Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Real Academia valora estender o Ano Carvalho Calero a 2021

Prevé convocar un pleno á volta do verán no que se analizarán as propostas e todas as circunstancias” tras a crise// “Nós non nos pechamos”, di Freixanes // Texto: María Abascal

Galicia está a vivir neste ano Carvalho Calero situacións extraordinarias e as consecuencias dunha crise sanitaria que paralizou todo o país. A Real Academia Galega (RAG) non foi unha excepción e xa se viu obrigada a tomar decisións sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de Maio, como o aprazamento do seu acto oficial de conmemoración ata o mes de outubro.

As restricións decretadas co estado de alarma e as medidas de seguridade para facer fronte á covid-19 afectaron a toda a programación prevista para homenaxear ao profesor e escritor nado en Ferrol.

Por este motivo numerosas voces, da man de escritores, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de Don Ricardo, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece.

A Academia é totalmente consciente desta demanda social. Nunha entrevista con Europa Press, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata de “unha posibilidade que está aí” pero que a institución terá que valorar no seu momento.

O titular da institución académica avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias permítano, previsiblemente á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e os académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas.

“Nós non nos pechamos”, asegurou, pero antes haberá que “reunirse”, debido a que de momento non tiveron “nin posibilidade legal” nin material para celebrar un encontro nas condicións necesarias para abordar esta posibilidade e as propostas sociais realizadas neste sentido.

O presidente da Academia defendeu, con todo, que “a visibilización está aí” e que a institución “está a facer un esforzo grande” para celebrar a Carvalho Calero, “con iniciativas de todo tipo” a través das redes para tentar paliar a suspensión de eventos e de actos presenciais.

“A presenza social está aí. Outra cousa é que se pui-
dese facer doutra manei-
ra, que a nós gustaríanos”. Freixanes, entón, realizou un chamamento para superar estas circunstancias e “ser capaces, con imaxinación e esforzo”, de impulsar “iniciativas extraordinarias” e celebrar a Don Ricardo con “a dignidade que merece”, como o acto central en Ferrol do próximo 31 de outubro coincidindo co aniversario do escritor.

SERÍA “UNHA INXUSTIZA HISTÓRICA”. Diversas entidades, como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras
e Escritores en Lingua Galega ou a Associaçom Galega da Língua (AGAL), recoñeceron o intento da Academia de compensar esta situación, pero consideraron que as circunstancias fan “moi difícil” a difusión adecuada dunha figura do calibre do autor de Scórpio e do primeiro canon da historia da literatura galega.

A AELG o que fixo foi remitir unha carta ao presidente da Academia para transmitirlle persoalmente a petición de que 2021 sexa tamén o Ano Carvalho Calero, despois de que a crise anulase “toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación” do narrador, poeta e ensaísta, tanto no panorama educativo como cos concellos.

“Pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural”, insisten na misiva.

NECESIDADE DE ABORDAR O DEBATE SOBRE A LINGUA

··· Xunto a todos estes factores, AGAL apuntou outras dúas cuestións para xustificar a extensión do Ano Carvalho Calero a 2021: o intenso traballo do movemento social para apoiar a candidatura do autor durante anos e a complexidade da súa figura, sobre todo no relativo ao debate lingüístico.

···A finais dos 70, unha serie de intelectuais, entre os que se atopaba Carvalho, defenderon unha maior converxencia coa ortografía portuguesa e a importancia de depurar o idioma, con motivo da próxima chegada do galego ao sistema educativo. Terminou excluído e apartado por parte da corrente que optaba por unha vertente próxima á oralidade e máis similar ao castelán. Maragoto, do mesmo xeito que outras voces como Pilar García Negro, apelou a esta exclusión e insistiu na importancia de abordar o debate, que foi “tan intenso” que os triunfadores naquel momento terminaron por ocultar a “relevancia que tivo o ferrolán durante décadas”.

“NON HAI NADA ETERNO”

• Freixanes asegurou que o debate “segue aberto e debe estar aberto”, debido a que “non hai nada eterno e nada inamovible”. “O que conmemora a Academia é a figura, non conmemora ningún tipo de proposta ortográfica”, asegurou, para defender que a traxectoria de Carvalho Calero é “merecedora de todas as honras”, á marxe de opinións que se poidan “compartir ou non”.

• Neste sentido, o presidente da RAG considerou que os pasos hai que dalos “coa sociedade detrás”, con documentación e coñecemento científico, escoitando as diferentes posicións.

Unha mostra diso será o simposio previsto para finais de ano no que se analizarán os distintos aspectos da figura de Ricardo Carvalho, “e un deles é a lingua”. A data deste evento abordarase tamén no próximo plenario da Academia, que dependerá da evolución desta situación “tan extraordinaria”.

• Á espera de que se aclare a situación, o presidente da Academia reivindicou as accións que se están desenvolvendo desde a institución, impulsando entrevistas con escritores, estudosos da vida do homenaxeado ou iniciativas como ‘ Unha palabra para Don Ricardo’, na que participaron autores como Salvador García- Bodaño, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez, Antón Santamarina, Fina Casalderrey o Claudio Rodríguez Fer.

17 may 2020 / 00:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.