Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Rocío Leira // Gañadora do Premio Xerais de Narrativa Xuvenil polo texto ‘Cicuta para dous’

“Un dos capítulos da novela está protagonizado por un elemento da zona histórica de Santiago”

Vén de gañar o Premio Xerais de Narrativa Xuvenil cunha “enorme satisfacción”. Rocío Leira Castro (Cee, 1979) é unha santiaguesa máis, porque aquí se licenciou en Matemáticas e aquí dirixe unha academia, aínda que non perde unha fin de semana na súa aldea natal da Pereiriña. Ten dous fillos pequenos -Adriana e Eloy-, concilia “facendo verdadeiros equilibrios” e escribe porque o necesita “para ser feliz”.

O relato premiado e dotado con dez mil euros é Cicuta para dous, “unha novela de intriga con trasfondo filosófico”, segundo indica a autora, que xa acumula outros premios de narrativa, pero tamén de poesía.

Escribe pensando en gañar certames?

Os premios supoñen un incentivo importante para min, non polo feito de gañalos, senón como motivación para escribir. Dispoño de moi pouco tempo polas miñas obrigas laborais e persoais, e moitas veces, o feito de que haxa unha data límite de entrega nun concurso é o empurrón definitivo. Así foi como naceron moitas das miñas obras.

Só lle interesan a intriga e o misterio?

Son moi ecléctica no que a gustos literarios se refire, pero si é certo que a intriga é un dos meus xéneros predilectos. Como lectora, as novelas dese estilo supoñen un reto inmenso, porque requiren prestar atención plena ao texto para tratar de desentrañar as trampas ou xogos que propón o autor. Como escritora, as novelas de misterio supoñen tamén un gran desafío, pois tratar de captar a atención do lector durante toda a novela, e de sorprendelo cun final inesperado e á vez coherente coa trama, non é cousa menor.

Por qué elixiu Santiago como espazo desta novela?

É onde vivo, polo que representa un escenario moi cómodo para min. Nesta caso, a cidade só aparece como telón de fondo, xa que polo carácter solitario e antisocial de Erundino Torrón -o filósofo protagonista-, a trama transcorre entre as paredes da súa oficina de traballo.

Entón, pouco achega?

Sen desvelar nada, podo adiantar que hai un elemento da zona histórica de Santiago que protagoniza un dos capítulos, e que vai ter un papel importante na resolución dalgún dos enigmas aos que se debe enfrontar Erundino.

Sen contar o universo xacobeo, ata onde daría Santiago como marco literario?

O patrimonio de Compostela ten a suficiente envergadura artística e cultural como para poder protagonizar un sinfín de novelas. Ademais, a variedade de ambientes, as distintas tipoloxías de escenarios que nos podemos atopar paseando as súas rúas, son unha fonte de inspiración inesgostable para todos os creadores. Din que as musas se xuntaban no monte Parnaso, pero iso era porque aínda non coñecían Compostela.

E a vostede de onde lle vén a inspiración?

A inspiración pode xurdir de calquer pequeno detalle. Un xesto, unha palabra, ou mesmo un certo recendo poden desencadear unha onda de creatividade e rematar nun libro. Por non falar das páxinas dos xornais. Cada unha das novas que alí se recollen podería dar para unha ou varias novelas por si mesmas.

Cando e onde escribe, como é o seu proceso?

Acostumo a escribir polas noites, pero fágoo de maneira anárquica. Non teño unha rutina, nin en horarios nin en sitio. Os meus procesos de escrita van case sempre aparellados a un futuro concurso ao que desexo presentarme, aínda que a temática case sempre a teño mastigada moito antes.

Revisa e cambia moito os seus textos?

Son unha lectora moi esixente. Sempre quero que a lectura me resulte novidosa nalgún aspecto. E como escritora sucédeme o mesmo. Por iso prefiro quedarme coa miña primeira intuición e non revisar moito o texto orixinal, máis aló de certas correccións tipográficas e de estilo. Do contrario, nunca lograría unha versión plenamente satisfactoria.

Que le?

De todo, e non só libros. Son lectora compulsiva de xornais e revistas. De feito, esa é unha das miñas afeccións favoritas e á que dedico un tempo importante cada día. No aspecto literario teño predilección polas novelas de intriga e polos ensaios, pero non deixo de lado outros xéneros como a poesía ou o teatro.

Que emoción lle representa que o seu antigo profesor Viaño veña de ganar a última edición do Premio de Relato Curto Alumni USC, que vostede xa ganou en 2018?

Pois foi unha sorpresa moi grata decatarme de que o seu relato fora premiado. Era coñecedora de primeira man do seu bo facer como matemático, pero descoñecía a súa faceta de orfebre das letras. Tiven ocasión de felicitalo persoalmente e foi moi emocionante descubrir que ambos compartimos amor polos números e tamén polas letras.

Escolla entre escribir e dar matemáticas?

Son unha matemática vocacional tremendamente apaixoada. A día de hoxe desexo poder vivir sempre da miña profesión. É o que me fai máis feliz e me realiza plenamente. A escritura, pola contra, é unha afeccion que me encanta, unha compañeira que me deu moitas alegrías e que desexo que me acompañe no meu camiño, pero polo momento, non o vexo como algo ao que dedicarme a tempo completo.

Persoalmente, que aprecia de Santiago e por qué?

Gústame o seu ambiente estudiantil e multicultural, onde a arte, a historia e a tradición milenaria se fusionan coa modernidade máis rompedora. Adoro a cultura en todas e cada unha das súas formas, pero a oferta de ocio é tan ampla que non me chegarían as horas do día.

21 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito