Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A RAG inicia a Primavera das Letras de Florencio Delgado na súa terra natal

No CEIP Xosé Manuel Folla Respino a institución comeza unha nova andaina para achegar a figura homenaxeada aos nenos e nenas de primaria e preescolar

A Primavera das Letras agromou este martes no colexio de Vilamartín de Valdeorras, o concello da comarca de Valdeorras onde naceu Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). A Real Academia Galega presentou no CEIP Xosé Manuel Folla Respino, da man da súa comunidade educativa, unha nova andaina dun proxecto posto en marcha en 2016 para achegar a figura homenaxeada cada 17 de maio aos nenos e nenas de infantil e primaria. Entre outras novidades, na etapa que comeza a institución contará con escritoras e escritores de literatura infantil para lle dar a coñecer á xente miúda a vida e obra da persoa protagonista do Día das Letras Galegas, explicou a directora do proxecto, a académica Fina Casalderrey. Ledicia Costas, unha das autoras de máis éxito do momento, asina a biografía do poeta valdeorrés xa dispoñible na páxina web primaveradasletras.gal, á que lle pon cor coas súas creacións a ilustradora Blanca Millán.

A proposta seguirá ademais a ofrecer actividades interactivas e o concurso Contádenos o voso Día das Letras, e estreará proximamente unha nova sección para, alén da celebración do Día das Letras Galegas, ofrecer outros contidos divulgativos da lingua e da literatura galegas e favorecer o diálogo cos centros escolares.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Fina Casalderrey deron a coñecer a nova edición de Primavera das Letras nun acto no que tamén interviñeron o director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, José María González Cubelos; Priscila Núñez, en representación das familias do alumnado; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. Pero os verdadeiros protagonistas desta primeira homenaxe da Real Academia Galega a Delgado Gurriarán na súa terra foron os nenos e nenas da única escola deste concello do extremo oriental ourensán, que conta con vinte e cinco menores matriculados, varios deles veciños e veciñas de Córgomo, a parroquia onde naceu o homenaxeado. Parte do alumnado interpretou en directo a adaptación musical do poema Vente, ventiño do norte realizada polo mestre de música, Jaime Díaz Paradelo, e na páxina web do proxecto pode verse xa un vídeo no que participa boa parte do alumnado do colexio dramatizando e recitando outras composicións do poeta de Valdeorras.

O Florencio neno chegado do Máis Alá. “Con Primavera das Letras, a Real Academia Galega quere achegarse aos máis novos para que coñezan un pouco máis da nosa literatura. Estou seguro de que, da man dos mestres e mestras, este ano van coñecer un capítulo importante da nosa historia e, polo tanto, do que somos e do que podemos ser no futuro”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que tamén pon o acento no papel esencial das familias na transmisión interxeracional do idioma. Estas son as primeiras Letras Galegas, engadiu o presidente, nas que a Academia mira cara a unha parte moi concreta desa historia recente, a do exilio mexicano, onde Florencio Delgado Gurriarán e outras personalidades da diáspora mantiveron viva a lingua e a cultura galega con iniciativas como a revista Vieiros. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, achega episodios coma este ao público infantil nun relato biográfico, presentado en catro fichas descargables.

QUE O GALEGO CONTINÚE. “Ledicia, coa maxia do seu talento literario, conseguiu traer o Florencio neno do Máis Alá, non podía ser doutro xeito, para que el mesmo, en primeira persoa, nos relate a súa infancia en Córgomo e convídanos a subir canda el nese barco que cruzou o océano dende Bordeos ata Veracruz”, avanzou Fina Casalderrey. “Oxalá que, ao coñecer a súa figura, todos os nenos e nenas de Galicia acaben poñendo tamén en papeliños, como facía Florencio Delgado Gurriarán, Quérote, Galicia, e se convertan nunha especie de robinsons da nosa lingua, e que xuntos fagan que o galego continúe durante moitas primaveras máis”, expresou.

A directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, animou o alumnado a seguir a celebrar a figura e a obra do autor durante todo o ano.

23 mar 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.