Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A diversidade de flora e fauna, polo microclima deste bosque de ribeira, marcan un sendeiro no que se poden atopar desde árbores centenarias ata especies protexidas TEXTO Brais Fdez.

A ruta do Río Loio, unha paraxe natural singular

Cunha extensión de 435 hectáreas, o ENIL Loio-Ruxidoira converteuse nun punto de interese turístico pola súa diversidade de especies que habitan nun bosque de ribeira, extenso e en bo estado de conservación, que se alterna con amplas áreas de carballos e castaños. Este espazo natural, que transcorre polo curso do río Loio, afluente do Miño, conta cun traxecto que pertence integramente ao municipio lucense de Paradela.

“Para o Concello é unha satisfacción contar cunha ruta destas características, que transcorre por unha paraxe limpa, sen contaminación, e que está declarada como Espazo de Interese Local, sendo o segundo punto de Galicia en acadalo”, explica o alcalde, José Mato. logralo.

Estas masas forestais, nas que destacan árbores centenarias, supón un lugar idóneo para tomar un respiro e para desfrutar da natureza na súa máxima expresión. Este bosque, maduro e equilibrado, favorece tamén a biodervisidade e é refuxio dun gran número de tipos de fauna, con estudos que sinalan ata vinte e dúas especies protexidas; e flora, destacando un carballo con máis de cen anos e que se encontra en pleno sendeiro, así como dous castaños que xa superaron o seu centenario e que se atopan ao carón das ruínas do mosteiro de Santa María de Loio. Ademais, tamén está marcado pola historia, xa que neste lugar sagrado foi onde naceu, no século XII, a Orde dos Cabaleiros de Santiago.

O microclima que se xera no interior da masa forestal favorece a existencia de, por exemplo, ourizos, ras verdes, toupas ibéricas, musarañas, morcegos, armiños, donicelas ou lontras; así como numerosas aves como aguias, falcóns, paspallás, cucos, curuxas ou reiseñores.

Para coñecer de preto este espazo natural recoméndase seguir o sendeiro do pequeno recorrido PRG-14, denominado “Ruta do Loio”, dende a localidade de Paradela, un itinerario de dificultade media. Nel, ademais da diversidade, tamén se poden descubrir numerosas construcións populares como antigos muíños, pontes ou bancais de viñedos.

Xusto ao final da ruta, apunta o rexedor local, están situados dous “dos mellores restaurantes da provincia”, aos que acoden milleiros de comensais, especialmente atraídos pola anguía, o seu prato estrela.

Todas estas peculiaridades fan deste lugar unha paraxe natural única, que cada vez é máis escollida polos visitantes. “A presenza de visitantes é constante, principalmente as fins de semana, o cal lle repercute positivamente a vila en si e a súa economía”, destaca o alcalde.

A maiores, Paradela e o municipio limítrofe de Portomarín converteranse proximamente nun dos poucos lugares que contará con dous Patrimonios da Humanidade, ligados ao Camiño de Santiago e á Ribeira Sacra, unhas denominacións que falan “da nosa riqueza forestal e paisaxística”.

Do mesmo xeito, para poñer máis en valor este recurso natural, o goberno local fará actuacións, enmarcadas, na Axenda 2030 para recuperar murados, camiños antigos e ouriceiras; así como o establecemento dunha nova ruta da man da Federación de Montañismo.

Esta diversidade provoca tamén que a poboación do concello aumente ano tras ano, “pola calidade de vida que lle ofrecemos”. E nese senso, teñen en marcha un programa co que incentivan a adquisición de vivendas antigas e baleiras das aldeas, para restauralas.

14 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.