Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Temor dos veciños de Fecha a un novo ‘caso Miramontes’

Temen que esta zona acabe convertida nun vertedoiro perigoso ante a intención de crear un depósito de material de construción

A veciñanza das parroquias de San Xoán e Santa Cristina de Fecha-Santiago reuniuse o pasado domingo ante o proxecto dunha empresa privada para instalar un depósito de materia de construción nos terreos da antiga canteira da zona, e que en principio serían residuos non perigosos. Con este contexto, os veciños temen que as súas parroquias acaben vivindo unha situación similar á de Grixoa co vertedoiro de Miramontes. “Considérase improcedente calquera intervención na zona na que hai xa moitos anos explotou unha empresa de Suecia as minas de cuarzo denominadas Minas da Barquiña, nas que se distinguía a Blanquita 1 e Blanquita 2. Hoxe en día o enorme filón que baixa cara o río Tambre, chegando moi preto del e a súa contorna de gran extensión, está cuberto de vexetación e ten riqueza paisaxística, flora e fauna a respectar”, explican os veciños, unha postura que comparte o concello de Santiago, tal e como trasladou a edil Mercedes Rosón a este diario.

“O Rural de Santiago e especialmente a zona Norte parece ser atractivo para o almacenamento de residuos que empezando por non perigosos, nin contaminantes é probable que cheguen a ser dun potencial destrutivo para o medio ambiente e en consecuencia para os seres vivos, por contaminación do aire e das augas, engadindo a isto tránsito de camións de alta tonelaxe que non teñen reparo en infrinxir as sinales de limitación, como se está a sufrir en Miramontes”, denuncian os veciños, que na xuntanza celebrada este fin de semana piden á Xunta de Galicia -organismo competente para unha futura licencia de explotación deste terreo- que non emita informes favorables que poidan facer que se acade o “obxectivo empresarial en prexuízo do medio ambiente, a saúde, o benestar e os intereses lexítimos da veciñanza”, indican os veciños baixo o amparo da federación que agrupa ao rural compostelán, Ferusa. Piden ademais que o lugar sexa visitado por persoal técnico de cara a que este realiza unha valoración do terreo.

En referencia ao Concello, tamén piden á alcaldía e a todo o equipo de goberno que defenda os intereses e dereitos dos cidadáns. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que de momento non consta ningunha licencia solicitada para un uso como depósito de material, senón simplemente unha solicitude de información onde se pon sobre a mesa un posible proxecto de almacenamento de material.

O proxecto pasaría por restaurar as instalacións existentes da antiga canteira, aproveitando as lousas de formigón para os depósitos de materiais e tamén outras instalacións coma os vestiarios. Rosón deixa claro que, en todo caso, o proxecto inicial fala de materiais de construción, e non de residuos de outro tipo. Pese a todo, explica que esa parcela, tal e como marca á lei de solo á cal está suxeita, depende da licencia que poida outorgar o goberno autonómico.

04 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito