Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A rehabilitación de San Pedro, “un gran paso para recuperar en Lugo o patrimonio”

Esta actuación, dotada con 750.000 €, é unha das maiores apostas do Goberno galego nun ben histórico

Lugo. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou onte a igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo, actual igrexa de San Pedro, onde a Xunta iniciará nos vindeiros días un proxecto de rehabilitación. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento superior aos 750.000 euros e un prazo de execución de 11 meses que suporá “un gran paso na recuperación do patrimonio lucense” e permitirá a posta a punto deste sobranceiro ben.

Durante a súa visita á Cidade da Muralla, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que Lugo ocupa un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural. Este compromiso, sinalou, reflíctese no esforzo orzamentario que fai a Administración autonómica, que nos últimos anos leva investido máis de 5M€ para poñer en valor unha decena de bens, e na aposta decidida que se fai agora na igrexa de San Pedro.

“Os traballos de rehabilitación que a Xunta vai poñer en marcha nesta igrexa supoñen unha das maiores apostas pola conservación e restauración dun ben histórico que se fai en Galicia”, subliñou.

Neste contexto, destacou que o patrimonio cultural é un “dos piares fundamentais da nosa identidade” e por iso sempre é importante apostar pola súa conservación e posta en valor “especialmente nunha cidade como Lugo que conta con algúns dos bens máis senlleiros da nosa Comunidade como son esta igrexa, a súa Catedral ou a Muralla Romana coa que estamos fortemente comprometidos”.

Proba deste compromiso, tal e como engadiu, é que o Goberno galego impulsou máis de 60 actuacións e dedicou máis de 10 millóns de euros desde que a Muralla foi recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco. REDACCIÓN

24 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito