Entrevista | Xosé Ramón Mariño Ferro Antropólogo

“O Entroido parécese ao tópico cristián sobre o paganismo pero é unha festa moi católica”

Orixinario da parroquia de Castrofeito, Xosé Ramón Mariño Ferro (O Pino, 1950) exerceu de profesor titular de Antropoloxía Cultural na USC ata a súa xubilación. Experto en cultura popular galega e europea, na súa obra O Entroido ou os praceres da carne (Edicións do Castro, 2000) debulla a tradición e os ritos do Entroido partindo do seu nexo coa Coresma.

Xosé Ramón Mariño Ferro coa súa máscara de peliqueiro

Xosé Ramón Mariño Ferro coa súa máscara de peliqueiro / Cedida

Cal é a conexión entre o Entroido e a Coresma?

O Entroido é a inversión da Coresma. Faise todo o que na Coresma está prohibido: comer moito, divertirse, ter sexo… Antes de empezar a Coresma, a penitencia, faise ao grande o que despois non está permitido. Hai que pensar que a Coresma era unha cousa moi seria, non é coma agora. Houbo cambios ao longo dos séculos, pero na Coresma só se comía unha vez ao día, era moi dura.

Coma no Ramadán.

Si, era un pouco coma o Ramadán. Tamén están todo o día sen comer, pero despois á noite fan unhas cuadrillas tremendas. Algo así, pero na Coresma e antes desta penitencia na que só se podía comer unha vez ao día, na que estaban prohibidas todas as carnes, incluso en épocas o peixe, non se podía beber, non podía haber matrimonios porque non podía haber sexo, non se permitía a música… Eran realmente uns corenta días de moita penitencia. Antes de chegar, facíase unha despedida do tempo carnal, do resto do ano que non é Coresma onde está permitido todo iso moderadamente. Pero durante os días previos, no que chamamos o Entroido, celebrábase o que logo ía estar prohibido.

De aí vén o significado etimolóxico da palabra Entroido. 

Si, o Entroido vén do latín “introitus”, que significa "entrada" ou "comezo" da Coresma e Carnaval quere dicir “a despedida da carne”. “Carnestolendas”, que é un nome que agora non pero que antes se utilizaba moito na Península, significa “carnes prohibidas”. Os nomes das festas facían referencia ao que eran: a despedida da carne antes da penitencia coresmal.

Entón cal sería a función do Entroido dentro desa tradición cristiá?

A función máis importante desta festa é o que eu chamo “demostración por reducción ao absurdo”. O Entroido era festexar a carnalidade desaforadamente e todo se facía ao revés. Ademais de comer moito, de moita festa, despois había tamén a práctica dos oficios ao revés: en vez de arranxar as cousas, estropéanse, os médicos facían un desastre… Demostrábase así unha sociedade na que todo funcionaba ao revés. E, para que? Para probar que pasalo ben uns días está ben, pero que así todo o ano sería absurdo. Testar que as pequenas penitencias e as normas ao longo do ano están ben, porque non ter normas sería un absurdo. Polo tanto, ten unha función pedagóxica para que saibamos valorar a moderación. Isto ocorre, claro, na sociedade tradicional, agora xa non se aplica. É dicir, a sociedade non era nin a penitencia extrema da Coresma nin a tolería do Entroido. Era unha sociedade equilibrada.

“A función máis importante desta festa é o que eu chamo ‘demostración por reducción ao absurdo’. Demostra que pasalo ben uns días está ben, pero que así todo o ano sería absurdo”

No seu libro tamén menciona a importancia do Entroido como medio de catarse. Necesitamos ese momento de liberación?

Claro, valórase a sociedade tradicional, pero a sociedade tradicional tiña as súas normas que, evidentemente, supoñen un esforzo e, ás veces, dificultades para cumprilas. Hai un texto dun teólogo francés do século XII que explica moi ben a función que tiñan estes días tamén nese sentido. Había quen afirmaba que o Entroido era demasiado atrevido, que non se podía permitir. El dicía que a sociedade é como un bocoi de viño ao que lle pos o tapón e está a fermentar. Se de vez en cando non llo quitas para que saia o gas, o pipo explota. A sociedade necesita de vez en cando unha expansión para que o resto do ano se cumpran as normas, que sempre son duras. 

Servía tamén, segundo explica no libro, para exaltar os valores comunitarios e os lazos interpersoais.

