O compostelán de adopción que saíu nunha Lista Forbes presenta nova curta

O director Pablo Fontenla preestrea o 15 de marzo, en Numax, ‘Histeria do meu pequeno mundo’, na que analiza o futuro que nos agarda coa Intelixencia Artificial de por medio

Un momento da realización da curta

Un momento da realización da curta / CEDIDA

Pablo Fontenla, vigués de nacemento e compostelán de adopción, é unha desas persoas creativas e enérxicas incapaz de estar quieta. O seu currículo é tan amplo e tocou tantas ramas do mundo audiovisual, que resulta complicado aplicarlle unha profesión... porque ten moitas. El é director de cine, director de fotografía, guionista, realizador, cámara e incluso actor. A todo o que fai ponlle gana e precisamente por iso chegou a saír na Lista Forbes dos 50 españois con máis talento, xunto a nomes como Almodóvar, Rafa Nadal ou Antonio Banderas. Agora presenta unha nova curta titulada Histeria do meu pequeno mundo, cuxa preestrea será o 15 de marzo, ás 18.00 horas, no cine NUMAX, en Santiago.

“Esta curta é a miña última aposta por contar algo diferente. Quería relatar dalgunha maneira o que pasaría nun futuro non tan lonxano a nivel relacións sociais e políticas ao interceder nelas a Intelixencia Artificial. Quería analizar se iríamos cara un tipo de ditadura existencial ou si sería todo máis libre, unha oligarquía quizais”, conta.

Finalmente decidiu inspirarse nun relato de Isaac Asimov, prolífico autor de obras de ciencia ficción, historia e divulgación científica (ademais de profesor de Bioquímica). “É unha curta moi curta, para a que usei unhas pequenas maquetas coas que creei un mundo dentro dun mundo, e tamén empreguei efectos especiais na posprodución do vídeo e do son para poder darlle vida. Ademais a marabillosa narración e interpretación de Tacho González e Ledicia Sola, déronlle vida a este pequeno submundo”, indica o director da curta. Basicamente, tal e como resume Fontenla, Histeria do meu pequeno mundo “trata dun home que se enfronta á Intelixencia Artificial e quere sacar proveito dela ou integrarse nela... hai que ver a curta para entendelo”.

Agora mesmo esta curtametraxe, coproducida por Luou City Producións e Serea Films, está en distribución a través de Yaq Distribución, e a idea é presentala a distintos festivais tanto nacionais como internacionais para ver cal é o percorrido da mesma.

Preestrea

O vindeiro 15 de marzo terá lugar no cine NUMAX a preestrea coa idea de facer un primeiro pase tanto para o equipo como para a xente que a queira ver en primicia. “Xa enviei un montón de invitacións así que non sei se me pasaría porque NUMAX ten só 60 butacas... igual teño que facer un dobre pase na miña franxa ese mesmo día para que a poida ver a xente”, bromea.

Trala curta, haberá un pequeno debate cos actores “para que transmitan as súas impresións e para eu darlles a miña. Tamén quero que os asistentes poidan comentar a curta e preguntar dúbidas”. Pablo explica que escolleu NUMAX porque “é un proxecto que apoia o cinema de autor e era o lugar perfecto”. No caso de non poder asistir ese día, con sorte haberá outra oportunidade porque o director e guionista da curta agarda poder facer a preestrea tamén en Vigo. Ademais espera que a partir do verán esté seleccionada en festivais da comunidade. “Supoño que algún caerá porque eu creo que terá un percorrido longo porque é moi curta, e polo tanto fácil de programar, e visualmente é moi atractiva”.

Pablo Fontenla ten xa moita experiencia á hora de dirixir curtas, pero esta ten algo moi especial porque non ten nada que ver co que fixo ata o momento. “É a parte seria de Pablo Fontenla. Todo o mundo agarda que faga comedia, un xénero co que me atopo moi cómodo, pero isto é algo que precisaba contar. Ademais non quería estar eu diante da cámara narrando ou facendo algún tipo de papel porque non son Woody Allen e porque para este tipo de mensaxe non son a persoa axeitada”.

Pablo busca sempre proxectos novos, cos que ademais adoita superarse. Tanto é así que a súa próxima meta é dirixir a súa primeira longametraxe. “Estamos buscando as opcións de produción e sería unha mestura moi persoal entre reflexión, humor, ironía e realidade, moi na miña liña. A idea é que sexa unha reflexión sobre a nosa existencia a través de dúas persoas maiores”.

E é que ao final, a faceta de director de cine xunto coa de director de fotografía, son coas que Pablo se sente como peixe na auga. Porque aínda que unha persoa coquetee con diferentes profesións, o que está claro é que sempre hai unha para a que se posúe máis dotes. “Calquera persoa ten unha virtude especial na vida para facer algo por moito que toque todos os paus”.

E como logra unha persoa como Pablo, que ten unha cativa de tan só 2 anos, sacar tempo e forzas para facer todo isto?: “É unha pregunta que pode contestar calquera persoa que coma min ten fillos e ten que traballar para pagar todo porque non é millonaria... Non sei como fago, supoño que teño enerxía e tívena dende que nacín. Quizais sexa algo xenético ou igual caín da marmita de pequeno, como me dicían os meus colegas”, bromea. “A verdade é que eu son como son e necesito expresarme dalgunha maneira porque, se pasado un tempo non fago cousas deste tipo que me gustan, e que necesito, acabo amargándome un pouco. Como me dixo o director Jorge Coira un día: ti tes moito mundo interior”.

Outras curtas

Todos aqueles que non o coñezan deberían ver a curta `Helsinki 79´, que foi todo un éxito a nivel internacional. De feito a raíz desta creación, Pablo saíu na revista Forbes.

Tamén a webserie `Canillejas´, da que é cocreador xunto con Manu Barreiro, marcou un punto de inflexión na carreira de Pablo. E é que foi recomendada pola coñecida produtora catalana El Terrat, considerada "a primeira webserie de época, nós cremos, que de Europa".