Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha homenaxe póstuma ensalza a unha referente da Bioestatística

Carmen Cadarso, finada o ano pasado, foi recordada nun emotivo acto enmarcado na quinta reunión científica da Rede Nacional Biostatnet

No marco da quinta edición da reunión científica da Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet), a Universidade de Santiago de Compsotela celebrou onte un acto de homenaxe, na Facultade de Medicina e Odontoloxía, á profesora Carmen Cadarso, finada en xuño do ano pasado.

A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa participación de Julián Álvarez Escudero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía; Rosa María Crujieiras Casais, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMaga); David Conesa, da Universitat de Valencia e coordinador de Biostatnet; e Guadalupe Gómez Melis, da Universitat Pompeu Fabra e representante de Biostatnet. O reitor aproveitou a súa intervención para poñer en valor a dilatada traxectoria da homenaxeada, unha referente na aplicación de metodoloxías estatísticas no ámbito clínico e epidemiolóxico.

“O valor do colectivo” foi a frase elixida pola profesora Rosa Crujeiras á hora de sintetizar “a maneira que Carmen tivo de entender a súa labor como bioestatística, a súa maneira de relacionarse coa súa comunidade e coa sociedade”, sinalou a tamén directora do CITMaga. Crujeiras subliñou a vontade que a homenaxeada sempre tivo de crear unha contorna “que permitira formar os novos talentos e que nos proxectara, como comunidade”, no ámbito estatal e internacional.

Tras estas intervencións desenvolvéronse diversos relatorios nos que se explorou, dende diversas perspectivas, a gran traxecotria da homenaxeada Carmen Cadarso. Comezando así coa su carreira en Biostatnet da man das intervencións de Guadalupe Gómez Melis da UPC e Ana Bouzas Lorenzo da USC; e continuando coa súa contorna investigadora europea a través das achegas de Bruno de Sousa da Universidade de Coímbra, Thomas Kneib da Universidade de Gottingen e Christel Faes da Univerisade de Hasselt.

O acto afondou tamén na relación de Cadarso Suárez co alumnado de doutoramento. Para profundar nesta cuestión interviñeron Javier Roca, da Universidade de Vigo; Luís Filipe Meira Machado, da Universidade do Minho; Mar Rodríguez Girondo (LUCM); Elisa Duarte (OCDE); e Óscar Lado Baleato, do IDIS.

Por outro lado, os traballos da profesora homenaxeada no cambio da Biomedicina foron abordados por Francisco Gude Sampedro, tamén do IDIS, e, para rematar o acto, David Conesa Guillén foi quen oficiou a clausura do evento, que se pechou con música coral.

UNHA DILATADA TRAXECTORIA. Carmen Cadarso Suárez era, no intre do seu pasamento, profesora do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC. A catedrática estaba adscrita ao CITMAga, e deixou tras de si unha traxectoria de máis de 30 anos de docencia e de
coordinación de proxectos
e redes de investigación.

Cadarso era especialista en modelos de regresión flexibles e joint modelling para datos lonxitudinais e de supervivencia, e desenvolveu unha ampla experiencia na aplicación de metodoloxías estatísticas no ámbito clínico e epidemiolóxico. As súas liñas de investigación xeraron máis dun centenar de publicacións internacionais en revistas de impacto no eido da Estatística e da Biomedicina. Así mesmo, dirixiu o grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos, foi copromotora da spin-off académica Biostatech, Advice, Training and Innovation in Biostatistics, e dirixiu tamén a Rede Nacional de Bioestatística. Ademais, foi directora do Centro Interdisciplinario de Bioestatística de carácter mixto e internacional da USC (Icbusc).

Tamén desenvolveu a codirección do mestrado propio de Bioestatística da USC e dirixiu preto dunha vintena de teses de doutoramento. Participou activamente na organización de máis de 30 Congresos e Workshops de Bioestatística, dez deles de ámbito internacional. Nos últimos anos participou en múltiples proxectos, de nivel internacional, estatal e autonómico.

“A súa dilatada experiencia en investigación estatística, cun claro enfoque e importantes contribucións no ámbito biomédico, quedou de manifesto no seu extenso currículo, con máis de 200 publicacións en revistas internacionais de impacto, así como o seu liderado en numerosos proxectos de investigación competitivos”, sinalaron dende a Facultade de Matemáticas, facendo fincapé na “labor de dinamización que levou Cadarso nas áreas biomédica e bioestatística, establecendo pontes entre a investigación que se realiza nos dous ámbitos”.

A súa traxectoria e contribucións “nun ámbito tan fundamental para o noso benestar como a saúde e as Ciencias da Vida, levouna a xerar unha escola de profesionais da estatística que senten un gran agradecemento pola formación académica e o apoio persoal recibido”, sinalaron. “Toda a comunidade académica que a coñeceu e que colaborou con ela sente hoxe admiración pola súa persoa e unha grande pena pola súa perda”, engadiron.

20 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito