Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Schinas percorre con Feijóo un tramo do Camiño e enxálzao como "a xoia na coroa cultural europea"

O comisario destaca a “oportunidade” dos fondos ‘Next Generation’ para Galicia, “unha das rexións españolas que máis ten que aproveitar”

SANTIAGO. EP. O vicepresidente da Comisión Europea Margaritis Schinas enxalzou ao Camiño de Santiago como "a xoia na coroa cultural europea" tras percorrer este luns xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o tramo entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro. Posteriormente, en declaracións aos medios ofrecidas desde o Museo das Peregrinacións, Schinas manifestou a "honra" de poder facer un tramo da ruta xacobea e toparse con "xente de todas as terras europeas" camiñando ao seu lado. "O Camiño é un patrimonio universal, pero tamén é patrimonio europeo", subliñou o vicepresidente da Comisión, para destacar seguidamente os valores non só "cristiáns" senón tamén "turísticos" que alberga.

Pola súa banda, Feijóo presentoulle o Camiño como "as orixes da Unión Europea" e como "vertebrador" do continente. Así mesmo, o presidente da Xunta mostrouse "convencido" de que o 2022, segundo ano deste Xacobeo bienal, será "excelente" para o turismo de peregrinacións, que "sen dúbida ten un compoñente relixioso e espiritual", pero tamén "lúdico e cosmopolita". "Estar hoxe aquí coa segunda autoridade europea, para o presidente de Galicia é toda unha honra non fácil de describir", dixo fronte a Schinas, quen non visita a Comunidade por primeira vez na súa vida --a súa muller é asturiana--, pero si como vicepresidente da Comisión. Na mañá deste luns, participou no arranque da Convención Nacional do Partido Popular, en Santiago.

GALICIA, "UN MODELO" DO MODO DE VIDA EUROPEO

Precisamente, o comisario, de nacionalidade grega, manifestou o "orgullo, pracer e privilexio" de acudir a Galicia, unha terra que representa "un modelo idóneo do modo de vida europeo". "É unha terra cuxo destino está vinculado a Europa, unha terra e un pobo moi presente en Europa, tradicionalmente, cunha diáspora e unha emigración moi forte", explicou. Non en balde, Schinas incidiu en que a galega é unha Comunidade "moi dinámica" que conseguiu "transformarse grazas aos fondos europeos" chegados desde que España entrou na Unión Europea. Disto serviuse para destacar a "oportunidade histórica" que suporán os fondos 'Next Generation' e o marco financeiro comunitario do próximos sete anos para construír un modelo de crecemento baseado "na transición cara a unha Europa verde e dixital". "Galicia é unha das rexións españolas que máis ten que aproveitar", asegurou o comisario.

FEIJÓO PIDE "COÑECER CRITERIOS"

Neste contexto, Feijóo referiuse á candidatura da Xunta para os fondos 'Next Generation', con máis de 300 proxectos por 14.000 millóns de euros, para insistir na necesidade de "coñecer criterios" de repartición e "poder participar con obxectividade" na asignación que faga o Goberno central. E tampouco dubidou o presidente da Xunta en agradecer á Comisión a distribución das vacinas cunha "compra centralizada" sen a cal "non fose posible a inmunización" dos galegos contra a covid-19.

"UN AMIGO" DE GALICIA EN BRUXELAS

Máis aló das mensaxes institucionais, Feijóo congratulouse por ter gañado "un amigo, un aliado" para Galicia. "Para min é unha honra coñecer e xa formar parte da familia do vicepresidente da Comisión Europea", confesou. Con todo, Schinas corrixiulle --"Eu fun amigo de Galicia antes de hoxe", dixo-- e prometeu regresar: "Non será a última vez que me vexades por aquí. Ameazo con volver moitas veces e sempre tedes que saber que Galicia ten un amigo en Bruxelas".

27 sep 2021 / 20:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.