Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha exposición destaca a importancia do Camiño na obra de Hamish Fulton

‘Walking East’ permanecerá no CGAC ata febreiro do ano que ven // Amosa imaxes de lugares coma Fisterra ou Hendaia

O conselleiro de Cultura Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou onte no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a exposición Hamish Fulton. Walking East, na que se pon de relevo a importancia do Camiño de Santiago na obra deste autor británico e como feito estético e artístico.

Trátase dun proxecto enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, e realizado en colaboración co Museo Universidade de Navarra, no que se mostra un percorrido que parte de Fisterra cara ata Hendaia, en Francia, pasando por Compostela, Pamplona e Roncesvalles. Deste xeito, destácase a importancia do Camiño de Santiago e a conexión entre dúas cidades, Compostela e Pamplona, marcadas pola Ruta Xacobea.

Na súa intervención, o representante da Xunta referiuse ao artista británico como “un dos grandes retratistas da natureza do noso tempo” e sinalou que a súa obra ilustra á perfección o “mapa de sentimentos que se vive no Camiño e que reflicte a necesidade do ser humano de descubrir e de desprazarnos”. Neste senso, engadiu que a súa ollada apunta directamente á acción de camiñar como un feito artístico e unha fonte de inspiración. Por outra banda, Román Rodríguez destacou que esta nova mostra do CGAC súmase ás múltiples iniciativas que abordan o fenómeno do Ano Santo e da peregrinación desde múltiples olladas. Proba disto son a mostra sobre o Camiño Portugués que se inaugurou esta mesma semana na Cidade da Cultura ou a retrospectiva Percorrer o tempo que pode verse na Autoridade Portuaria da Coruña e ofrece imaxes da Ruta tomadas por algúns dos mellores retratistas do mundo.

A exposición inaugurada onte acolle por primeira vez o conxunto de obra seriada producida por Hamish Fulton ao longo da súa traxectoria artística, así como unha selección de imaxes procedentes doutros proxectos desenvolvidos en España e de carácter internacional. Comisariada polo doutor en Belas Artes valenciano Pep Benlloch, a mostra conta tamén cunha fotografía e dúas esculturas de madeira pertencentes á colección do CGAC, xunto a préstamos de diversas coleccións privadas e públicas españolas, entre as que figuran o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a Colección de Inelcom de Madrid ou Bombas Gens de Valencia.

Walking East pódese visitar ata o 20 de febreiro de 2022, de xeito libre no horario habitual de apertura do CGAC e os domingos ás 12.00 horas cunha visita guiada por mediadoras especializadas en arte.

30 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito