Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A muller centra as xornadas ‘Literatura nas marxes. A creación alén do canon’

Analizaranse tres liñas relevantes do panorama actual ás que se lles busca dar cada vez máis visibilidade no panorama literario galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación das xornadas Literatura nas marxes. A creación alén do canon, un proxecto organizado pola Asociación O Arquivo das Trasnas co patrocinio da Xunta de Galicia. Co gallo da celebración do Día Mundial da Poesía, a semana que vén, analizará tres liñas relevantes do panorama actual ás que se lles busca dar cada vez máis visibilidade na literatura galega: a reivindicación da muller, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou “a importancia que ten a literatura para invitar a todos os potenciais lectores a través dun amplo abano de personaxes liberados dos canons establecidos, a reflexionar sobre as causas sociais que nos rodean na actualidade e sobre a diversidade que implica ser persoa”. Ademais, quixo agradecer “a todos eses autores a autoras que elixen o galego como lingua como ferramenta de expresión poética e manteñen vivo, visibilizan e enriquecen un poderoso sistema literario escrito na lingua galega”. Xunto con Valentín García, participou na presentación Daniel Chapela, coordinador das xornadas e representante da Asociación O Arquivo das Trasnas.

ENCONTRO DE ESCRITORES. O salón de actos do pazo de San Roque acollerá os vindeiros 16, 17 e 18 de marzo estas xornadas, enmarcadas dentro da semana da poesía, que se inaugurarán o martes día 16 ás 18.00 horas da man do secretario xeral de Política Lingüística e de Daniel Chapela. Ao longo dos tres días participarán os escritores Mariña Area, Daniel Asorey, Nee Barros, Carlos Callón, Yolanda Castaño, Miriam Ferradáns, Inma López Silva, Eva Mejuto, María Xesús Nogueira, Emma Pedreira, Montse Pena Presas, Mario Regueira, María Reimóndez, Ana Romaní, Marga Tojo, Bieito Troncoco, Marga do Val e Malores Villanueva. A primeira xornada estará adicada á reivindicación da figura da muller, a segunda ao tratamento da maternidade e a derradeira á presenza de personaxes LGBTIQ+ na nosa literatura.

Para asistir será preciso facer unha inscrición previa a través do enderezo electrónico oarquivodastrasnas@gmail.com. O prazo permanecerá aberto ata o 15 de marzo e a reserva de praza realizarase para todos os relatorios e mesas concretas ás que se queira asistir cumprindo a normativa sanitaria. Para obter información máis detallada sobre a programación e horarios das xornadas, as persoas interesadas poden entrar no Portal da Lingua Galega. ECG

11 mar 2021 / 14:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.