Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Hoxe ten lugar o Día Internacional dos Museos, unha data simbólica na que oito centros de Santiago abren as súas portas a todo o público // Haberá visitas guiadas, actividades variadas e representacións para destacar a seu traballo TEXTO F. Cernadas

Unha xornada para desfrutar de balde dos museos da cidade

Como ven acontecendo dende hai once anos, Santiago conmemora hoxe o Día Internacional dos Museos, unha xornada coa que se quere pór de relevo a importancia destes centros como espazos de reflexión, abertos tanto á análise do pasado como ás novas ideas, que serven de impulso na transformación do mundo que nos rodea. Para iso, cada unha das oito institucións participantes contará cunha programación especial ao longo desta xornada e mesmo das posteriores, de xeito que composteláns e visitantes poderán gozar de numerosas actividades: portas abertas, visitas guiadas, exposicións, rutas, conferencias, cursos, música, teatro ou cine.

Baixo o lema O poder dos museos, esta cita proposta polo Consello Internacional de Museos contará coa participación na capital galega de ata oito centros. Como parte da celebración despregarán alfombras vermellas ante a entrada de cada unha delas, co obxectivo de simbolizar a súa forza e poder, así como destacar a súa presenza dentro do espazo público.

CGAC. Xa dende o pasado 14 de maio e ata o domingo 22, o Centro Galego de Arte Contemporánea programa actividades para todos os públicos como a ruta arquitectónica pola cidade, o CGAC e outros fitos da arquitectura contemporánea compostelá; sesións abertas no curso en liña Intrahistorias da arquitectura IV; e no presencial A construción da modernidade: vangardas e posvangardas; visitas guiadas especiais Cómo se fixo?: a mostra Cruzamentos desde os almacéns ás salas de exposición, nas que os artistas e comisarios desentrañarán o que se agocha detrás dun proceso expositivo; dous Talleres para familias dedicados ao artista Aldo Chaparro; e outras dúas ás exposicións en curso.

MUSEO DO POBO GALEGO. Nesta data especial, a entrada será de balde e haberá visitas comentadas á exposición Coreografías do facer. Imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen, reaberta para a ocasión na ala sur. Ademais, pola tarde, celebrarán o taller de pandeireta e outras percusións, O poder das ferreñas. Dirixido por Carme da Pontragha para persoas de 12 a 16 anos con calquera nivel de coñecemento, o obradoiro é gratuíto, pero ten prazas limitadas polo que hai que inscribirse previamente.

A maiores, mañá, tamén con reserva previa, farán un itinerario sonoro pola colección permanente: Son(em)peza, unha proposta que asocia pezas físicas e sonoras da colección e arquivos do centro.

Museo das Peregrinacións e de Santiago. Con motivo desta celebración, ten programadas unhas xornadas eclécticas para satisfacer os intereses dos seus diversos públicos. Propoñen dende actividades didácticas para os máis pequenos, centradas nos fondos arqueolóxicos, a outras de lecer que farán do museo un punto de encontro cultural para a rapazada. Do mesmo xeito, convidan a realizar as visitas contadas especiais DIM, poñendo unha lupa no traballo invisible que esconden.

Tamén estrearán o documental divulgativo da Translatio, así como conferencias e obradoiros especializados de diversa temática, destacando, por exemplo, o de cestería.

Museo Casa de la Troya. Dirixido por Benigno Amor, reabre ao público hoxe, comezando así a súa temporada de primavera-verán, que se prolongará ata finais de setembro. Con motivo da efeméride, celebrará unha xornada de portas abertas, con visitas guiadas cada media hora para grupos dun máximo de dez persoas.

Museo de Historia Natural da USC. Celebrará un día aberto ao público, no cal estrean a exposición permanente Bolboretas do mundo, con máis de 250 especies ibéricas e exóticas. Ademais, teñen preparado un novo punto de fotografía nesta área. A raíz desta data, tamén actualizarán a exposición temporal ‘Recuncho de curiosidades’, con exemplares de animais con moi mala sona na cultura popular como serpes, píntegas, vampiros ou tarántulas, completándose cunha vitrina de réplicas de réptiles e anfibios de Galicia. Por último, este venres terán lugar dúas visitas guiadas gratuítas, deseñadas tanto para familias como para público en xeral.

Fundación Granell. Dende hoxe e ata o sábado 21, a visita será de balde, nunha conmemoración na que inclúen un percorrido guiado para este venres aos traballos da Visita conservada. Outra forma de ver. A maiores, mañá levarán a cabo o Maratón de Lectura, adicado a José Rubia Barcia. O libro será Umbral de sueños, ilustrado por Granell.

Museo Pedagóxico de Galicia. Esta institución ofrece ata o sábado a ruta Camiño por andar, unha oportunidade de percorrer a súa exposición dende unha nova ollada centrada no desenvolvemento sostible. Na mesma liña, o venres, o público familiar poderá gozar do espectáculo teatral Xan Perillán e a maleta máxica, a cargo de Os monicreques de Kukas, e hoxe e mailo sábado realizarase un escape room, no que os participantes deberán acadar o xeito de escapar do museo resolvendo enigmas e procurando pistas nas distintas salas. Tanto a entrada como as propostas serán gratuítas, se ben requiren inscrición previa.

Museos na Catedral. Tamén acollerá unha xornada de portas abertas o Museo da Catedral, con acceso de balde á colección permanente, con libro-guía de visita como obsequio, así como visitas guiadas á colección de tapices. Tamén haberá entrada gratuíta ao museo, claustro e igrexa de Santa María de Sar, con percorrido guiado ás 12.30.

18 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.