Todo sube e tamén casar: unha voda custa de media 26.000 euros

Os matrimonios en Galicia e Santiago incrementáronse en 2022 respecto ao ano anterior

 O sector nupcial considera que o 2023 foi incluso mellor e, a pesar dos prezos, vaticina que o 2024 será polo menos igual de positivo 

Imaxe dunha parella recén casada

Imaxe dunha parella recén casada / PEXELS

A pesar de que a xuventude adoita dicir que non vai casar, a realidade é que o sector dedicado ás vodas está satisfeito porque, segundo datos do IGE, a cantidade de enlaces subiu no 2022 (os datos máis recentes que dispoñen) con respecto ao ano anterior. De feito incluso logrou superar a cifra de 2019, un ano que dende o sector consideran moi bo. Deste xeito, en 2022 casaron na comunidade 9.508 parellas ( no 2021 foran 8.481), e delas, “tirando pola baixa, polo menos a metade fixeron unha festa”, explica Ana Santervás, presidenta da Asociación de Profesionales de Galicia de Bodas y Eventos (Aprogabe)

Aneis de voda

Aneis de voda / PEXELS

Tamén aumentaron os casamentos en Santiago, pasando dos 342 de 2021 aos 387 de 2022. “Esta subida debeuse a que aínda se notaron os efectos da pandemia. Todas esas persoas que non casaron no 2020 fixérono nos anos posteriores”, considera. Esta asociación, que nacía a raíz da pandemia para lograr unir e crear sinerxias entre os diferentes sectores que forman parte dunha voda, está conformada por máis dun cento de membros. Un 70% asegura que o 2023 foi aínda mellor que o 2022 e un 60% considera que este 2024 será polo menos tan positivo como o ano pasado.

“Esta subida debeuse a que aínda se notaron os efectos da pandemia. Todas esas persoas que non casaron no 2020 fixérono nos anos posteriores”

Iso si, todo aquel que case este ano debe ter claro que gastará máis que o ano anterior. E é que, menos os soldos, todo sube. “Case o 50% dos provedores que forman parte da asociación subiron os prezos nun 5% e un 25% incrementáronos nun 10%”, explica Ana Santervás, que se dedica á fotografía. “Unha parella galega gastaría de media uns 26.000 euros”, indica. “Con todo, sempre se pode baixar esa cifra”, tranquiliza.

Idade

Escoitar unha cantidade semellante asusta, e moito. Sobre todo porque a xente nova sobrevive a duras penas, con soldos mínimos, alquileres polas nubes ou hipotecas que probablemente acaben de pagar os fillos (e iso, se se é tan valente como para atreverse a telos). Non obstante, hai que pensar que as vodas en certo modo sobreviven porque cada vez os galegos casan máis tarde. “Segundo datos do IGE, a media está entre os 30 e 34 anos. Un 26% dos galegos casan nesta franxa de idade e ademais un 80% emancípase tamén con estos anos”, indica Ana. “É por iso que as parellas casan cando xa viven xuntos ou incluso cando xa son pais. Teñen a vida feita e os invitados agasállanos con aportacións económicas que lles axudan a pagar en boa parte o banquete”, di.

"As parellas casan cando xa viven xuntos ou incluso cando xa son pais. Teñen a vida feita e os invitados agasállanos con aportacións económicas que lles axudan a pagar en boa parte o banquete"

E é que moi atrás quedou o de agasallar coas típicas vaixelas ou incluso que os pais paguen a voda. “Normalmente os pais fanlles un regalo máis xeneroso, pero é a parella a que paga axudada polos invitados. Se tes un pequeno colchonciño reservado, con esta aportación, xa se paga a festa”. E é aquí un factor polémico deste tipo de celebracións, moitas veces criticado, sobre todo polos solteiros: o habitual en Galicia é pagar o prezo do prato e algo máis, e desta forma aos noivos, a celebración sáelles moito máis barata.

Unha mesa de voda

Unha mesa de voda / PEXELS

Consumo distinto

As vodas xa non son o que eran. “Cambiamos totalmente a forma de consumir. Antes o que máis se valoraba eran a comida e o fotógrafo. Agora, non obstante, entran en xogo moitos detalles, e neles xa se inviste boa parte do presuposto”, indica Ana Santervás. “Cada ano vanse vendo novidades, como por exemplo instalar un touro mecánico, e moitos noivos incorporan as novidades á celebración”, di. “A decoración agora adoita ser moi espectacular. Escóllese o tipo de vaso, a mantelería, o prato... ás veces as mesas están tan saturadas que semella que non queda espazo para a comida”, considera. Por conseguinte, entra en acción a figura do decorador, e tamén a do iluminador, posto que moitos noivos danlle gran valor á disposición das luces.

Mes favorito

En Galicia, setembro segue a ser o mes favorito. “A maioría dos noivos escollen a primeira e segunda semana deste mes. Nos últimos veráns, en setembro sempre fixo moi bo tempo, incluso máis que en agosto, pois sempre ten días nos que chove”, di. E o día que primeiro se esgota segue a ser o sábado. “Non obstante hai cada vez máis parellas que se animan a casar en venres ou domingo porque normalmente os provedores fan algún desconto”, di Ana.

Os meses máis parados son xaneiro e febreiro, pero cada vez hai máis vodas en outubro, e incluso en novembro ou decembro. “De feito hai noivas de inverno ás que non lles importa que chova e van encantadas coa manga longa”.

Reservas

O primeiro que reserva unha parella cando decide facer voda é o establecemento, e despois o fotógrafo. “Normalmente faise ano e medio ou dous anos antes”, sinala a presidenta de Aprogabe. De feito xa hai reservas para casar en 2025, e aínda estamos en febreiro... A pesar da subida de prezos e a crise, as vodas non cesan en Galicia.