Entrevista | Sofía Espiñeira Cantante

“É unha viaxe que pon en relación as paisaxes internas coa xeografía”

Captura do vídeo musical que sacará esta madrugada

Captura do vídeo musical que sacará esta madrugada / Cedida

Sofía Espiñeira é unha artista natural de Mugardos, pero afincada en Santiago de Compostela. A pesar de traballar dentro de distintas disciplinas artísticas, a música é onde atopa o seu proxecto máis persoal. Gañadora do Premio Martín Códax á mellor Canción de Autor/a 2022, esta noite, ás doce, lanza o primeiro single do seu novo disco, Xeografías, que estará dispoñible nas súas plataformas e, ademais, irá acompañado dun vídeo musical.

Como foi o inicio do teu camiño dentro do mundo da música e, concretamente, na canción de autora?

Comezo o proxecto musical no 2016 lanzando o meu primeiro disco despois de ter gañado o II certame de canción de autor do concello de Teo, xa que o premio era gravar nun estudo. Ata ese momento era algo máis íntimo, persoal, pero ter gañado ese certame permitiume iniciar o meu proxecto co meu primeiro disco: Alá onde agroman as herbas. Este foi o punto de partida de comezar a facer composicións propias.

E que é o que a anima a sacar este segundo disco?

Pois como o meu comezo foi bastante casual, non tan premeditado, este segundo disco é un paso máis aló. Quero afianzar o proxecto e facer un segundo capítulo xa dende outro lugar, cunha experiencia xa percorrida nos directos, xa sabendo quen é Sofía Espiñeira como música e como artista musical. Este segundo disco para min é un pouco iso, ademais de un voto de confianza para amosar que eu quero ir máis alá co meu proxecto musical, quero que sexa algo que perdure.

Hai algún elemento de inspiración ou unha idea que realmente queiras transmitir con este álbum?

Si. Agora mesmo lanzo o primeiro sinxelo que é só unha canción que se chama Xeografías, que é a que dá o nome a todo o disco. Non falei moito da idea, pero de forma xeral é unha especie de viaxe que pon en relación as paisaxes internas, que son o corpo, as emocións... coa xeografía. Poño en relación tanto as paisaxes de fora como as de dentro, por iso decidín que se chamase Xeografías. Escollín esta canción porque é onde este concepto está máis presente.

Claro, fala desta canción que está a piques de saír pero nela chama moito a atención que está feita soamente con voz e percusión corporal, por que esta decisión?

O resto do disco ten instrumentos e eu normalmente sempre vou acompañada da guitarra, pero esta canción fai un punto de inflexión dentro do álbum xa que os únicos instrumentos que aparecen parten do corpo. Nesta canción poño en relación os lugares exteriores, as partes de corpo e as emocións; está todo o tempo esta tríada de elementos que van movéndose pola canción. Por iso considerei que o máis adecuado era facela con partes do corpo: bater cos pés, as mans, o son da pel, a voz... Considerei que tiña que ser unha canción moi crúa no sentido de que fala un pouco das feridas do corpo escrito, das cicatrices que hai debaixo da pel e as dores. Ao falar así do que sentimos quixen que fora unha canción non só crúa, senón tamén espida.

Se tiveras que darlle unha definición ao estilo deste novo álbum, cal sería?

Cústame moito porque a miña inspiración está en distintos estilos musicais que levo ao meu terreo coa miña forma de compoñer e cantar. Pero sempre remato por definir o meu traballo como composicións que parten das músicas de raíz, as músicas do mundo. Esta canción que está a piques de saír quizás poida soar un pouco máis tradicional, pero hai outras que teñen sons máis do Brasil, africanos... Bebo de estilos de distintos lugares do mundo. Isto súmase á canción de autor, que é moi espida e moi íntima.