Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Un proxecto que merece diagnose

    Recentemente participamos nunha mesa de debate organizada polo club financeiro ao que lle agradecemos a invitación. Gustaríanos que unha mesa similar se tivese organizado hai meses polo grupo de goberno e, posiblemente, así evitarían ternos metido nun problema, que está prexudicando ou vai danar a todas as partes. A nós lévanos amolando desde abril e quizais ao PSdG o lesione a partires de maio do 2023.

    Na axenda urbana aparece 17 veces a palabra colaboración e o goberno municipal manifestou en varias ocasións que “está a disposición de todas as outras Administracións implicadas e de todos os interesados, para entendernos nun marco no que todos esteamos de acordo.”

    Que o noso colectivo é parte interesada non é interpretable, porén levamos meses, desde antes do Pleno de setembro, solicitando unha entrevista cun Alcalde de apertada axenda. Cabe destacar que os outros grupos facilitaron os encontros sempre que se lle pediron.

    Con esta situación, produciuse o debate, cuxo obxectivo dos organizadores era: “clarificar a situación das VUTs e avanzar para chegar a unha solución”.

    Todas as persoas asistentes coincidimos en dous importantes aspectos: na necesidade de regular as vivendas de uso turístico e na conveniencia de mellorar a modificación do PXOUM que se pretende aprobar. Neste último, a concelleira de Urbanismo non parecía entusiasmada, vese que o considera inmellorable.

    Os representantes dos outros grupos expuxeron discrepancias coa modificación en relación a asignar os baixos e as primeiras plantas para a localización de VUTs.

    O representante do PP insiste en que non hai estudos feitos que sustenten a necesidade desta modificación. E nós opinamos o mesmo.

    O de CA falou de que as limitacións poderían ser por zonas, estratexia que tamén consideramos máis xusta e máis eficaz para limitar a proliferación descontrolada.

    Mentres que Goretti Sanmartin, portavoz do BNG, falou de que sería interesante abordar o número de vivendas por propietario, aínda que subliñou que isto non é competencia municipal senón do Parlamento, defendendo que nas plantas baixas debe haber comercios, que son os que lle dan vida á cidade. Nos estamos totalmente de acordo. En que se convertería Compostela se cambiásemos os escaparates por VUTs?

    Ademais, falamos da campaña de desprestixio da que somos obxecto, campaña que vai conseguindo os seus obxectivos. Lévanse tempo publicando informacións, case a diario, coas versións dalgunhas inmobiliarias que indican que o propietario de vivenda de uso turístico é un especulador, que deixa sen vivenda ao estudantado, que baleira o casco histórico...

    Tamén publican que o turista é ese individuo molesto para a veciñanza, porque ven amolar coas rodas das maletas e isto, que é totalmente ridículo, a base de repetilo, xera estados de opinión que derivan, moitas veces, en condutas prexudiciais para todos.

    Contounos fai pouco un traballador dunha inmobiliaria que algunhas comunidades de veciños nas reunións xa falan de prohibir as VUT nos edificios. É curioso o xeito no que as obsesións secuestran a capacidade de razoar.

    Un exemplo real: na comunidade dun membro do noso colectivo, nunha ocasión, alguén falou de prohibir os cans. Este expuxo que cantas máis limitacións estatutarias teña unha comunidade, menos posibles compradores terá cada apartamento chegado o caso de ter que vender e, polo tanto, menos valor alcanzará. É unha reflexión importante que deberían facer os propietarios antes de meterse un tiro nun pé, non vaia ser que na mesma Rúa teñan moito máis valor os apartamentos do nº17, que venden pisos sen limitacións de uso, que os número 19, que valen para segundo que cousas.

    Na mesa, a postura do grupo de goberno defendeuna Mercedes Rosón e sostivo que “se está a dar unha resposta equilibrada e xusta”, no equilibrio cómpre ter en conta que é obxectivo da modificación “limitar a proliferación descontrolada de vivendas de uso turístico”. Nós estudiamos unha ampla zona do Ensanche na que actualmente hai 132 VUTs rexistradas no REAT, e na que unha vez aprobada a modificación serán vutables 1267 vivendas. Podemos dicir que haberá unha multiplicación abundante, isto é a proliferación, pero, iso si, controlada pola norma urbanística.

    Rosón defendeu a limitación aos baixos e primeiras plantas argumentando que é “unha decisión técnica e xurídica que xa está testada noutras cidades”, e comentou que “levara moito tempo chegar a esa conclusión”. A continuación, puxo como exemplos Barcelona e Amsterdam, cidades con datos cuantitativos que teñen en común cos de Compostela entre pouco e nada.

    Cómpre ter en conta que en calquera proxecto (e a modificación do PXOUM é un proxecto) é necesario facer unha diagnose do contexto, para adecuar as estratexias aos obxectivos. Isto non deberan obvialo os propoñentes da modificación.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.