Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Academia Galega de Belas Artes dedicará o Día das Artes Galegas a José Otero Abeledo ‘Laxeiro’

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou este 26 de xuño Sesión Ordinaria no Salón de Actos do Museo de Belas Artes da Coruña, na que decidiu, por aclamación, homenaxear ao longo de 2022 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, a José Otero Abeledo “Laxeiro” (Lalín, 1908 - Vigo, 21 de xullo de 1996). Proposta subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia.

A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelana, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2020-21 a figura homenaxeada foi o arquitecto barroco Domingo de Andrade.

Motivo neste caso para a afondar e difundir a figura de LAXEIRO, decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo.

Nesta mesma sesión, tras a votación regulamentaria, o plenario acordou conceder a Jesús Núñez Fernández (Betanzos, A Coruña, 1927), pintor, escultor e gravador, o título de académico de Honra da Corporación.

Jesús Núñez estudou gravado na Escuela de Bellas Artes de San Fernando e na Escuela Nacional de Artes Gráficas, en Madrid, ampliando seguidamente os seus estudos en Berlín e París.

A súa obra abarca practicamente todas as técnicas do gravado, así como a pintura, a escultura, o deseño téxtil e de xoias, e mesmo o deseño de mobiliario, encontrándose representado nos principais museos nacionais de arte contemporánea.

Creou e impulsou o Centro Internacional da Estampa Contemporánea na súa localidade natal que en 1997 converteuse nunha importante fundación dedicada á ensinanza e divulgación das técnicas artísticas, que recibe a artistas e profesores dos cinco continentes.

26 jun 2021 / 17:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito