Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Seguridade viaria en Compostela

    A SEGURIDADE VIARIA dentro das cidades é un asunto serio. Sen dúbida, o civismo de condutores e peóns é fundamental. Non podemos cruzar de calquera xeito, por calquera sitio, sen afastar a mirada da pantalla do móbil ou sen deixar ben claro aos condutores a nosa intención. Pola súa banda, os que levan os automóbiles non poden ignorar eses pasos ou non ter todos os sentidos na condución. Todos os días en Compostela interacionamos milleiros de peóns e condutores. E o noso obxectivo debe ser que todos os días rematen sen vítimas. Porque tras cada accidente, sexa moi grave ou non, hai persoas que sofren e mesmo vidas que rematan violentamente. Por iso necesitamos que o civismo sexa complementado por unha boa intervención pública.

    A redución de velocidades máximas, a aposta por rúas peonís ou que dan preferencia ás persoas, o uso de sistema de sinalización horizontal e vertical más eficientes son ferramentas que estamos a usar de xeito crecente e atinadamente en Compostela. Pero podemos e debemos facer máis. En particular, debemos prestar atención a eses puntos negros que identifican as estatísticas; debemos escoitar aos cidadáns que, coa súa experiencia, axudan a guiar de xeito eficiente as decisións dos responsables políticos.

    Por ese motivo, é rechamante e censurable que non se faga nada ante atropelos como o sufrido esta mesma semana en Roxos por unha muller e dous cativos, cando cruzaban por un paso de peóns para recoller o autobús escolar. Desta volta, outra vez, houbo sorte. Os reflexos e a axilidade da muller fixeron que só ela sufrise danos que, aparentemente, curarán nun par de meses. ¿Qué pasará na vindeira ocasión?

    Dende o ano 2014 os veciños da zona reclaman reiteradamente ás autoridades autonómicas e locais unha solución a un problema estrutural. As autoridades recoñecen que a rotonda está mal deseñada e que é necesario actuar. Pero pasaron xa sete anos e a zona segue sen un semáforo como o que existe en Brandia: a mellor resposta técnica a un problema estrutural sen solución. Os escritos se acumulan. A lista de responsables interpelados en documentos con selo e data medra co paso das lexislaturas.

    A presidenta da Asociación de veciños, a infatigable e sempre comprometida Mercedes Prado, mantén a esperanza de que nesta lexislatura si teñamos solución. Eu tamén. E somos moitos os que miramos ao ceo pedindo que mentres tanto, cada vez que nos visite o vehículo de atestados e a ambulancia, non chegue tamén un vehículo funerario. Daquela todo serán lamentos. Daquela lembraremos esa lista de nomes.

    04 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.