Si, e isto é moi importante. Durante o Entroido fas moitas tolerías pero hai que acabar volvendo á normalidade e diciendo “que boa é a nosa sociedade, que boa é a nosa parroquia” e establecendo as relacións sociais. E niso hai un Entroido que é unha marabilla, que son os Xenerais do Ulla. Os atranques reflicten perfectamente a estructura social do mundo rural. Os Xenerais van casa por casa e dánlles vivas. Os galegos do rural identificámonos coa nosa casa, a nosa aldea e a nosa parroquia. Os Xenerais, en Cacheiras aínda o fan, van casa por casa exaltando o seu valor. Despois fan a visita a toda a aldea e cando saen dela fan un atranque. Despois da casa o máis importante é a parroquia. Logo hai un atranque na fronteira entre dúas parroquias. Escenifican a rivalidade que hai entre parroquias como unha representación das oposicións que hai no mundo real. Este ano farano seguramente con Ucrania e Rusia e Israel e Palestina. Con isto queren demostrar que a parroquia ten o seu exército, e a outra tamén, e están enfrentadas, teñen un pique, pero ao final sempre fan a paz. É dicir que a rivalidade non pase a maiores, que haxa paz entre as parroquias. Dese xeito próbase a importancia das relacións sociais para os galegos do mundo rural. 

Na obra sinala as similitudes que hai entre o Entroido galego e o que se celebra noutras zonas da Península e tamén outros países europeos. Hai algo específico do noso Entroido? 

O Entroido galego, como as romerías galegas ou calquera outro aspecto da cultura popular, é unha variación sobre o mesmo tema europeo. Ten un certo toque galego, pero é con personaxes, máscaras… que había en toda europa. Estaba lendo eu hoxe sobre un dos Entroidos máis bonitos que hai en Galicia, que é o do Oso de Salcedo na Pobra do Brollón, que tamén o había na Praza de San Marcos en Venecia na Idade Media. E en Francia en moitos sitios aínda o segue a haber. Ou sexa que o Entroido que se opón á Coresma ten que ver coa relixión católica e o Entroido habíao en toda Europa. Foi desaparecendo nalgúns sitios, coma nos países Protestantes, pero mesmo nalgúns pobos de relixión protestante conservan máscaras e algunhas tradicións. 

O Entroido de Verín e os seus emblemáticos cigarróns.

O Entroido de Verín e os seus emblemáticos cigarróns / Cedida

E que hai da idea do paganismo no Entroido? 

O Entroido ten que ver co Cristianismo. Estamos habituados a escoitar que é un mundo pagano, pero é unha festa moi Católica. Non digo que sexa relixiosa, non é unha romería, pero si que ten espírito católico. De feito, as máscaras: o cigarrón, o peliqueiro, as pantallas, os demos… saíron do teatro medieval, onde aparecen eses personaxes. O que fixo o pobo foi sacalos á rúa. Ese teatro facíase inicialmente nas igrexas e quen o organizaba era o clero. Non é para nada unha festa pagana o Entroido. O que pasa é que hoxe o paganismo é sinónimo de orxías, de borracheira… E iso é falso. Os gregos e os romanos, excepto claro os emperadores, eran xente moi puritana. De feito, os gregos non bebían viño, bebíano mesturado con auga. O que pasa é que o Cistianismo, nos primeiros séculos, para desacreditar o paganismo fixo unha imaxe con todos eses tópicos e esa foi a que quedou. Entón, o Entroido parécese moito ao tópico cristián sobre o paganismo, pero non é unha festa nada pagana. Ademais, no paganismo, nin en Grecia nin en Roma había ningunha festa que se pareza en absoluto ao Entroido. Había romarías e peregrinacións no mundo antigo, moitas festas, pero precisamente o Entroido non tiña ningunha presenza. 

Pero si había representacións teatrais. 

Había representacións teatrais pero non había ningún destes personaxes do Entroido. O peliqueiro é unha mestura de home e animal. E iso que representa? O peliqueiro é a representación da animalidade do corpo do Entroido, da carnalidade. Por iso saen os animais, porque é a representación de como seriamos os cristiáns se todo o ano foramos carnavalescos. Seriamos animais: divertiriámonos, comeriamos moitísimo… pero seriamos como animais. 

“O Cristianismo, para desacreditar o paganismo, fixo unha imaxe con todos eses tópicos e esa foi a que quedou. Pero o Entroido non é para nada unha festa pagana”

Cal é o estado actual do Entorido galego? Como evolucionou desde o Medievo? 

