Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A importancia da educación sexo-afectiva na xuventude

Organizacións internacionáis como a UNESCO, ONU, UNICEF e a OMS, aseguran a súa utilidade e aconsellan a súa implantación nos centros educativos

As relacións cos demáis márcannos moito ó longo da nosa vida, por iso é importante que os vínculos que creamos sexan o máis beneficiosos ou, polo menos, o menos prexudiciais posible. Isto pode parecer moi obvio cando es adulto, pero na adolescencia, que precisamente é a época na que polo xeral nos relacionamos con máis xente, mézclanse un conxunto de factores polos que o desenvolvemento de relacións sans, aínda que sexan amizades, é bastante complicado. Pero, por que isto é así? e o máis importante, podería ser doutro modo?

Falamos con Jesús Cudeiro, psicólogo xeral sanitario, acerca deste tema, e coméntanos que isto se debe a unha mistura de factores: por unha parte, falando de relacións íntimas ou de parella, nos adolescentes xúntase un desexo moi grande pola outra persona e que, ao tratarse das primeiras relacións, sexan inexpertos e non saiban como comportarse. Por outra banda é tamén relevante dentro disto a existencia dun compoñente neuro-anatómico, que é que a nosa cortiza prefrontal, que é xustamente a parte que controla os impulsos, dirixe a atención e fai outras accións superiores, non termina de formarse ata pasados os 20 anos. Entón, resumidamente, os adolescentes son persoas moi emocionais, inexpertos nas relacións afectivas e con pouco control sobre os impulsos. O feito de non dispor dun contexto onde lles expliquen como controlarse e como deben funcionar as relacións, contribúe a que a adolescencia sexa literalmente un caldo de cultivo para as relacións tóxicas; e isto é así, é o normal, e co paso do tempo obviamente adoita rematar. Porén, cunha boa educación sexo-afectiva, isto podería reducirse e a vida e as relacións interpersoais de moitos adolescentes cambiarían a mellor.

A importancia da educación sexo-afectiva na xuventude

Respecto da educación sexual, que quizais sexa a parte máis controvertida, a UNESCO, no seu estudo Orientaciones técnicas internacionales sobre educación en sexualidad. Un enfoque basado en la evidencia (2018), no que analiza os resultados de programas educativos sobre sexualidade arredor do mundo, e a OMS, afirman que facilita que o alumnado tome decisións fundamentadas sobre a súa sexualidade e relacións, e ademáis contribúe á prevención e reducción dos abusos, a discriminación, e a violencia de xénero. Outros organismos internacionais como a ONU ou UNICEF abogan tamén pola impartición dunha educación afectivo-sexual nos centros educativos, e consideran este tipo de formación como imprescindible para loitar pola igualdade de xénero.

A UNESCO denomina á educación afectivo-sexual “educación integral en sexualidade” (EIS), e define o seu propósito como “dotar ao alumnado de coñecementos baseados en datos empíricos, habilidades, actitudes e valores que os empoderarán para disfrutar de saúde, benestar, e dignidade; entablar relacións sociais e sexuais baseadas no respecto; analizar como as súas decisións afectan ao seu propio benestar e doutras persoas; e comprender como protexer os seus dereitos ó longo da súa vida e velar por eles”.

No informe levado a cabo por esta organización atopamos tamén unha listaxe de razóns concretas para que este tipo de formación se imparta nos centros educativos dende idades temperás:

1. Axuda a favorecer a igualdade e o respecto á diversidade

2. Permite ó alumnado identificar e evitar abusos

3. Evita ETS (enfermidades de transmisión sexual)

4. Prevén a violencia de xénero

5. Axuda no desenvolvemento dunha sexualidade saudable

6. Mellora a autoestima do alumnado e a autoconfianza

Aínda así, moitos pais, aínda que cada vez menos, son reticentes a este tipo de educación, xa sexa por motivos relixiosos ou por escepticismo respecto da súa utilidade, pero agora máis que nunca deberían abrir os ollos e ver que é algo que non vai traer máis que beneficios para os seus fillos e as sociedades futuras. Deberían ter en conta que na xuventude e adolescencia súfrense moitos cambios, e poder entenderse ben a un mesmo e aos demais, pode mellorar moito a maneira de afrontar as cousas. Sobre todo nestes tempos, aos que chamamos era da información, xa que non debemos esquecer que toda esta información vai acompañada tamén de desinformación, e que internet, é o sitio onde os mozos e as mozas van “aprender” todo o relacionado co sexo se non se lles proporcionan outros medios, máis concretamente coa pornografía. O problema reside en que esta pornografía non é unha boa canle de aprendizaxe para ninguén por moitos motivos, entre eles a enorme cantidade de conductas sexuais problemáticas amosadas nestes vídeos: violacións, acoso, faltas de respecto en xeral ás mulleres, fetichización, etc. Por isto, sendo realistas e independentemente das conviccións que un profese, a impartición dunha educación sexo-afectiva é tan necesaria.

22 ene 2021 / 14:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.