Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Acisclo Manzano vai recibir o 17 a Medalla de Ouro de Ourense

Será homenaxeado pola deputación por toda a súa traxectoria “creando e crendo nesta terra”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou no mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo ao escultor Acisclo Manzano, que o 17 de xuño recibirá a Medalla de Ouro da provincia nun acto no salón de plenos do Pazo Provincial que comezará ás 11.30 horas.

Un merecido recoñecemento, dixo Baltar, “por toda unha vida creando e crendo nesta terra, facendo ademais da súa obra a mellor tarxeta de visita do noso territorio”.

“Ninguén mellor para recibir esta distinción”, dixo Manuel Baltar en alusión “a un dos grandes da cultura e da historia de Ourense”, desexando que manteña por moitos anos a súa constante creación para que “as próximas xeracións poidan seguir presumindo de Acisclo”.

O escultor expresou por adiantado o seu agradecemento por unha medalla que, dixo, “está entre as distincións máis coñecidas que recibín”, lembrando así a súa condición de académico numerario da Real Academia de Belas Artes ou a medalla nacional de Arte Xuvenil.

“A escultura secuestroume”, confesouse o artista para recoñecer a influencia que tivo a arte na súa vida, destacando tamén o atractivo que exerceu sobre a súa persoa unha paraxe como a de Xunqueira de Espadanedo.

Manuel Baltar e Acisclo Manzano, acompañados polo alcalde do municipio, Carlos Gómez, visitaron o mosteiro de Santa María, onde o escultor deixou a súa pegada por partida dobre.

Participou nos recentes traballos de restauración do cenobio elaborando dúas tallas incorporadas ao artesonado do coro, e no propio mosteiro pode contemplarse unha exposición de obras figurativas cedidas polo artista.

A deputación iniciou en agosto de 2019 o expediente para outorgar a Medalla de Ouro da provincia ao escultor, logo de que Baltar anunciara un mes antes na Ínsua dos Poetas, durante a celebración da XI Festa da Palabra, que proporía ao artista para a máxima distinción que concede a institución “aos mellores fillos da terra ourensá”.

Un galardón reservado para as persoas que acaden un gran prestixio no eido que desenvolven a súa actividade, contribuíndo á mellora da imaxe da provincia e o coñecemento sobre a mesma.

Acisclo Manzano (Ourense, 1940) é considerado como un dos grandes escultores contemporáneos españois. Membro da Real Academia de Belas Artes na sección de escultura, medalla nacional de Arte Xuvenil e Premio Otero Pedrayo, ten traballado a madeira, o bronce, ferro ou granito, aínda que a súa obra céntrase no barro.

08 jun 2022 / 17:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.