Entrevista | Paco López-Barxas Escritor e xornalista

Paco López-Barxas: “Practicamente ninguén defendeu a lingua galega como Ben-Cho-Shey”

Acaba de publicar con Galaxia Os segredos do bosque de Ben-Cho-Shey, con debuxos do escultor, tamén ourensán, Acisclo Manzano

Ben-Cho-Shey: figura clave na defensa da lingua galega

Javier Rosende Novo

A Paco López-Barxas, escritor e xornalista ourensán, pero fillo adoptivo de Compostela, non lle falta a inspiración. De feito, con seguridade, moitos compañeiros de profesión se preguntan cal é a musa que o alenta a non deixar de escribir despois de tantos anos dedicado de cheo ao xornalismo, á crítica e ao ensaio literario e a obras con maior grao de ficción, como é o caso do libro para nenos que acaba de publicar con Galaxia: Os segredos do bosque de Ben-Cho-Shey. Con debuxos do escultor, tamén ourensán, Acisclo Manzano, esta obra achega aos pequenos a figura do intelectual Ramón Fernández-Oxea. Unha profesora é a encargada de falarlles aos seus alumnos sobre este escritor, mestre e investigador ourensán que creou un pseudónimo para poder publicar en Galicia, sen a censura dos militares, as súas crónicas da guerra de África.

Portada do libro

Portada do libro / CEDIDA

En 2019 publicaba un libro sobre Ben-Cho-Shey, que recolle textos descoñecidos do autor. Agora en Os segredos do bosque de Ben-Cho-Shey aborda de novo a súa figura. Quen foi ?

Foi un dos homes galeguistas máis importantes que tivo o Grupo Nós e unha das persoas máis defensoras da lingua galega, sobre todo no exterior. Otero Pedrayo considerábao un irmán pequeno, dicía que era o home que máis achegado estaba á Xeración Nós. El foi o representante en Madrid da cultura galega, e alí aglutinou entorno a el ao grupo Brais Pinto. Encargábase ademais de levar as obras á censura. De feito, tal e como conto no libro Ben-Cho-Shey inédito, cando se tivo que levar á censura A Esmorga de Blanco Amor, el, con moita rabia, dixo: “é certo que A Esmorga é un libro un pouco porco, pero acaban de privar a Galicia dunha obra mestra”. Acabou exercendo maxisterio no concello de Cariño, e logo, trasladouse a Pereiro de Aguiar. El era ourensán,pero exerceu o maxisterio na escola de Santa Marta de Moreiras, no Pereiro de Aguiar, onde fixo a súa gran obra: un libro onde recolleu a fala dos afiadores, o barallete. É polo tanto un personaxe creador, que cultivou a poesía, a prosa, o xornalismo, o articulismo e o ensaio. Xunto a Otero, Risco e Cuevillas patexaron a provincia para descubrir a nosa historia e documentala. E, por certo, foi mestre de mestres como autor do primeiro Catón en galego.

López-Barxas saca a relucir a súa infancia xunto a unha atracción de feira

López-Barxas saca a relucir a súa infancia xunto a unha atracción de feira / CEDIDA

E por que cre que nunca se lle dedicou o Día das Letras Galegas?

Ten curiosamente a Medalla Castelao, pero non se lle dedicou o Día. Creo que ao mellor lle pasou o seu tempo. Con todo, cónstame que entre os propios académicos da lingua houbo defensores da súa candidatura, como Xesús Alonso Montero, pero hai outras que se acaban impoñendo. Duns anos para aquí, e paréceme positivo, estanse recoñecendo figuras máis próximas a nós. De todas formas, a figura de Ben-Cho-Shey debería recuperarse nun Día como ese porque practicamente ninguén defendeu como el a lingua galega.

Por que merece outro libro, esta vez para nenos?

Foi unha especie de petición a raíz de presentar no Pereiro de Aguiar o anterior libro, Ben-Cho-Shey inédito, unha biografía del con manuscritos inéditos, fotografías inéditas da súa vida e da súa relación con outros persoeiros galegos e de fóra de Galicia, e cartas inéditas escritas por figuras como Otero Pedrayo, Cuevillas e Camilo José Cela, entre outros. Dende o centro escolar animáronme a escribir un libro para achegar a súa figura aos nenos. E así naceu. Ideei unha especie de biografía ficcionada. A historia parte dunha mestra, que traballa no centro Ben-Cho-Shey, que lle explica aos alumnos quen foi e por que Xosé Ramón Fernández-Oxea se esconde tralo nome de Ben-Cho-Shey. A partir deste comezo vou centrándome nos detalles que me parecen máis asequibles para os pequenos e fago un percorrido polas etapas máis importantes da vida de Ben-Cho-Shey. Mesturo a súa figura e vida con outros personaxes reais contemporáneos seus, como por exemplo Otero Pedrayo, Risco e Enrique Gómez Pato. Ao final do libro, os alumnos desprázanse ao Bosque de Ben-Cho-Shey e descubren a uns homes que están facendo un maio. Resultan ser Ben-Cho-Shey, Benito Jerónimo Feijoo, unha das grandes figuras da ilustración que naceu en Pereiro de Aguiar, e Bernardo González del Valle, o coronel Cachamuíña, tamén do Pereiro de Aguiar. Este último foi un dos máximos defensores que tivo Galicia na reconquista de Vigo.

