Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
FEIRA. Nace no adro da Colexiata do Sar como proposta para dinamizar o barrio, mediante a achega de produtos agroartesáns e de segunda man, aos que dar unha nova vida // Participa o alumnado do Colegio Montessori Compostela co seu propio stand // Instálase o primeiro xoves de cada mes TEXTO Pablo Baamonde

Un novo mercado con moita alma

Varios produtores da comarca de Santiago unen os seus esforzos para facer un novo mercado agroartesán en Compostela. Onte, día da Inmaculada, comezou a súa andaina o Mercado de Man con postos de horta, de artesanía e de produtos de segunda man, unha iniciativa na que tamén xoga un importante papel o alumnado do colexio Montessori Compostela, cuxos traballos exhíbense co resto de artigos á venda. O mercado instálase no adro da Colexiata de Sar o primeiro xoves de cada mes, de catro a oito da tarde, co obxectivo de dinamizar o barrio de Sar mediante a achega á xente de elaboracións feitas á man e cousas usadas ás que darlle unha nova vida. Así mesmo, quere reunir un bo número de actividades artesás ofrecendo un sitio doado no que expoñer os seus produtos.

Deste xeito, e pese a un primeiro arranque pasado por auga a causa dos desafortunados chubascos que precipitaron na primeira parte do serán, os ánimos mantivéronse elevados nesta nova iniciativa que onte comezou no barrio de Sar. O Mercado de Man viu a luz grazas á colaboración entre artesáns e produtores da comarca de Santiago e conta tamén coa participación do Colegio Montessori Compostela: uns e outros aportaron as súas achegas aos expositores que se instalaron no espazo cercado da Colexiata.

GAMA ARTESANAL. Na que foi a primeira cita no percorrido da feira, o seu catálogo reuniu xa unha boa cantidade de ítems. De primeiras, o público asistente deu cun amplo abanico de produtos frescos e de horta cultivados e expostos baixo o selo de “agricultura ecolóxica certificada”, así coma algunhas froitas de tempada, marmeladas e meles artesanais e un lote de xabóns caseiros esculpidos de xeito temático.

Cabe destacar tamén un posto no que se servía á clientela chocolates quentes en vaso e bolos de vento, unha combinación popular que moitos escolleron para acompañar os paseos durante a inspección dos distintos postos.

APORTE ESTUDANTIL. Por outra banda, un grupo de estudantes do Montessori Compostela estivo ao cargo do seu propio stand, no cal resultaba imposible non pousar a mirada froito da curiosidade, a cal espertaba o colorido e a variedade do seu repertorio. Dende unha selección de doces de Nadal ata postais ilustradas, pasando por decoracións, abalorios e mesmo gorros de punto; esgrimindo amplas sonrisas o alumnado puxo ao dispór da audiencia visitante un repertorio diverso á par que interesante e que invitou a apreciar os detalles en cada produto. Ademais, para completalo incluíuse nel unha serie de ilustracións debuxadas pola man da artista Kari Gale, quen tamén quixo engadir o seu gran de area nesta nova iniciativa do barrio compostelán.

VINDEIRA CITA EN XANEIRO. Así, só queda agardar polo catálogo que presentará este novo mercado o vindeiro día 5 de xaneiro, que será o primeiro xoves do mes -e do ano-, xa que achegarse á Colexiata e botar unha ollada de seguro se tornará un apetecible plan de tarde para máis dun. Máis aínda cando virá acompañando a inminente inauguración doutras feiras de tempada na cidade; nomeadamente, o Mercado da Estrela e o Mercado de Nadal. O primeiro, lembramos, terá lugar entre o 16 e o 18 deste mes en San Martiño Pinario e no Centro Social Abanca; mentres que o segundo dará inicio o vindeiro día 23 e continuará ata o 5 de xaneiro, mesma xornada que ocupará, como diciamos, a segunda sesión do onte inaugurado Mercado de Man. Polo momento, o proxecto preséntase coma unha espléndida oportunidade para dinamizar o barrio e fomentar o dote dunha segunda vida a unha gran cantidade de artigos, así coma para instaurar un novo punto de interese para os fanáticos da artesanía e a horticultura.

09 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.