Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Teleasistencia e apoio ás persoas sen fogar

O Concello de Santiago firma novos convenios de cooperación con Cruz Vermella

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o presidente de Cruz Vermella Santiago, José Luís Barreiro Conde, asinaron onte dous convenios de colaboración para o desenvolvemento do SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, e dos programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar, cun importe total de 185.000 euros.

Para a colaboración co Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS), o Concello achegará 100.000 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña. En canto ao SEMUS, este cubre as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non están operativos, realizando as súas intervencións no lugar onde se xera a urxencia, cun tempo de resposta moi breve e ofrecendo solucións acordes ao contexto no que se producen.

Diríxese á atención de persoas especialmente vulnerables e que padecen situacións de risco que se presentan de forma imprevista. O servizo atópase dispoñible os 365 días do ano, entre semana en horario de 00.00 a 08.00 e de 15.00 a 24.00 horas, e sábados, domingos e festivos as 24 horas, emitindo informes aos servizos sociais municipais con obxecto de valorar a necesidade de dar seguimento á situación atendida.

Está destinado a aquelas persoas en situación de risco que requira de persoal especializado en intervención social, tales coma persoas maiores, menores en situacións de risco, mulleres vítimas de violencia machista, persoas sen fogar, violencia familiar, problemas sociosanitarios, persoas con discapacidade en situación de desprotección. Para activar o servizo cómpre chamar ao 112 ou a Policía Local.

En segundo lugar, o Concello colaborará no desenvolvemento dos programas Teleasistencia e Atención a persoas sen fogar, cun presuposto de 85.000 euros. A teleasistencia é un servizo técnico de natureza social que conecta as persoas usuarias con sistemas de atención de emerxencias, mobilizando os recursos comunitarios existentes no seu ámbito. Ofrécese a través de dúas modalidades: teleasistencia domiciliaria, basada nun terminal e un pulsador conectado dende calquera estancia do domicilio co persoal profesional as 24 horas do día, os 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade; e teleasistencia GSM, coa mesma funcionalidade que o anterior, pero coa diferenza de que leva incorporada unha tarxeta SIM, motivo polo que non precisa ir conectado á liña telefónica fixa.

O servizo é de balde para as persoas usuarias que, para poder solicitalo, deben estar incluídas nalgún dos seguintes supostos: ter máis de 65 anos, vivir ou pasar gran parte do día so/soa ou con outra persoa de similar idade e situación similar, estar empadroado no Concello de Santiago, ter cubertas as necesidades básicas de vivenda, alimentación e hixiene e dispor de liña telefónica e liña eléctrica no lugar de residencia habitual.

Por outra banda, o programa de Atención a persoas sen fogar ten como obxectivo o apoio e axuda ás persoas deste colectivo no seu día a día, así como no seu proceso de inclusión e integración. Cunha actividade que se remonta, en Galicia, a 1870, representa a maior organización humanitaria do mundo, que traballa para dar resposta ás persoas máis vulnerables da nosa comunidade, buscando así mellorar a súa calidade de vida e autonomía e favorecendo a súa integración social.

06 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito