Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Agosto histórico en Galicia con 2,2 millóns de pernoitas nos aloxamentos turísticos

Presentada en Vigo a nova campaña ‘Presume de morriña’ para reactivar o sector e animar a visitar a comunidade tras a covid

Galicia rexistrou un agosto histórico en ocupación nos aloxamentos turísticos da comunidade, con 2,2 millóns de pernoitas. Así o indicou en Vigo o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou que a comunidade mellorou no mes pasado en vinte puntos a chegada de viaxeiros con respecto á media nacional, mellorando a cifra de 2019, cun 2,6 % máis de visitantes e tamén nun 1,5 % en canto ás pernoitas.

Engadiu que os hoteis galegos xa recuperaron plenamente os datos turísticos prepandemia e que no caso de Vigo acadaron un 82 % de ocupación o mes pasado, 27 puntos máis que no último exercicio, e tamén por riba do dato de 2019.

Esta reactivación esténdese ao resto dos aloxamentos, se ben está a notarse con maior intensidade nas pensións, apartamentos turísticos e cámpings da comunidade, sobre todo nestes dous últimos, que marcaron máximos históricos.

Deste xeito, Rueda lembrou que a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade calou nos visitantes, e animou a seguir viaxando á comunidade trala pandemia, o obxectivo que precisamente persegue a campaña Presume de morriña, presentada no no Porto de Vigo.

Trátase dunha iniciativa do Clúster Turismo de Galicia que busca animar a visitar a comunidade e reactivar o turismo a través da publicación de vídeos e fotografías nas redes sociais dos lugares preferidos por parte dos galegos e turistas que xa coñecen visitaron a autonomía.

No acto estiveron presentes a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Todos eles se reuniron no peirao para escenificar esas marabillosas paraxes galegas ás que os turistas non puideron achegarse na pandemia e que agora, grazas á mellora da situación sanitaria e á reapertura da mobilidade xeográfica, si poden ser visitadas.

Como indicou o vicepresidente primeiro, trátase de botar man da “morriña” para animar a galegos e turistas, sobre todo aos estranxeiros que non puideron viaxar á comunidade por mor da crise de coronavirus, a que visiten Galicia coincidindo coa celebración do dobre Ano Santo.

A campaña é unha continuación da que o Clúster Turismo de Galicia puxo en marcha no ano 2016 e que foi quen de acadar unha comunidade virtual de “orgullosos” e “superpresumidores” de Galicia, que tivo que ser interrompida na pandemia e que agora se retoma botando man dun sentimento como a morriña que forma parte da natureza galega.

Como en edicións anteriores, acompañarase da convocatoria dun concurso para as mellores imaxes e videorrelatos con premios mensuais para os gañadores de estancias en aloxamentos e experiencias turísticas.

Alfonso Rueda animou a participar nesta iniciativa encamiñada a reactivar o turismo de cara ao que queda deste ano e ao longo do próximo, que tamén será Xacobeo, para seguir na liña deste verán, con Galicia á cabeza da recuperación turística de España grazas ao traballo feito nestes meses para reforzar a imaxe como destino seguro e de calidade cun modelo de turismo tranquilo e sostible, o que permitiu converterse o mes pasado na única comunidade en superar as cifras turísticas acadadas antes da pandemia do coronavirus.

colaboración
Plan Destino Seguro

···A Xunta apoia a proposta para reactivar o sector lanzada polo Clúster Turismo de Galicia, co que vén colaborando tanto neste obxectivo como no marco do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, no que o Goberno autonómico traballa para deseñar o futuro do turismo galego, cun modelo baseado principalmente na seguridade, a calidade e a sostibilidade.

Sanxenxo pecha o verán co 72 % das súas prazas ocupadas
O consorcio destaca a necesidade de seguir fortalecendo a marca para manter o liderazgo

Santiago. Finalizado setembro, o CETS dá practicamente por concluída a tempada alta para o sector turístico de Sanxenxo e fai un balance positivo da ocupación media.

Durante os meses de xullo, agosto e primeira quincena de setembro a ocupación media situouse nun 72 %, 18 puntos superior á do ano pasado en neste mesmo período, segundo a enquisa realizada entre os asociados.

Cunha ocupación de xullo e agosto moi similar á época prepandemia, o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, valorou positivamente o traballo realizado e os resultados, que deixan un bo sabor de boca ao sector: “xullo e agosto traballamos moi ben, a primeira quincena de setembro foi un pouco máis frouxa do esperado pero en conxunto facemos un balance moi bo”.

Destacou especialmente as cifras de agosto, que permitiron non só superar cas cifras da demanda turística do mesmo mes do ano pasado – cun 21 % máis de viaxeiros e case un 38 % máis de pernoitas-, se non quedar a só cinco puntos da cifra de noites do agosto de 2019 -233.000 pernoitas en agosto deste ano fronte ás 246.000 do de 2019-.

No seu balance, resaltou tanto a gran capacidade de adaptación como a profesionalidade demostrada polos empresarios turísticos, que seguen tendo que adaptar os seus establecementos ás novas normas e condicións sanitarias, e lembrou a necesidade de seguir traballando de forma coordinada, con accións de promoción da marca Sanxenxo. redacción

02 oct 2021 / 16:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.