Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A RAG rende homenaxe a Xosé Luis Franco Grande

Na semana da Poesía leva a súa poesía á Rede nunha serie de minipezas audiovisuais

A CORUÑA. A Real Academia Galega celebrará o Día da Poesía cunha homenaxe audiovisual a Xosé Luís Franco Grande (1936-2020). A institución á que pertenceu o escritor e lexicógrafo, finado o pasado 31 de marzo, difundirá ao longo desta semana en academia.gal e nas redes sociais unha serie de vídeos nos que distintos membros da RAG recitan poemas da súa autoría e recordan a súa figura. A lembranza conta ademais coa participación das fillas do académico, Navia e Rosalía Franco Barreiro, que quixeron formalizar nas vésperas do primeiro cabodano do autor unha doazón á Academia moi especial, a dun dos escasísimos exemplares da primeira edición facsimilar do pergamiño Vindel (1915), un agasallo da tamén poeta e académica Xohana Torres ao seu pai.

O primeiro vídeo, no que o presidente da RAG presenta a homenaxe e recita un poema de Xoguetes do tempo, xa está dispoñible na Rede. A partir da tarde deste luns tamén se poderá ver a intervención das fillas de Franco Grande e na sección de vídeos de academia.gal.

Malia ser avogado de profesión, Xosé Luís Franco Grande sempre compaxinou o oficio coa creación literaria e o activismo cultural e foi, de feito, para varias xeracións o autor de dúas obras esenciais da lingua galega: o Diccionario galego-castelán (1968) e o Vocabulario galego-castelán (1972). “Serviu para achegarnos á nosa lingua e tamén a nós mesmos nunha época en que tiñamos as ventás pechadas á liberdade”, lembra a académica Fina Casalderrey na serie. Foi ademais un destacado ensaísta, autor de libros como Os anos escuros. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60) e articulista, pero a RAG reivindica co gallo do Día da Poesía (21 de marzo) o Xosé Luís Franco Grande poeta, pertencente á xeración que se incorporou ás letras galegas en pleno franquismo, recorda o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes.

“Franco Grande foi compañeiro da Real Academia Galega durante moitos anos, participou activamente na xestión da institución e ademais era moi querido por nós. Como poeta, é moi representativo da xeración de mozos que se incorporan ás letras galegas nun tempo difícil, o da ditadura, cunha poesía moderna. Foi un dos autores máis significativos da Xeración da Tebra, dentro do espírito do existencialismo, da procura da intimidade, das grandes preguntas que o ser humano se fai diante da vida. A súa é unha poesía coidadosa, esixente, crítica, unha poesía que deixa pegada en todos nós”, define Víctor F. Freixanes na intervención que abre a homenaxe.

Os académicos Salvador García-Bodaño e Ramón Lorenzo -compañeiros da Xeración das Festas Minervais, nas que Franco Grande foi premiado en cinco ocasións- tamén participan nesta celebración da súa poesía canda os igualmente membros de número da RAG Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, e a académica correspondente Olivia Rodríguez. Cada participante recita nun dos vídeos un poema do autor, que en 1967 gañou o Premio Nacional Rosalía de Castro co poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos nos que nas letras galegas predominaba a poesía social-realista. Franco Grande volveu ás librarías como poeta, vinte anos despois, con Herdo de memoria e tempo. En 2015 publicou Xoguetes do tempo e en 2017, tres anos antes do seu pasamento, Libro das abandonadas.

A AUTENTICIDADE DUN AUTOR MARCADO POLA TEBRA NATAL. A serie inclúe unha emotiva colaboración das fillas do autor. Rosalía e Navia Franco recordan nunha conversa o seu pai e recitan os poemas que este lles dedicou a cada unha delas. “Resúltame moi difícil falar de pai, pero eu diría que, sendo unha persoa máis ben calada, de poucas palabras, sabía atopar sempre a palabra precisa e máis fermosa, tanto nos seus poemas como nas súas conversas con nós”, comparte Rosalía Franco. “Cando penso nel, penso fundamentalmente en dúas palabras: autenticidade e Tebra. Autenticidade porque creo que era radicalmente auténtico. Sempre dicía o que pensaba, creo que era moi valente. E Tebra porque esa foi a aldea de Tomiño na que naceu, na que se criou e que nunca abandonou. Sempre formou parte da súa vida, da súa lírica e, por suposto, foi alí onde naceu o amor de pai pola lingua galega”, engade Navia Franco.

Rosalía e Navia Franco quixeron formalizar nas vésperas do cabodano de Xosé Luís Franco Grande a doazón á Real Academia Galega dun libro moi especial por dous motivos. As fillas do homenaxeado entregáronlle á institución un dos poucos exemplares da primeira edición facsimilar do Pergamiño Vindel (s. XIII), da que só se puxeron no seu momento á venda dez copias. O libriño que reproduce o manuscrito das sete cantigas de amigo de Martín Codax foi un agasallo de Xohana Torres ao seu amigo e compañeiro de xeración Franco Grande. Redacción

15 mar 2021 / 12:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.