En Galicia, como é unha sociedade moi rural ata os anos 60 do século XX pois conservouse moito. Ten momentos mellores e peores. A guerra do 36 supuxo a desaparición de máscaras nalgunhas parroquias, porque non había mozos, estaban na guerra. Nalgúns sitios perdeu continuidade a representacións. Por exemplo na miña parroquia que é Castrofeito, no Pino, había Entroido de Xenerais e neses anos perdeuse e despois da guerra xa non se continuou. Noutras parroquias si. O cambio serio é na modernidade. A nosa sociedade, moderna e urbana, ten pouco que ver soa Galicia rural. De feito, moita xente hoxe na cidades non é practicante. Toda a mentalidade que había no Entroido tradicional, á xente urbana, sobre todo a máis moza non lle di nada. O Entroido de hoxe urbano é de disfraces, si, de excesos, pero xa non ten o sentido que tiña antes. Hoxe disfrazámonos de calquera cousa pero non son os disfraces que tiñan significado para a xente que eran sempre os mesmos porque a tradición lles dera un significado.  De todas maneiras, en sitios onde hai un entroido con forte personalidade, como é Laza, Verín… Un dos máis fantásticos de Galicia é o de Viana do Bolo que é realmente espectacular. Que pasa aí? Que a xente aínda que xa non lle dá ao peliqueiro o significado que tiña antes, porque xa vivimos outra mentalidade, si o considera parte do seu patrimonio local. E isto dálle unha forza de identidade á comunidade, á parroquia ou á vila. E iso si que se sente moi forte. Cada vez hai máis cigarrón en Verín porque a xente xa considera esa máscara parte do seu patrimonio. Segue tendo un significado para a xente. Transformouse e segue sendo importante para a vila. O mesmo pasa con outras máscaras: as madamas de Cobres, as máscaras de Manzaneda… Esas vilas que souberon conservar as súas máscaras, hoxe é unha fonte de identidade local. 

“Aínda que non lle dá ao peliqueiro o significado que tiña antes, a xente considérao parte do seu patrimonio local e isto dálle unha forza de identidade á comunidade, á parroquia ou á vila”

Documenta moitos Entroidos no libro. Tivo ocasión de asistir a todos?

Aos galegos, si. Dediqueille varios anos. Tamén con González Reboreda teño un libro sobre o Entroido da Ulla no que estivemos moito tempo. 

Cal escollería como mostra máis auténtica? 

É difícil porque son impresionantes varios deles. Pero, a min gústame por suposto Laza e Verín, son fantásticos. Que se coñezan menos e que son realmente ricos: Viana do Bolo é impresionante porque aí non vai unha máscara, cada parroquia ten unha diferente. Cada unha participa co seu “boteiro”, que é como lle chaman. Viana ten moitas parroquias e entón a participación é extraordinaria. Tamén teñen a mula. Gústame moito. Así mesmo o do oso de Salcedo, porque o mozo que fai de oso faino moi ben, é moi participativo e é un Entroido moi rural. Non hai desfile, é moi enxebre, como se fixo sempre. 

Pantalla no Entroido de Xinzo de Limia, o Carnaval máis longo de España. // Cedida

Pantalla no Entroido de Xinzo de Limia, o Carnaval máis longo de España / Cedida

A Xunta vén de iniciar os trámites para declarar o Entroido Ben de Interese Cultural. Supoño que celebra esta medida.

Cando falaba do oso de Venecia, hai sitios nos que da Idade Media nos quedou un patrimonio como as igrexas románicas e os sitios que teñen ese patrimonio pois valórano e en moitos caso axúdalles á súa economía. O patrimonio inmaterial debería ser igual. Venecia, por exemplo, non o conservou o oso, conversou o Entroido das madamas e galáns. Creo que o patrimonio inmaterial, como parte do parte do patrimonio do noso país, de Galicia, deberíase converar igual que o material. É parte da nosa historia, do noso ser. Unha iniciativa como a da Xunta neste sentido é interesante porque reforza o orgullo do noso país ao valorar o noso patrimonio. Iso é o máis importante: que os galegos saibamos que temos un patrimonio valioso e que debemos mantelo porque é parte da historia de Europa á que Galicia contribuiu de maneira significativa porque na Idade Media viviu un florecemento cultural na arte, na literatura e tamén nestes costumes populares. 

Como ve a coincidencia das eleccións co domingo de Entroido?

Podería interpretarse que a política é unha antroidada, pero eu prefiro pensar que, pasado o caos, mediante a política se renova a sociedade.