Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Real Academia Galega celebra a declaración como BIC da biblioteca de Pardo Bazán

Asociación PuntoGal e a RAG presentaron onte a quinta edición do concurso de microrrelatos

A Coruña. A Real Academia Galega celebra a declaración como ben de interese cultural (BIC) da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, unha decisión de “elemental xustiza histórica” que debería permitir no futuro contemplar unido un patrimonio bibliográfico singular de todos os galegos e galegas.

O Consello da Xunta aprobou o xoves o decreto que protexe o conxunto dos libros que pertenceron á escritora coruñesa, co que culmina o proceso que se puxo en marcha a partir da solicitude presentada a finais do ano 2020 pola RAG, que conserva preto dos 8000 títulos que o compoñen.

A protección atinxe tamén os case 3000 volumes que permanecen nas Torres de Meirás (Sada), a residencia de verán de Pardo Bazán, que pasou a mans do ditador Francisco Franco en 1938.

A Academia é responsable da custodia e do coidado tanto do patrimonio cultural como da produción intelectual de Emilia Pardo Bazán por decisión da súa filla e herdeira, Blanca Quiroga, e asume cun compromiso decidido a defensa da súa memoria histórica. A biblioteca da RAG coida na actualidade boa parte dos títulos que adquiriu Emilia Pardo Bazán ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor das persoas interesadas no seu estudo. Catrocentos vinte libros proceden do domicilio coruñés da escritora —hoxe sede da Academia e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán—, e os demais, uns 7500, de Meirás, onde permaneceron até que en 1978 o inmoble sufriu un incendio. Pero a día hoxe cando menos uns 3000 libros continúan nas Torres de Meirás, segundo se determinou na catalogación promovida pola Academia.

As xestións iniciadas en 2015 polo daquela presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e a conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, permitiron inventariar os case 3000 libros da autora que continúan en Meirás coa colaboración de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña. A RAG ten previsto publicar en breve a publicación do catálogo que inclúe tanto os títulos custodiados na rúa Tabernas como os que permanecen nas Torres de Meirás. A institución considera que todos eles constitúen unha unidade que non debería estar separada.

CONCURSO DE MICRORRELATOS. Ademáis, a RAG e a Asociación PuntoGal convocan a quinta edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.

O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. As entidades organizadoras agardan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación das edicións anteriores do certame, ao que se presentaron ata o momento máis de tres mil historias escritas por persoas de todas as idades.

Nesta edición volveranse repartir nove premios, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público. Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

A participación canalizarase a través dun novo sitio, www.relatos.gal, que facilitará a entrega dos textos e a cobertura dos formularios requiridos. O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro de 2022. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web do concurso. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.

INICIATIVAS PARA A XENTE NOVA E A PROXECCIÓN DA LINGUA. O presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González González, e o seu director xeral, Darío Janeiro, presentaron esta mañá na sede da Academia a nova edición do concurso. Víctor F. Freixanes subliñou a estratexia que duns anos para acó vén desenvolvendo a RAG a prol da creatividade nos novos espazos da comunicación, cunha atención especial á xente nova que se plasma en iniciativas coma esta. “Cada tempo histórico ten a súa maneira de crear e de expresarse. A lingua galega é unha lingua do século XXI e como tal cada día ocupa máis espazo nas redes sociais, nas tecnoloxías da comunicación, nas plataformas da globalización, na produción audiovisual... Son desafíos e, ao mesmo tempo, oportunidades que non podemos deixar pasar. Este concurso de microrrelatos, que cada ano ten maior aceptación, é a expresión deste tempo novo, resultado dunha alianza importante: por unha banda a memoria histórica que representa a Academia, co seu traballo científico e o seu patrimonio; por outra banda, o universo da cultura dixital, encarnado na Asociación PuntoGal, que invita a todos os galegos e galegas a incorporarse a estas novas formas da modernidade”, expresou. ecg

28 ene 2022 / 15:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.