Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A biblioteca provincial de Ourense integrarase na rede pública galega

Baltar e Rodríguez queren mellorar o acceso da veciñanza ao libro e a lectura

Ourense. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinaron en Santiago un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para establecer o compromiso de integración do centro bibliotecario provincial na Rede de bibliotecas de Galicia.

A finalidade, afirma Baltar, é “mellorar o acceso da veciñanza ao libro e á lectura, tanto en formato físico como dixital, unha iniciativa coa que a Deputación contribúe cos importantes fondos bibliográficos que posúe”.

Ámbalas dúas entidades son conscientes de realizar actuacións no eido da creación de recursos de lectura pública que fomenten a mellora da oferta adecuada ás novas demandas dos usuarios, para satisfacer as necesidades en materia de acceso aos recursos públicos de lectura, expresa o acordo.

Neste sentido, a institución provincial comprométese a dotar á biblioteca do orzamento suficiente para o seu funcionamento e do persoal adecuado para asumir as tarefas do servizo bibliotecario.

Ademais, remitirá anualmente á Consellería a información que se solicite, con especial atención ás estatísticas anuais, e fomentará a participación do centro bibliotecario na Rede e nos programas que se establezan, como a interconectividade técnica e semántica, o uso de software, os estándares necesarios para o intercambio e acceso á información e a adopción das normas e manuais de procedemento que se establezan para as bibliotecas da Rede.

Tamén se contempla no acordo a participación nos programas de préstamo interbibliotecario, facilitando orixinais ou copias dos documentos, e a colaboración coa Consellería na recuperación, conservación e dispoñibilidade pública do patrimonio bibliográfico galego e da documentación de interese para Galicia, debendo facilitar a Deputación que se leven a cabo os programas de conservación, dixitalización ou rexistro e gravación noutros soportes dos materiais de interese para Galicia, promovidos polo dito órgano, facilitando a súa copia e colaborando na súa recollida e conservación.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura comprométese a integrar á Biblioteca Provincial de Ourense na Rede de Bibliotecas de Galicia; a dotala do software necesario para a súa xestión a través do Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, e a prestar o apoio técnico necesario para acadar servizos bibliotecarios da calidade. Tamén promoverá a Consellería a realización de accións formativas destinadas ao persoal dos servizos bibliotecarios públicos; organizará o sistema de préstamo interbibliotecario e o acceso do centro bibliotecario aos fondos de calquera outro centro da rede, e dará acceso ao préstamo intrabibliotecario ou internacional. Finalmente, a Consellería integrará ao centro bibliotecario ourensán en programas de recuperación, conservación e dixitalización de materiais de interese local ou galego. redacción

26 jul 2021 / 16:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.