Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A marabillosa fábula que mostra a pluralidade cultural actual

En O león Kandinga (Kalandraka, 2021), Boniface Ofogo desenvolve con enxeño unha fábula africana, para acabar nun refrán con moralina, onde participa boa parte da súa fauna máis característica. Como é habitual neste xénero literario, cada especie mostra unha personalidade definida, comezando polo irascible protagonista e a astuta lebre que logra deixalo en manifesto ridículo ante o resto.

As ilustracións de Elisa Arguilé apostan por adaptarse á estética da arte africana, probablemente descoñecida para o lectorado infantil. Isto esixe distanciarse con audacia da tónica habitual nestes casos, mais a creadora logra superar o reto de maneira impecable. O espírito do texto está latente en cada imaxe: formas básicas, motivos repetidos como patróns de pel, fondos abstractos, siluetas... As cores son sempre cálidas e planas, co acerto extra de excluír o propio negro, que tería sido redundante: ninguén o bota de menos no continente african, pola súa propia omnipresencia. Tras unha primeira impresión de enérxica simplicidade revélase con grata sorpresa, o emprego de recursos ad hoc moi sofisticados, como a variedade de puntos de vista, facendo que por exemplo o crocodilo sexa visto desde arriba, ou o primeiro plano da serpe, cortada polos cantos das páxinas a cabeza e a cola, para transmitir mellor así unha sensación de inmediata ameaza, precisamente co personaxe máis negativo da fábula. As distintas escalas tamén aportan dinamismo.

En suma, unha peza de valor non só literario e artístico, senón tamén cultural, máis necesaria aínda se cabe nunha sociedade como a presente, obrigada a integrar altas taxas de inmigrantes terceiromundistas xa desde as aulas de Infantil. Sería moi oportuna unha serie enteira de textos folclóricos na mesma liña, que mostrasen desde os primeiros anos a pluralidade cultural do planeta.

21 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.