Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Suicidio: terceira causa de mortalidade nas mulleres de Santiago

O grupo municipal do BNG solicitará no vindeiro pleno unha campaña de prevención

Santiago. Tamén co motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora cada 25 de novembro, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que defenderá no próximo pleno da Corporación unha proposición para elaborar unha campaña de prevención do suicidio. Como base desta petición, os nacionalistas deron a coñecer uns datos preocupantes sobre o impacto que ten o suicidio entre as veciñas de Compostela, con cifras que a sitúan xa no podio das principais causas de falecementos entre a veciñanza feminina. Unha situación que, no caso dos homes, está moi lonxe de situarse nesas cifras. “É a terceira causa de mortalidade de mulleres en Compostela mentres que en homes é a 13ª”, recordan dende o BNG.

Tamén solicitan á Xunta un Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida na área de Santiago para que conte cun equipo específico de persoal sanitario e os recursos humanos e económicos necesarios neste ámbito. A agrupación nacionalista válese dos datos sobre a taxa de suicidios e lesións autoinflixidas elaborados no documento Atlas de mortalidade que reflicten unha cifra de 14,6 por cada 100.00 habitantes, o dobre que a media nacional que, no ano 2019, se situou nunha cifra de afectación do 7,5 por cada 100.000 habitantes.

“Para pór fin a esta situación en que as condutas suicidas son un claro problema na área do noso concello, aínda que estea silenciado por diversos motivos, faise necesaria a creación dunha unidade específica de prevención do suicidio e atención a persoas con condutas suicidas ou de autolesión, así como a elaboración de campañas de concienciación”, sinalou a concelleira do grupo nacionalista, Navia Rivas.

Tamén recordou que a situación de crise xerada pola pandemia inflúe negativamente no aumento de problemas de saúde mental e no número de suicidios “xa que está comprobada a correlación entre as dificultades económicas e o suicidio”. De feito, fai unhas semanas os encargados do Teléfono da Esperanza en Compostela recordaban neste xornal como dende marzo o número de chamadas en toda Galicia aumentou un 45 por cento. O responsable da organización Andrés Abel Fernández, sinalaba que “los problemas de la soledad, y la falta de relación social se van cambiando por el miedo a lo que va a pasar, o por el síndrome de la cabaña, por las obsesiones”.

Outro aspecto no que se pon fincapé dende o Bloque Nacionalista Galego é na necesidade de mellorar a atención en saúde mental na área sanitaria de Compostela, unha materia moitas veces olvidada e tantas outras silenciada polo entorno da persoa que a sofre, e inda ligada a un gran estigma social. ECG

25 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito