Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Afonso X e Galicia, eido dun libro e de varias conferencias

Edita o Centro Ramón Piñeiro // Se cumpren 800 anos do nacemento do famoso monarca

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este luns na presentación do libro Afonso X e Galicia nxa que hoxe se cumpren 800 anos do nacemento do monarca. Trátase dun novo volume editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades co que a Xunta de Galicia inicia o programa de actividades desenvolvido para poñer en valor a unha das figuras fundamentais do país que cultivou un extenso legado en diferentes disciplinas culturais e artísticas.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia fixo un chamamento á cidadanía para devolverlle á figura de Afonso X o moito que o monarca fixo “polo pobo galego”.

“Temos con el unha débeda absoluta xa que a súa maior creación, As Cantigas de Santa María, foron o acto definitivo para dotar de prestixio á nosa cultura e a nosa lingua”, destacou. Así mesmo engadiu que a súa contribución fixo posible que o galego se posiciónase “como protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval desde o eido da literatura”. Rodríguez explicou que o libro analiza a relación do monarca con Galicia para que todos os galegos “sexamos conscientes do magnífico tesouro que desde o punto de vista literario, pero tamén musical ou plástico, nos legou Afonso X”. Para iso, afóndase na súa figura desde varios eidos para poñer en valor os vínculos coa nobreza galega do momento, explicar as razóns que o enfrontaron á Igrexa compostelá, destacar a súa corte poética e analizar a contorna de personaxes galegos que o rodearon e que tiveron algunha influencia nel.

Así mesmo, traza unha retrospectiva histórica na que tamén se pon o foco sobre o que Galicia lle debe ao Sabio no terreo artístico “non só polas miniaturas e a música do cancioneiro mariano, senón tamén por outras xoias promovidas desde o seu ámbito familiar como a doazón da Virxe Abrideira do convento de Santa Clara de Allariz”, precisou Román Rodríguez.

O volume do Centro Ramón Piñeiro publícase no marco dos actos para conmemorar o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, un programa impulsado polo Goberno galego no que tamén se inclúe a edición facsimilar da escolma das Cantigas de Santa María feita en 1980 por Álvaro Cunqueiro, publicada pola Editorial Galaxia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Ademais, o Pazo de San Roque, en Santiago, acollerá este martes e e mañá mércores unhas xornadas con conferencias e varias mesas redondas sobre a figura do monarca na que participarán membros do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, así como da Universidade de Santiago de Compostela, de Vigo ou de Alcalá.

23 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.