O xénero está intimamente reflectido no emprego do galego ou do castelán

Na transmisión interxeracional é habitual que os familiares prefiran dirixirse cara as nenas en español

As mulleres empregan un 4 % menos a nosa lingua que no caso dos homes

Os estereotipos relacionados co xénero non só están presentes na forma de tratar aos nenos durante a infancia, senón tamén na lingua

Os estereotipos relacionados co xénero non só están presentes na forma de tratar aos nenos durante a infancia, senón tamén na lingua / Adriana Quesada

Os estudos relacionados co uso do galego entre a poboación adoitan a estar relacionados con temas xeracionais ou, incluso, xeográficos. Normalmente téndese a observar como os que viven en zonas máis urbanas falan menos galego e, no caso dos máis mozos, isto resulta algo evidente. Non obstante, a pesar de que nas enquisas sociolingüísticas aparece como parámetro a marcar polos usuarios o xénero, ningún estudo se centraba nesta cuestión.

Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión é o último estudo compartido pola Real Academia Galega no que participaron María López Sández, Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino S. Vázquez Grandío. Nesta obra amosaron datos como que as mulleres usan e transmiten o galego un 4% menos que no caso dos homes e que o xénero está íntimamente reflectido no uso e escolla da lingua.

Conquista da educación

Ao longo da historia, non todas as persoas tiveron o mesmo acceso á educación nin á lingua. No ámbito feminino a conquista da educación foi moito máis difícil e lenta que no caso dos homes. Segundo relatan en Lingua e xénero en Galicia, Narciso de Gabriel no 2013 recolleu testemuños escritos de inspectores de ensino primario na Galicia do século XX nos que se constata que había pais que lles prohibían explicitamente aos mestres ensinarlles a escribir ás nenas, por consideralo prexudicial.

“Non en van, no conxunto de mulleres escritoras que xurdiron no século XIX, o acceso á educación, á lectura e á escrita constitúe un tema de primeira orde; é, por exemplo, dominante na produción de [...] Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán”, reflicten neste estudo. A pesar deste difícil acceso das mulleres ao ámbito escrito, un dos puntos que destaca María López Sández, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela, é a transmisión interxeracional.

Transmisión interxeracional

“Un avó fala máis galego cun neto que cunha neta”, explica a doutora. Isto pasa dentro de todo o ámbito familiar e é que cando unha muller está dentro do proceso de transmisión interxeracional, o máis habitual é que tendan a dirixirse a ela en castelán en vez de en galego.

Segundo as testemuñas que recolleron dende a Real Academia Galega para este estudo, aquí tamén hai que ter en conta a presión á que as mulleres están sometidas dentro de determinados ámbitos: “Por exemplo, dentro do campo laboral a muller sofre maior presión para o uso do castelán. Compañeiros de traballo homes empregan o galego e non se lles di nada mentres a elas, dun xeito máis ou menos descarado, se lles tenta disuadir para que falen en castelán”.

Isto é unha mostra de que hai comportamentos e prácticas que fan que o xénero estea intimamente reflectido no emprego do galego. “As familias normalmente vense influídas polas que son as imaxes de futuro que proxectan cara aos seus fillos e fillas. Aínda pesa moito a represión lingüística que se padeceu no Franquismo na que, ao chegar á escola falando galego sufrían castigos, pois tentan evitar que os seus fillos pasen por iso”, explica María López Sández.

"Aínda pesa moito a represión lingüística que se padeceu no Franquismo na que, ao chegar á escola falando galego sufrían castigos, pois tentan evitar que os seus fillos pasen por iso"

María López Sández

— Doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola USC

Este comportamento remata dirixido tamén cara ao futuro ámbito laboral onde se desenvolverán os seus descendentes. “Moitos imaxinan as mulleres dentro do sector servizos, que está máis castelanizado, mentres que nos nenos vese máis unha aspiración cara ao sector primario, que está máis galeguizado”, argumenta. Desta forma, os prexuízos de xénero e os lingüísticos rematan por unirse para abrir esa fenda de xénero que hai no uso da lingua. Unha das conclusións do estudo suxire que se puidésemos erradicar os prexuízos de xénero a lingua veríase favorecida.

Isto é algo que xa reflexionaban algunhas pensadoras feministas galegas hai uns anos como son María Xosé Queizán e Pilar García Negro: “As mulleres sofren unha dobre represión”. E resulta algo bastante habitual que as persoas que pertencen a grupos minoritarios tenten recorrer a elementos de prestixio, como é a lingua, para encaixar mellor na sociedade. Segundo sinala María López Sández, “en colectivos feministas a defensa do galego é unha idea con forza” por este motivo.

Neofalantismo

A pesar de todo o sinalado, as proxeccións a futuro non teñen por que ser negativas nin unha prolongación do que está pasando na actualidade. “Un dato un pouco esperanzador é que, pola contra, no fenómeno do neofalantismo –que na actualidade en Galicia conta con aproximadamente un 2% das persoas– non hai menos mulleres que homes”, explica a doutora.

Santiago destaca polo fenómeno do neofalantismo xa que é a cidade universitaria por excelencia en Galicia e o momento clave para o neofalantismo é xustamente na mocidade, cando moitos deciden pasar a falar galego, coincidindo cos anos universitarios”, asegura.

Desta forma remata por crearse algo similar a unha receita que pretende asegurar a supervivencia do galego: erradicar prexuízos de xénero, pero tamén dar pulo ao movemento do neofalantismo. “O traballo non o rematamos cunhas conclusións pesimistas, porque cremos que pode haber un proceso de revitalización lingüística”, asegura María López Sández. “Neste proceso as mulleres somos un pouco máis da metade da poboación e somos maioría en sectores clave como é o caso da educación”, recorda.