Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A cultura percibe o inicio da recuperación do sector en Galicia tras a pandemia

O 43 % das empresas deste ámbito aumentaron o último ano a súa facturación ou orzamento, segundo o barómetro do CCG

A maioría das empresas da cultura galega xa se recuperaron da crise do coronavirus. O 43 % das entidades consultadas aumentaron no último ano a súa facturación ou orzamento e a súa expectativa de crecemento para este ano é moi positiva. Con todo, o sector notou o incremento dos prezos das subministracións que precisan para a súa produción e prevé un encarecemento no sector da edición, artes visuais, teatro e danza.

O Barómetro da cultura 2022, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo do Consello da Cultura Galega foi presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o coordinador do observatorio, Hakan Casares.

O documento amosa a estabilidade empresarial, con grande equilibrio entre homes e mulleres e no que o 47,9 % das entidades conseguiu unha subvención.

O informe parte dunha ampla enquisa a 902 representantes de entidades (empresas, asociacións, fundacións, administracións públicas...).

O sector está maioritariamente conformado por entidades relacionadas coas artes visuais (pintura, escultura, fotografía, arquitectura, publicidade e deseño, principalmente), seguido do sector audiovisual (14,9 % das entidades) e de empresas dedicadas á educación cultural, formado por academias, escolas de música... (10,4 %).

O 70 % son empresas, as administracións públicas o 15,3 e as entidades sen ánimo de lucro o 14,6 %.

Ademais, o documento amosa que as empresas da cultura son pequenas: o 65,5 % ten menos de cinco empregados e o 57,4 factura menos de 150.000 euros, e están situadas na súa maioría (o 61,7 %) nas cidades galegas.

A partir dos datos obtidos polos tres barómetros anteriores, o Observatorio da Cultura Galega pode ver a evolución e afirmar que a maioría das entidades da cultura xa se recuperaron en termos de facturación ou orzamento (ou prevén recuperase ao longo deste exercicio) dos efectos da crise do coronavirus, incluído o 30,4 % que nunca viu reducido os seus ingresos.

Con todo, un terzo non pensa recuperarse ata 2023 ou máis tarde, polo que para estas entidades os efectos son severos. As entidades máis pequenas e as actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais e as artes gráficas teñen máis dificultades para recuperarse das consecuencias da pandemia.

O 43 % das empresas consultadas aumentou en 2021 respecto de 2020 a facturación (no caso das empresas) ou o orzamento (no caso das entidades sen ánimo de lucro e as administracións) e un 51 % prevé que aínda sigan crecendo ao longo deste ano.

Destaca tamén que un terzo estima unha situación de estabilidade. Se o 48 % declaraba moi positivo o 2021, o 66,7 % percibe que este será un exercicio mellor ou moito mellor para a cultura que o que o foio o anterior.

internacionalización e a dixitalización. Unicamente un 21,1 % das entidades da cultura realizou algunha actividade específica dirixida a incrementar a súa notoriedade ou difusión no mercado internacional, destacando as entidades sen ánimo de lucro. Aínda son menos as entidades que destinan a metade ou máis da súa produción ao exterior, cun escaso 4,8 %. En termos globais, as entidades máis orientadas ao mercado exterior son as relacionadas co audiovisual.

Con respecto á dixitalización, o 66,2 % levou a cabo algunha acción relacionada coa publicidade e a comunicación dixital (incluídas as redes) e un 50,3 % prevé a produción, creación ou venda de contidos dixitais.

O ámbito onde se concentran menos esforzos é o da formación do persoal.

Os investimentos en dixitalización son maiores na administración e nas entidades sen ánimo de lucro que nas empresas e destacan entre as entidades máis grandes, especialmente as que ingresan mais de 500.000 euros.

Tamén se detectou un esforzo recente en dixitalización entre as entidades dedicadas á educación cultural, quizás efecto da pandemia.

Maior no audiovisual

···O 26,8 % do persoal directivo indica que as accións ligadas ao Xacobeo en 2021 tiveron un efecto e un 29,1 espera un impacto positivo en 2022. Pero 7 de cada 10 entidades recoñecen que non perciben ningún efecto. Son as administracións públicas e as actividades relacionadas co patrimonio cultural, así como as entidades vinculadas ao audiovisual e ao teatro, danza, e espectáculos as que valoraron máis positivamente o efecto Xacobeo. En canto ao volume económico, a mellor valoración se corresponde coas empresas cun maior nivel de facturación. O informe contén unha clasificación das accións e eventos máis destacados da cultura galega de 2021: encabezan os actos vencellados ao Xacobeo e ao Camiño, seguidos da volta dos festivais musicais. A candidatura das Tanxugueiras a Eurovisión é a terceira acción máis destacada. Séguenlle as nominacións galegas nos Goya, o Culturgal e o Son do Camiño. Despois sitúanse tres exposicións: ‘Faraón, Rei de Exipto’, ‘Peter Lindbergh. Untold Stories’ e ‘As miradas de Isaac’.

27 abr 2022 / 16:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.