Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A AELG conmemorou no Panteón de Galegos Ilustres o Día de Rosalía

Organizará durante toda a vindeira semana diferentes actividades en lembranza da autora

Santiago. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro, que neste ano vai ser o 23 de febreiro.

A AELG busca desde o ano 2011 institucionalizar ese Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar cun libro en galego e cunha flor durante esa xornada.

O acto central da conmemoración organizada por esta entidade tivo lugar onte no Panteón de Galegos Ilustres da capital galega.

Un acto aberto ao público e no que foi lido o Manifesto que a asociación promove cada ano, e que nesta ocasión foi encomendado á escritora Beatriz Maceda Abeleira.

Antes da súa intervención, dirixiuse aos asistentes o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, para dar posteriormente paso á lectura de poemas rosalianos por parte de Lucía Carreira (A. C. Solfa), Pilar Astray (Asociación Traxe Galego), Daniel Asorey, Jakson Renner Rodrigues Soares, Montse Vilar Figueirido, Sagrario Abelleira, Nuria Vil, Laura Veleiro, Nacho Pena Maceda e Nee Barros Fernández.

Tras a tradicional ofrenda floral, interpretouse o Himno Galego por parte de todos os asistentes, entre os que estiveron representantes de diversas institucións públicas.

Por outra parte, e para esta próxima semana, a AELG promove, a través da súa base asociativa, outros actos en diversas cidades e vilas do país, que se poden consultar na páxina web da entidade, e na que se inclúen tamén as actividades organizadas por outros organismos.

Ademais, inclúe unha serie de propostas para levar a cabo nos centros de ensino da comunidade en homenaxe a Rosalía de Castro.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega lembra que este ano dirixiuse ao Parlamento Galego, espazo fundamental de representación colectiva dos galegos, para propoñer a súa participación na difusión e recoñecemento da obra e a figura fundadora de Rosalía, “en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural”. redacción

19 feb 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.