Medo a voar: unha fobia que o cine alimenta

Un 80% das persoas tería en maior ou menor grao temor a viaxar en avión

Os expertos recomendan enfrontarse a isto sen evasións nin fármacos

 ‘La sociedad de la nieve’ é o último exemplo de como moitas ficcións audiovisuais recrean accidentes aéreos por ser sucesos moi impactantes 

Unha imaxe de 'La sociedad de la nieve'

Unha imaxe de 'La sociedad de la nieve' / CEDIDA

La sociedad de la nieve, do director J.A. Bayona, é un dos filmes do momento. Acumula nin máis nin menos que 13 nominacións aos Goya, e dúas candidaturas aos Oscar. A película gañouse a admiración de público e crítica e xa moitos a consideran a mellor cinta de Bayona. Esta produción audiovisual, baseada en feitos reais, conta o accidente que sofre un voo procedente de Uruguay. O avión con 45 ocupantes estrélase nos Andes e deles, 16 conseguen sobrevivir nun dos entornos máis hostís do planeta durante 72 días. 

Imaxe dun avión

Imaxe dun avión / PEXELS

La sociedad de la nieve é un perfecto exemplo de como ao cine lle encanta reproducir accidentes aéreos porque son sucesos moi impactantes. Neste caso, ao estar o filme baseado en feitos reais, é moi doado que poida espertar novos medos entre aqueles que xa non son moi amigos dos avións. “Cando ocorre un accidente aéreo ocupa as portadas de todos os medios porque é unha gran traxedia. Ver unha película ou ler unha nova pode levarte a pensar que o que non era para ti ameazante, o pode ser”, explica Xacobe Abel Fernández, psicólogo clínico e presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O medo a voar, coñecido como aerofobia, afecta en maior ou menor grao a un 80% das persoas a nivel global, segundo explica o especialista. Con todo, é difícil obter datos fiables “porque é un problema que se manifesta cando a xente ten que voar e non todo o mundo o ten que facer, polo que habería persoas sen diagnosticar”, di. “Arredor dun 10% dentro desa porcentaxe tería un grao alto de fobia a voar e trataría de evitalo ou pediría axuda psicolóxica en caso de precisar coller un avión”.

Pero por que xorde este medo? O psicólogo cita, entre outras posibles causas, que somos capaces de evocar moi doadamente accidentes aéreos, tal e como se ve no cine, e porque é un medio descoñecido. “Ti podes coller o coche todos os días pero sabes que non deixa de ser un carro con motor que vai polo chan. Xa no barco, controlamos menos porque o chan é a auga... e o aire xa é o medio máis traicioneiro. Voamos a gran velocidade e é un medio completamente alleo sobre o que non temos ningún control”, explica.

"Voamos a gran velocidade e é un medio completamente alleo sobre o que non temos ningún control”

Por outro lado, aínda que as estatísticas ditan que os accidente aéreos son moi pouco frecuentes “non é o que se percibe”, di. Con todo, o psicólogo recorda que “é certo que son pouco frecuentes porque están moi controlados e revísase que se cumpran os protocolos porque calquera accidente é catastrófico. O medo colectivo fixo que fose moi seguro”, argumenta. Iso si, “hai que pensar que se todos nós tivésemos avionetas outro galo cantaría”.

Síntomas

As persoas que sofren de aerofobia senten pánico á hora de coller un avión, polo que optan por evitalo ou ben, se teñen que toleralo, poden facelo pero cun nivel de malestar moi alto. “Para que nós o consideremos un problema ten que precisar empregalo dalgunha maneira e isto estarlle repercutindo negativamente na vida dende un punto de vista psicolóxico”. Se unha persoa ten medo a voar pero non voa porque non o precisa, “aquí non precisaríamos terapia, só cando hai que facelo e o medo o impide entramos os profesionais da psicoloxía”, puntualiza.

“Para que nós o consideremos un problema ten que precisar empregalo dalgunha maneira e isto estarlle repercutindo negativamente na vida dende un punto de vista psicolóxico”

Tratamento

E como se combate ese pánico? Pois expoñéndose ao que nos produce medo. “A cuestión é como facelo nunhas condicións que nos garantan que ese medo a voar diminúa e non se agrave. Porque se alguén, por exemplo, ten medo aos ratos e o metemos nunha habitación chea deles, igual sae traumatizado”, explica. “A veces cando intentamos que alguén enfronte os seus medos, facémolo sen as debidas precaucións e sen comprender o marco, e iso pode ser contraproducente. A persoa ten que enfrontarse voluntariamente, non vale obrigala a meterse nun avión”.

“A veces cando intentamos que alguén enfronte os seus medos, facémolo sen as debidas precaucións e sen comprender o marco, e iso pode ser contraproducente"

Xacobe Abel Fernández indica tamén que para superar a aerofobia non é válido tratar de vencer os medos drogado. “Non vale tampouco evadirse do que está sucedendo. Pero para que unha persoa esté disposta a evitar todo iso, hai que facer un traballo importante de análise de todos os medos primeiro”. Deste xeito, aconsella que “se a persoa ten medo a que caia ou explote o avión, é bo que se informe de todos os protocolos e de como funcionan porque isto pode darlle un primeiro punto de seguridade. Unha vez traballado todo isto e que xa non haxa medos racionais que explicar e se entenderan os irracionais, chegaría o momento de achegarse a todo o que ten que ver cos avións como o aeroporto ou check-in”, explica. “E por último, colleríase o avión e faríase unha viaxe o suficientemente longa que permita ter medo e que se disipe”. E a partir de aí, habería que seguir collendo o avión.

Fármacos

O experto rexeita o uso de fármacos como medida contra a aerofobia. “Poden permitirche enfrontarte ao voo unha vez, pero acabas dependendo sempre deles”, asegura. “Se tes que voar cen veces, as primeiras cinco pasaralo mal, pero supéralo. Se o fas co fárcamo as primeiras cinco conséguelo con moito menos esforzo pero as outras 95 seguirás tendo medo e malestar e pensarás que non tes capacidade para afrontar esta dificultade”, di. “Iso si, pode ser útil se só vas voar unha vez na vida”, engade.

Tampouco recomenda a técnica de evadirse por exemplo con música. “Pode valer para o despegue ou na aterrizaxe, pero o problema é cando ese medo no pasado che impediu voar e decides evadirte en toda a viaxe e intentar non vivila. É moi complicado, ten que haber algo de tolerancia para que as evasións puntais se poidan dar”.

"Tomei en moitas ocasións valeriana e biodramina"

Jose e Manuela (nomes ficticios) son un matrimonio de Santiago ao que non lle gusta voar. Nunca foron a tratamento porque sempre que poden evitan desprazarse en avión. “Visitamos con frecuencia as nosas fillas, pero sempre que podemos usamos o coche”, explica Jose. “É un medio de transporte que non me gusta porque parece como se estiveses nunha atracción. O que peor levo de todo é a aterrizaxe porque normalmente é moi brusca”, relata Jose. Durante as primeiras viaxes en avión adoitaba tomar biodramina para ir máis tranquilo, pero agora aposta por tratar de durmir o máximo tempo posible. Manuela, pola súa parte, conta que xa está nerviosa días antes do voo. “Tomei en moitas ocasións valeriana e biodramina para tratar de calmarme”, conta. O que máis lle asusta de viaxar en avión é o medo a que caia porque “un accidente aéreo é catastrófico”. O despegue é para ela o momento de maior tensión, pero tamén a explicación previa das azafatas. “Directamente, non miro para elas”, conta. Durante o traxecto Manuela adoita observalas de vez en cando por si detecta no su comportamento algo estraño.