Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Insua dos Poetas acolle a homenaxe ourensá a Xela Arias

No marco do IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, este parque acolleu un espectáculo

A Insua dos Poetas, no Carballiño, acolleu onte a celebración do IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que na presente edición converteuse na primeira homenaxe ourensá á poeta Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas 2021.

Poesía, danza e música mesturáronse nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do artista ourensán Alberto Fernández, realizada en granito procedente das canteiras de Melón e que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias.

No parque temático situado na localidade carballiñesa de Madarnás e xunto co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, tamén participaron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como representantes das entidades colaboradoras, ademais do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, a familia da homenaxeada e representantes do ámbito cultural ourensán, entre outros.

O acto, titulado Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras, comezou cun espectáculo de música, danza e poesía conducido pola escritora Yolanda Castaño, para a continuación descubrir a escultura que perpetúa as obras fundamentais de Xela Arias e que, ademais, se inspira nun dos seus versos: “unha árbore no canto dunha lúa preñada de soños”.

Na quenda de intervencións, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, agradeceu o esforzo realizado por Luis González Tosar “para que a Insua dos Poetas siga a ser un lugar de referencia cultural en Galicia, a pesar da complexa situación que vivimos”. Fernández dirixiuse á familia da homenaxeada para subliñar que “grazas a iniciativas como esta, Xela Arias terá en Ourense un espazo permanente no que recordar o seu labor”, felicitando tamén ao escultor Alberto Fernández “porque tamén coa súa obra pasa a formar parte do legado da Insua dos Poetas”.

“Xela Arias marchou demasiado pronto –dixo Luis González Tosar en referencia á temperá morte da poetisa, aos 41 anos– pero aínda así converteuse nunha das voces más innovadoras e rupturistas da poesía contemporánea en lingua galega”. Tosar tamén tivo palabras de agradecemento para o escultor Alberto Fernández, “que contribúe a dar forma ao verdadeiro espírito da Insua dos Poetas, un parque temático no que a literatura e as artes plásticas dialogan co medio ambiente”.

“Un espazo de liberdade e recoñecemento que vai construíndo Luis Tosar co seu esforzo”, dixo Francisco Fumega, mentres Anxo Lorenzo subliñou que esta era “unha oportunidade para redescubrir a unha persoa que forma parte do universo literario e creativo de Galicia”.

Miguel Santalices, que agradeceu á invitación ao Parlamento, definiu a Xela Arias como “unha muller cun firme compromiso coa lingua galega”, pechando as intervencións o fillo da poeta, Darío Xil, que no nome da familia agradeceu esta primeira homenaxe.

Os actos desenvolvidos na Insua dos Poetas coinciden, como vén sendo xa tradicional, coa Semana Escolar da Árbore e da Auga, organizada pola Deputación, e que na súa sétima edición celebrouse entre os días 22 e 26 do presente mes, con motivo dos días mundiais da árbore e da auga.

28 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.