Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Asociación de Periodistas de Santiago recuperará a figura de Victoriano García Martí

Foi promotor do Primeiro Congreso da Prensa de Galicia, celebrado en Compostela no ano 1921

SANTIAGO. A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Santiago (APSC/FAPE) aprazou os actos da celebración do Patrón San Francisco de Sales, en virtude da situación pandémica, pero adianta que celebrará unha homenaxe a Victoriano García Martí (A Pobra do Caramiñal, 1881-Santiago, 1966), unha das figuras españolas claves do pensamento europeo na primeira metade do século XX. Alén do seu inxente traballo intelectual (xornalista, escritor, xurista, ensaísta, filósofo e editor), foi un notable activista cultural. Nesta liña destaca o seu labor como promotor do I Congreso da Prensa de Galicia, no ano 1921, acontecemento do que se cumpre o seu centenario, e que se celebrou no Paraninfo da Universidade compostelana.

Victoriano García Martí en 1947

O sobranceiro pobrense exerceu o xornalismo en numerosas publicacións como El Compostelano, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Liberal, ABC, El Heraldo o La Vanguardia. Ten numerosos libros en castelán dedicados a Galicia como Una punta de Europa ou Don Severo Carballo. Del alma gallega, e foi profeta do chamado “turismo literario” valorando a Galicia desde unha perspectiva de difusión internacional. Salienta dicir tamén que Victoriano García Martí foi o editor das obras completas de Rosalía de Castro, en 1944. Defensor da cidade de Santiago de Compostela como capital emblemática, meta turística e berce de europeísmo, sufriu censura e persecución polo seu republicanismo e ideas democráticas. Os franquistas prendéronno e sufriu cadea no penal de Burgos.

A pesares do ostracismo da súa figura e obra en Galicia e España, a súa valía intelectual é innegable. En París foi discípulo de Henri Bergson e Émile Durkheim na Universidade da Sorbona, o que explica os seus posteriores traballos de investigación sociolóxica e filosófica. En Madrid consagrouse como secretario do Ateneo baixo a presidencia de Menéndez Pidal, Conde Romanones e Ramón Mª del Valle-Inclán, ademáis de secretario da Sección de Filosofía en tempos de Ortega y Gasset. Con estes e outros intelectuais, como Miguel de Unamuno ou Manuel Azaña mantivo unha estreita relación. Amigo persoal e coetáneo de Valle Inclán, coincidiu con él en múltiples tertulias e vivencias tanto na Pobra de Caramiñal como en Madrid. Membro da Real Academia Galega, e correspondente da Española, así como doutras prestixiosas institucións, nunca esqueceu o seu vencellamento con Galicia como amosa a sua sinatura no Compromiso de Barrantes (1930) ou a creación da Sociedade de Amigos de Galicia.

A APSC, seguindo o ciclo de recuperación das figuras egrexias do xornalismo galego, que pasaron a historia pola súa profesionalidade e maxisterio, como Borobó, Bocelo ou Augusto Assía, levará a cabo a homenaxe a García Martí cando a situación sanitaria o permita.

Os actos terán lugar en Santiago de Compostela e na Pobra do Caramiñal, e contan co apoio do Concello da súa vila natal e mais da especialista na súa vida e obra, a filóloga e profesora da Universidade de Santiago de Compostela Arantxa Fuentes Ríos.

25 ene 2021 / 19:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.