Cal é a historia que hai detrás do pseudónimo de Xosé Ramón Fernández-Oxea?

O nome de Ben-Cho-Shey naceu en Marrocos, na guerra de África, a onde foi tras facer a mili. Alí os soldados tiñan prohibido escribir na prensa e por iso adoptou ese nome, con certas resonancias galegas e arabescas, para poder mandar os artigos ao xornal La Zarpa de Ourense. Enviaba crónicas de guerra sobre a vida diaria, moi interesantes. Están publicadas no libro Crónicas de Marruecos, publicado por Sotelo Blanco.

"O nome de Ben-Cho-Shey naceu en Marrocos, na guerra de África, a onde foi tras facer a mili. Alí os soldados tiñan prohibido escribir na prensa e por iso adoptou ese nome, con certas resonancias galegas e arabescas"

Os segredos do bosque de Ben-Cho-Shey está repleto de debuxos do escultor Acisclo Manzano. É a primeira vez que se embarca nun proxecto deste tipo. Como xurdiu este traballo xuntos?

En canto acabei de escribir o conto, púxenme a pensar en que ilustrador cadraría ben. Gústame que certos libros os ilustren artistas plásticos, e non só ilustradores infantís. Teño interese no que poden facer cando se apartan do seu traballo habitual para ilustrar un libro infantil. Quería ademais a alguén que fose de Ourense, e que coñecese a Ben-Cho-Shey. Propúxenllo a Acisclo, dinlle a ler a historia, gustoulle moito, e animouse a facelo. Foi un descubrimento porque el nunca debuxara nada para un libro infantil. Gustoume moito e a el fíxolle moita ilusión. De feito, grazas a isto colleulle un pouco o gusto porque hai un mes inaugurou unha exposición en Lalín e máis da metade xa é en papel, e os debuxos son moi semellantes a estos.

Un dos debuxos que Acisclo Manzano fixo para o libro

Un dos debuxos que Acisclo Manzano fixo para o libro / CEDIDA

Aínda que naceu en Padrenda, pasou a infancia e boa parte da adolescencia en Verín. A súa vinculación con esta vila ourensá queda patente neste libro cando fai referencia a Enrique Gómez Pato, ou a Xesús Taboada Chivite. Por que quixo incluilos?

Porque eran contemporáneos a Ben-Cho-Shey, e tan defensores como el da festa dos Maios, unha celebración tan importante en Verín. Enrique Gómez Pato, que era xoieiro e viviu na rúa de Santo Domingo en Ourense, fíxolle, sendo mozo, o anel de arcebispo a Quiroga Palacios, que naquel momento era párroco de Santo Domingo, e que chegou a ser arcebispo de Santiago. Logo este xoieiro trasládase a Verín, dedícase ao xornalismo, e morre alí. Sempre promoveu e defendeu a festa dos Maios en Verín, que era tamén a outra gran pasión de Ben-Cho-Shey. Alí, Ben-Cho-Shey tiña outro gran amigo, e ese era Xesús Taboada Chivite, que tamén aparece citado.

"Enrique Gómez Pato, que era xoieiro e viviu na rúa de Santo Domingo en Ourense, fíxolle, sendo mozo, o anel de arcebispo a Quiroga Palacios"

Ten máis dunha vintena de libros publicados. Entre eles, hai moitos para nenos. Por que lle gusta escribir para os máis pequenos?

Porque a min xa me gustaba escribir dende neno, dende que lle escribía a carta aos Reis. O curioso era que eu, na noite de Reis, non agardaba ver os xoguetes que me deixaran, senón ler a carta que me deixaban os Reis escrita a máquina. Sempre me gustou escribir, ler contos, e pecharme na biblioteca a devorar Tintín ou El Capitán Trueno. Así ata que chegou un momento no que comecei a escribir os contos que me contaba a miña avoa. En realidade, o que sempre quixen foi ilustrar contos para nenos. Pero como non teño ese don, decidín que polo menos os podo escribir.

Como se definiría profesionalmente?

Como filólogo teño que dicir que son un xornalista que escribe. A miña profesión foi o xornalismo, e dentro del, tiven a oportunidade de facer o que quixen, que foi o xornalismo de tipo cultural. De forma simultánea tratei de exercer como escritor. Tralos meus estudos como filólogo, preocupeime moito de desenvolver a crítica literia, o ensaio literario e, en menor grao, a creación.

Con que proxectos se atopa agora?

Acabo de publicar un libro de entrevistas chamado La palabra sorprendida, unha selección das mellores da miña carreira. O ano que vén pode que saia outro libro de entrevistas a persoeiros galegos da nosa cultura, algunhas que teño nun caixón, unhas publicadas e outras non. Atopei casettes con conversas con Carballo Calero que nunca publiquei. Tamén estou cunha especie de diario arredor do surrealismo. Puiden coñecer a grandes artistas plásticos surrealistas como Eugenio Granell, Artur de Cruzeiro Seixas e Iván Tovar, e esta especie de diario, comprende ata o momento no que morren estos tres personaxes.