Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A votación popular na elección da Palabra do Ano, aberta ata mañá

A RAG e a Fundación Barrié promoven esta iniciativa a través da web portaldaspalabras.gal

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié manteñen aberta ata mañá a votación popular telemática que decidirá cal destas seis voces será a Palabra do Ano 2020: gromo, máscara, nós, pandemia, seteiro ou vacina.

Os seguidores do Portal das Palabras, o proxecto para a difusión do léxico galego promovido por ambas as institucións, poderán escoller ata as 23.59 horas do 25 de decembro entre os termos que resultaron finalistas na primeira fase de recollida de suxestións, na que participaron máis de 5.500 persoas.

Como era de agardar, moitas das propostas recibidas teñen que ver coa grave situación sanitaria que se rexistra a nivel mundial por mor da propagación do SARS-CoV-2.

Pero tamén hai quen prefire centrarse nalgunhas das cousas boas desde ano e celebrar efemérides destacadas como o centenario da xeración Nós; ou mesmo evadirse e animar a coñecer mellor o ceo e os seus nomes, como suxire a presenza entre as finalistas dun dos xeitos de chamarlle á constelación que na nomenclatura latina se designa como Sagittarius.

novos significados. Gromo, máscara e pandemia son tres exemplos das múltiples palabras presentes nos dicionarios que gañaron durante os últimos meses un novo significado na vida cotiá e mesmo nas obras lexicográficas.

Ata este ano, a acepción de gromo que recollía o dicionario en liña da Academia limitábase á relacionada coa botánica, a que designa o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores.

Pero a pandemia levou á RAG a engadirlle o significado de aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo. O coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, explica na Tribuna de academia.gal os detalles desta escolla.

Máscara, na acepción referida ao aparello que cobre a cara ou parte dela como protección das vías respiratorias, é outro termo que deu o salto á rúa ao se estender o seu uso como medida preventiva.

Nas últimas semanas gaña tamén forza nas conversas a voz vacina, a grande esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis. A ela lle dedica o Portal das Palabras un dos seus últimos contidos, no que se explica a relación do termo cun animal ben propio de Galicia: xorde a finais do século XVIII e deriva do latín científico variola vaccina que significaba varíola das vacas.

Seteiro é unha das denominación propostas pola RAG para o grupo de estrelas chamadas en latín Sagittarius. Figura canda arqueiro na listaxe de nomes galegos das constelacións, froito da colaboración do Seminario de Terminoloxía da Academia e divulgadores da astronomía.

Para a constelación Sagitta proponse seta ou frecha.

A primeira é a forma patrimonial máis en consonancia coa etimoloxía latina para se referir á arma consistente nunha barra fina rematada en punta, se ben constitúe un arcaísmo e hoxe a forma máis transparente para os falantes é a segunda.

A parella seta-seteiro presenta en calquera caso algunhas vantaxes, como evitar os problemas da polisemia de arqueiro e da sinonimia con outro arqueiro, o fabricante ou vendedor de arcas.

24 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.