Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A felicitación viral do Nadal é galega e chega dende Pantón

É parte de ‘Arrieiros somos’, serie documental do actor e director ourensán Rubén Riós

O actor e director Rubén Riós lanzaba o pasado día 21 un vídeo de felicitación do Nadal desde o seu perfil en Facebook que xa foi compartido 6.500 veces nesta rede social cun post que onte xa tiña ata 367 comentarios e 3.600 interaccións.

O vídeo é un fragmento dun capítulo da serie documental Arrieiros somos, dirixida e presentada por Riós en 2020, que pretende darlles voz ás mulleres e aos homes que, coma Rosa de Pantón, manteñen vivo o rural e a lingua galega. O capítulo, financiado polo Concello de Pantón, foi rodado nesa vila.

Dito extracto fainos lembrar con saudade esas comidas coas nosas avoas que, aínda ben non entrabas pola porta, xa che mandaban que sentases a comer e enchíanche o prato sen parar ata que che saía a comida polas orellas. O vídeo tivo tal éxito que se viralizou polas redes e xa é do máis visto deste Nadal.

Arrieiros somos, que acaba de recibir o Premio á Mellor Web Serie do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, aposta pola sabedoría e a experiencia das xeracións de máis idade e fainos ver que o seu traballo e as suas vivencias foron ben fundamentais para construírmos un mundo mellor.

Xa Camiñantes do noso, financiada polo Fondo Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, tiña como protagonistas as persoas cheas de anos, de sabedoría e de experiencia que se atopan nas aldeas do Camiño de Santiago. Este traballo rodado en 2019, foi, de feito, a primeira webserie do creador ourensán e a súa primeira incursión nesa liña que tería continuidade co proxecto de Arrieiros somos.

O secretario xeral de política lingüística recibiu este mércores a Riós en Santiago para felicitalo por levar o galego a todo o mundo a través das redes, unha fiestra onde é fundamental achegar contidos en galego. Valentín García leva tempo apostando polo traballo deste actor e director. En breve presentarán A voz das nosas, peza para achegarlle o galego á mocidade.

29 dic 2021 / 19:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.