Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Ribeira Sacra avanza na súa opción como Patrimonio Mundial

O público pode coñecer agora os valores extraordinarios deste ámbito cunha ferramenta dixital que permite unha visita virtual por unha vintena de igrexas

O formulario dixital da Ribeira Sacra, no que se escolman os contidos principais e visuais máis relevantes da candidatura, así como outros aspectos para o seu coñecemento e difusión acaban de ser publicados pola Consellería de Cultura e Trismo. Trátase dunha síntese para visibilizar miles de anos de historia e traballo, que confluíron na creación deste singular territorio, exemplo sobranceiro da acción conxunta entre as persoas e a natureza.

É unha ferramenta complementaria á documentación remitida á Unesco para a avaliación por parte do Consello Internacional de Monumentos e Sitios da candidatura da Ribeira Sacra que, se todo avanza normalmente, será a candidata de España o vindeiro ano na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial.

O web irá incorporando progresivamente novos contidos e é accesible ao público en galego, español e inglés.

O formulario estrutúrase en oito áreas, comezando pola presentación, na que se dá a benvida ao usuario e se citan os obxectivos, cun vídeo introdutorio para achegarse á candidatura, e material audiovisual de alta calidade.

Os apartados Historia e Criterios explican dun xeito claro e visual os valores deste territorio e como estes responden aos aspectos que ten en conta a Unesco para a súa declaración.

Exponse a importancia das ribeiras e das herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, e dáse conta de aspectos do seu carácter excepcional.

Pola súa banda, a sección de Mapas contextualiza a localización do territorio da Ribeira Sacra en Europa, España e Galicia, así como o plano da delimitación que se inclúe na candidatura, xunto a datos clave de superficies, parcelas e poboación.

Tamén se recolle neste apartado a visualización en secuencia de seccións topográficas reais do territorio, un percorrido dos vales do Sil e o Miño e a posición da ribeira e das herdades.

Cómpre dicir que a información planimétrica compleméntase co apartado de Delimitación, no que se recolle polo miúdo a declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra coma ben de interese cultural e os enlaces para a información de detalle sobre a protección, unhas das meirandes fortalezas da candidatura.

Este web compleméntase coa selección doutros materiais relevantes que reforzan a súa opción, como o libro de fotografía Persoas que pintan a paisaxe, dispoñible no apartado Publicación; ou unha interesante invitación a percorridos virtuais por 19 dos principais mosteiros e igrexas da Ribeira Sacra, dispoñibles na pestana Vistas 360º.

Así, entre os escenarios a visitar online destaca o mosteiro de San Pedro de Rocas, a igrexa de Santa María de Montederramo ou o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un dos conxuntos máis sobranceiros do patrimonio cultural galego.

E ofrécese un apartado co Calendario cos principais fitos acadados até o momento.

Unha zona cun valor universal que é considerado excepcional
Recolle a testemuña da cristianización ao longo da zona occidental do continente europeo

Santiago. A candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico, impulsado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, no que se destaca o valor universal excepcional desta zona en base ao cumprimento dos criterios III, IV, e V das 2017-Operational Guidelines.

Así, a Ribeira Sacra constitúe unha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa.

Neste territorio desenvolveuse un movemento ascético de eremitas e anacoretas que ocuparon os vales do Sil e do Miño, que co tempo foi substituído por unha fecunda implantación monacal que chega até os nosos días. Precisamente, esta espiritualidade xoga un papel moi importante na candidatura.

Ademais, este territorio representa tamén un exemplo único do monacato de Occidente e da sacralización de todo o territorio, grazas a uns conxuntos arquitectónicos de extraordinaria singularidade que ilustran 1.500 anos de historia.

O paso do eremitismo ao monacato e a posterior expansión beneditina deixou un bosque de igrexas que ilustran a riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII na Ribeira Sacra. redacción

unha paisaxe viva
interacción entre o ser humano e a natureza

···A marxe do importante patrimonio cultural e arquitectónico do que pode presumir toda esta zona da comunidade galega, a Ribeira Sacra tamén é unha paisaxe viva e o máximo expoñente da relación existente entre home e natureza. Proba dista interacción do ser humano co medio natural no que habita son as monumentais terrazas existentes nas ladeiras dos canóns do Sil e o Miño para a explotación dunha agricultura de subsistencia baseada no policultivo. A esencia desta paisaxe antrópica atopámola con todos os seus matices nos terreos de ribeira e bocarribeira.

24 may 2020 / 23:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito