Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Dramawalker. Trátase dunha ficción sonora do Grupo Chévere en colaboración co Centro Dramático Nacional e o Galego // Entre outros feitos, narra o encerro no centro sociocultural ou as reivindicacións da Asociación do barrio TEXTO Andrea Oca

Viaxe ao pasado de Vite (I): unha historia de loita veciñal

Relatar a historia dun barrio a través de ficcións sonoras foi a premisa da coprodución do Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego e a compañía compostelá Grupo Chévere. O resultado é Dramawalker Vite, unha viaxe sonora por diferentes historias relacionadas co barrio, desde os primeiros veciños que foron trasladados alí mentres agardaban a que se construísen os actuais edificios, ata historias persoais ou a posta en valor da loita veciñal. Neste último punto destaca o capítulo chamado Sinfonía de Vite en catro movementos veciñais, escrita por Paula Carballeira, coas voces de Arantza Villar e Daniel Baamonde, o deseño de son de Xacobe Martínez Antelo e as ilustracións de Tristán Ron Ferreirós (autor de todo o contido visual de Dramawalker Vite). Esta sinfonía recupera e reivindica a memoria da loita veciñal durante os anos 80 e 90, coa que se acadou a mellora das condicións de vida de todos os habitantes do barrio.

Comeza nunha parada clave para os veciños do barrio: a súa Asociación. “Somos cada bloque de edificios, os conflitos e as solucións. As xeracións perdidas e as gañadas”, defínense nos audios. A orixe desta asociación está, como non podía ser doutra forma, na propia orixe do que foi a etapa moderna que fixo do barrio o que é hoxe en día: a construción dos bloques de edificios. Foi nese momento cando os veciños detectaron as grandes lagoas que estes presentaban, tomaron o camiño da unión para facer a forza e xuntáronse “para loitar coas xestoras, para amañar os problemas de construcións, as humidades”, relata a historia ao compás musical de se mo deches non mo deras, eu pedir non cho pedín, déchesllo a quen quixeches, quéresmo cobrar a min.

Así, desde á chegada ás novas vivendas no 1976 a unión dos veciños acadou éxitos en forma de convenios de colaboración do plan sociocomunitario ou incrementos de orzamento. “Cartos para seguir facendo. Tiñamos deseñados varios plans, e chegabamos aos bloques e topando cos problemas. Pere as fendas dos novos edificios non foron o principal problema dun barrio que arrastraba unha fonda fenda social”, así os veciños tamén utilizaron o incipiente asociacionismo para loitar por unhas xeracións de mozos que comezaban a naufragar no seu camiño vital particular. Tal e como lle contaron os que viviron esas épocas aos autores de Dramawalker, eran xente nova que deixaba aos estudos e topaba coa realidade. Non tiñan cabida nunha sociedade que non lles daba emprego, e non quedaba para eles máis que a rúa. Por iso, a Asociación empeñouse en sacalos da miseria, en intentar que fixesen algo máis “que facer cola para conseguir droga que lles fixese máis soportable a espera a que todo mudase”, relatan. A consecuencia era a dunha mocidade que vendía o que atopaba, roubaba ou enganaba para conseguir cartos para utilizalos no único que lles facía non pensar. “Un dos plans era ocuparlles as horas para non deixalos ciscados nos parques, nos soportais”, contan.

Outro dos episodios que dá conta da loita veciñal realizada é o relacionado coa conquista do centro sociocultural, a través dun peche no interior do inmoble, en 1995. O centro inaugurárase en 1991, pero cos veciños á marxe. Denunciaban que non se lles dera espazo, e quedaron un venres para reclamalo. Entraron ao centro sociocultural cargados de disposición e comida, e pouco tardaron en recibir a visita da Policía. Foi aí cando se produciron diálogos tan curiosos entre os axentes e os manifestantes como os que se reproducen nos audios, nos que os policías pedíanlles que se identificasen e eles respondían coa mesma petición. Como se resolveu? Un dos policías, no lugar de identificarse, deulle o seu carné a un compañeiro para que o lese o outro. Así que os manifestantes responderon coa mesma moeda. Unha das mulleres deulle o seu carné a un compañeiro para que o lese. “Pensamos que nos ían botar a patadas, pero ao final veu un e só nos dixo que non romperamos nada. E deixou que nos trouxesen comida. Quedamos toda a fin de semana”, rememoran. Co rebumbio xerado, e a posterior chegada da prensa, finalmente o Concello cedeu e chegouse a un acordo.

Tamén hai partes cun final menos satisfactorio, como o ocorrido nun partido celebrado no polideportivo do barrio. Un encontro que coincidía coa inauguración do espazo, en 1989, e coa celebración das eleccións europeas. Todos os políticos estaban alí presentes. Os membros da Asociación quixeron aproveitar o evento para levar agochadas entre a roupa as súas pancartas nas que pedían melloras para o barrio, vivendas dignas, un local onde reunirse ou axudas para o plan de prevención da delincuencia. No medio do partido, un feito marcaría para sempre o recordo dese día: a rotura da canalización. Moitos dos presentes botáronlle a culpa aos membros da asociacións, “foron os de sempre, sempre tedes que dar a nota, ides polas malas”, escoitaban. “Nos días seguintes chovéronnos as queixas, pero ninguén nos escoitou, non boicoteamos nada. Ninguén rebentou a canalización adrede”, defendéronse eles.

As historias da loita social do barrio son só catro dos capítulos que forman Dramawalker Vite, no que tamén hai espazo para historias persoais, como as de Toni e Toné. Ou para o pasado do barrio antes da chegada dos edificios, na época das Casas de Vite, despois coñecidas como A Ponderosa, un relato contado por un dos seus habitantes, Juan.

28 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito