aprobado no acordo de investidura do Goberno do Estado e agardamos que sexa realidade axiña.

Por outra parte, o goberno ten que ser exemplarizante e non moverse na hipocrisía nin ficar no politicamente correcto. Hai moito aínda por facer neste terreo desde a Administración local.

Se tivera nas súas mans desenvolver tres proxectos de peso en Santiago, cales serían?

A creación dun viveiro de comercios e negocios, con orzamento do Consorcio, coa dupla función de que se instalen na cidade histórica persoas que queiran comezar a súa actividade e que, ademais, sirva para rehabilitar locais e vivendas baleiras, co obxectivo de recuperar a vida e o latexo do corazón de Compostela.

Baixo o paraugas deste proxecto, cunha derivada incardinada coa Universidade de Santiago, pódese incidir de xeito positivo na creación de emprego e no retorno da mocidade emigrada para recuperar ese talento que foi expulsado de Santiago de Compostela. A aposta pola investigación, a educación e a cultura deben ser prioridades máximas de que tamén nos orgullemos.

Para que poida ser unha realidade, desde o BNG defendemos que o Concello ten que ser facilitador, ten que pular por axilizar as licenzas, a tramitación administrativa, o pagamento a empresas provedoras e tamén debe contar cun potente servizo de inspección das empresas concesionarias.

Ve á súa compañeira de partido Ana Pontón como presidenta de Galicia?

Por suposto, temos a fortuna de contar cunha persoa decidida como Ana Pontón, e así no BNG somos a forza que leva a iniciativa política e social, que lideramos a alternativa para unha grande maioría social en Galiza. Nestes momentos temos solvencia, capacidade, firmeza e ideas claras, porque somos a forza política que defende os intereses da Galiza, cun proxecto que mellora as condicións de vida da maioría e que garante futuro e desenvolvemento ao noso país.

E vostede, vese algún día como alcaldesa?

Entendo que Compostela ten que recobrar o seu pulso, ter ambición, saír deste letargo e demostrar todas as súas potencialidades. Quero un goberno esixente coas outras administracións e defenda os intereses de Santiago por riba de todo e, para iso, precisamos que o BNG obteña un resultado histórico para liderar o goberno da capital do país, para o que é necesario que se sumen a este proxecto as persoas que teñen o corazón en Compostela.

Por tanto, para min será unha honra asumir a Alcaldía de Santiago, un posto en que si me vexo e unha responsabilidade para a que, colectivamente, o BNG está preparado.

traxectoria

Profesora universitaria e doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa. Foi directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade. Con anterioridade, impartiu aulas no Instituto de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela e no Instituto Eduardo Pondal. Participa activamente dos movementos culturais, en defensa da lingua e feminista. Foi responsable local do BNG en Santiago e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Na actualidade, é a portavoz municipal nacionalista no concello compostelá.

03 jul 2022 / 00:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito