Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Real Banda de Gaitas e o seu concerto de Aninovo

concertos. A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o día 2 de xaneiro ás 18.00 o seu tradicional concerto de Aninovo na catedral de San Martiño. Terá lugar con aforo limitado e retransmitido a través da web da institución provincial, desta volta dedicado ao cantor e poeta Juan Corzo Álvarez (Celavente; O Bolo). O acto foi presentado este martes no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación César Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e o director da Real Banda, Xosé Lois Foxo.

Un ano máis, dixo César Fernández, “a cidadanía poderá asistir a un concerto de Aninovo no que os amantes da boa música poderán gozar da excelencia artística que sempre caracteriza á Real Banda de Gaitas da Deputación”, a mellor embaixadora “da cultura tradicional ourensá e galega, grazas ao labor de dirección de Xosé Lois Foxo”. Engadiu o vicepresidente que o concerto contará con todas as medidas de seguridade sanitaria, pedindo ao público que faga de xeito graduado tanto a entrada ao templo como a saída para garantir as distancias.

O bispo de Ourense, que cualificou este acto “como un concerto de esperanza nun momento complicado para todos”, definiu pola súa parte á Real Banda de Gaitas como “espertador desa realidade cultural tan fermosa que fai Ourense, non só na nosa provincia senón tamén en toda Galicia, España e no mundo, como así tivemos ocasión de comprobar cando nos acompañou na peregrinación que fixemos con motivo da canonización do padre Faustino Míguez ao Vaticano para participar nunha audiencia co papa Francisco.

Xosé Lois Foxo detallou o programa dun concerto, “no que facémonos eco da tradición centenaria do pastor gaiteiro no contexto do pesebre”, que regresa á catedral ourensá logo dun ciclo de catro anos nos que celebrou os concertos de Aninovo ou Reis en distintos templos da provincia. En colaboración coa Delegación Episcopal para a Vida Consagrada, o repertorio iníciase coa Marcha Himno Litúrxico a San Martiño, “sendo escenificado por un gaiteiro, dous violinistas o propio órgano catedralicio, así como o conxunto instrumental da Real Banda”.

Destacou que a homenaxe a Juan Corzo, compositor de cantos de Reis e Nadal, centrará o evento, “recoñecendo na súa figura o labor de centos de artistas populares que, de forma anónima, contribuíron decididamente á construción da lírica tradicional galega”.

A Real Banda de Gaitas, entre outra obras, estreará tres fragmentos da Égloga Operística Pastora da Serra Sola coa colaboración dos cantores Iria Estévez e Gabi Reboredo, os violinistas Tatiana Kostomarova & Mikhail Merzlyakov Kostomarov, así como da Agrupación de Cantareiras de Queixumes dos Pinos e o profesor organista Manuel Rei Olleros. ECG

28 dic 2021 / 19:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.