‘Ningún falante é unha illa’: o mapa de experiencias do galego
‘Non hai fronteiras’ é o nome que recibe un grupo de persoas que crean espazos para falar e aprender galego en Madrid
O seu último proxecto é un ‘mapeado’ no que as persoas poden plasmar as súas vivencias co idioma

No mapa amósanse as experiencias co galego de xente de todo o mundo / google maps

O galego é unha persoa migrante, movida polo mapa por necesidade e, en ocasións, tamén por aventura. Hai galegos en todas partes, polo menos iso aseguran os que viaxan polo mundo e son quen de atopar a xente de Galicia en case calquera recuncho do planeta. Non obstante, nesta ocasión non imos viaxar tan lonxe, senón que imos quedar na capital: Madrid.
Baixo o nome Non hai fronteiras atópase un grupo de xente que crea espazos para falar e aprender galego en nada máis e nada menos que Madrid. Todo comezou como o proxecto de tese doutoral de Vera Santomé: “Pero en realidade xa non é meu porque somos moitísimas persoas”, asegura.
“Son como uns faladoiros, hai seis grupos e reunímonos hora e media por semana. Somos persoas que falamos galego e vivimos en Madrid, non todas somos galega pero si a maioría, e persoas que queren aprendelo a través de xuntarse con xente, facer actividades...”, explica.
Moitas das boas cousas comezan de forma orgánica, case sen querer e, por suposto, Non hai fronteiras tiña que comezar desa mesma maneira. “Algúns amigos meus e a miña parella aprenderon galego estando aquí en Madrid e para min iso foi moi guay porque nunca tería imaxinado que se interesasen”, comenta. Foi por ese interese que vía noutros por aprender polo que a idea comezou a emerxer sen tela pensada.
Ademais, “tamén era por romper un pouco esa idea de que a lingua son certificados”. As linguas non son unicamente unha forma de expresión, senón que nelas están intrínsecas pegadas da cultura e ideoloxía. “Eu creo que hai xente que se sente moi insegura falando galego coa ‘policía da lingua’, séntense impostores. Abordamos o tema sen pensar que en galego puidemos sacar un 4 no selectivo, senón pensando na orixe da nosa relación coa lingua, onde a falamos, como nos fai sentir...”.
Contar historias
A historia dun cunha lingua é importante para comprender a súa relación coa mesma. Foi así como xurdiu a idea do mapeado: “É unha forma de apropiarnos nós de algo que é moitas veces aséptico. Un mapa é como algo frío, pero a idea é facer cousas en colectivo, vernos reflectidas e que vexamos que non somos as únicas que sufrimos vergoña antes certas cuestións”.
“Fun cuns amigos de Madrid a un restaurante e decidín atreverme a pedir en galego. O camareiro non sospeitou que era madrileño ata despois da comida. Fíxome ilusión”, asegura unha das persoas que fixo uso deste mapa. Non obstante, algunhas deixan un sabor de boca algo máis amargo: “Cando estaba na ESO, fomos de excursión a Ponferrada. No tempo que pasamos no centro comercial, pedín “un zume de laranxa” á camareira dunha cafetería. Ela engurrou a cara e cobroumo mentres me imitaba con sorna: aquí tienes tu zumo de “laranxa”. Era a primeira vez que saía de Galicia”.
“É moi curioso como a xente nun espazo virtual e anónimo ten ganas de contar as súas experiencias. Sinto que faltan espazos onde poder abordar historias sobre as linguas. Como están en todas partes non somos conscientes de como marcan a nosa historia: como nos sentimos, como nos fan calar e como nos sentimos apartadas xa non das linguas senón de quen as fala”, explica Vera Santomé.
Por estes motivos o mapa amosa experiencias de todo o mundo: Holanda, Alemaña, Estados Unidos... E, no fondo, moitas teñen puntos en común. “Gustoume moito a historia que compartiu unha persoa sobre que a súa tía avoa ou avoa, agora non o teño moi claro, falaba outra lingua e a entendía mellor cando falaba galego. Esa conciencia de que non era algo accesorio, senón importante”, relata.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
