Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“A TVG é a canle que máis se asemella á sociedade galega”

O director xeral da CRTVG remarcou no Parlamento galego a consolidación dos medios públicos na normalización lingüística

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu onte na Comisión de Control da CRTVG do Parlamento de Galicia, na que expuxo, entre outras cuestións, o perfil actual da audiencia dos medios públicos.

“Con datos na man, e non con percepcións, a CRTVG é un fiel reflexo do que é a sociedade galega, e reflicte os equilibrios e as pluralidades que a conforman, o que fai que a CRTVG vaia rematar este extraordinariamente complicado ano con récord histórico de oíntes na Radio Galega, cunha suba de máis dun punto na TVG, achegándonos e posiblemente superando o 11 % de share, e co deber de servizo público cumprido para axudar entre todos a superar esta pandemia”, expuxo Sánchez Izquierdo.

O 48,4 % dos espectadores da TVG son homes e o 51,6 % son mulleres e, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o 48,1 % da poboación son homes e o 51,8 % son mulleres, polo que o perfil de audiencia da CRTVG responde exactamente ao perfil demográfico desagregado por sexos en Galicia.

En canto á análise por hábitat confrontada cos datos do INE, a CRTVG distribúe a súa audiencia entre as vilas (o 40,2 % da audiencia da TVG e 40,3 % da Radio Galega), nas que, segundo o INE, reside un 33 % da poboación. Ademais, o 37,8 % da audiencia da TVG e un 37,5 % da Radio Galega sitúase no ámbito rural, onde o INE sinala que vive o 30,12 % da poboación de Galicia.

Atendendo á análise da variable de idade, a maior parte da audiencia da TVG ten máis de 45 anos. Non obstante, destaca que, nos perfís de idade de 13 a 24 anos, a TVG é líder de audiencia, desde abril, das televisión xeralistas, acadando unha cota de perfil do 3 %, fronte ao 2,5 % de La 1, o 1,6 % de Telecinco, o 2,3 % de Antena 3 ou mesmo o 2,8 % de Cuatro e La Sexta.

Izquierdou lembrou as súas palabras da primeira comisión posconfinamento do mes de setembro e recalcou no Parlamento que “a cidadanía espera de todos nós responsabilidade, que axudemos, que deamos solucións ou polo menos que sexamos parte da solución e non do problema; en definitiva, que non creemos problemas onde non os hai”.

En resposta a preguntas do BNG e o PSdeG, Sánchez Izquierdo reflexionou sobre o papel da CRTVG na contorna social actual de Galicia: “A CRTVG ten o difícil labor de intentar ser ese espello da sociedade e, para iso, o que non vai facer, por moito que se intente e mentres este director estea á fronte, é deixarse influenciar polos diferentes grupos de interese que están ao seu redor. A CRTVG é a televisión e radio de todos os galegos, e mentres este director xeral estea á fronte, insisto, seguirá o seu camiño firme de representar a toda a sociedade galega, que é unha sociedade madura, responsable e plural e coa referencia inequívoca do idioma galego”.

Francisco Vázquez na RG. Sánchez Izquierdo, restou importancia á polémica xurdida por mor dunha entrevista en castelán na Radio Galega ao exalcalde da Coruña e exembaixador no Vaticano Francisco Vázquez, ao afirmar que foi “unha excepción”.

Fronte ás críticas realizadas polo BNG e do PSdeG, que en comisión parlamentaria preguntaron por esta cuestión que suscitou un debate nas redes, o director da CRTVG insistiu en que foi un caso illado xa que “obviamente” entrevistar en castelán “non é unha praxe habitual como calquera oínte sabe”.

30 dic 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.