Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Al Bano, Alazán e Emlan amenizan o programa ‘Luar’

O espazo da TVG tamén contará coa Agrupación Castro Floxo, a banda de Caldas de Reis e a orquestra Los Players, entre outras

O programa Luar contará hoxe co artista italiano Al Bano. Fíxose moi popular nos anos 70 e 80 grazas ao dúo coa súa exmuller Romina, con temas coma Felicitá e Ci serà. Na actualidade, continua nos escenarios coa súa carreira en solitario. Achégase ao espazo da Televisión de Galicia para deleitar os espectadores cos seus grandes éxitos e sorprender interpretando algún clásico popular en galego.

Outros históricos que subirán ao escenario son Alazán e Juan Salazar. O intérprete dos Chunguitos e as tamén familiares das Azúcar Moreno interpretarán un clásico flamenco Alió, renovado nesta colaboración con influencias urbanas como o reggaeton.

Para os máis novos, o programa da TVG contará con Arnau Moreno, artista que se deu a coñecer no 2020 co nome de Emlan e o tema Tira de la manta. Nesta ocasión, ofrecerá un show cargado de rock, pop e espectáculo, interpretando Héroe.

No apartado de música tradicional, o espazo que conducen Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández deleitará o público e a audiencia coas actuacións da Agrupación Castro Floxo e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis. Tamén coas da orquestra Los Players, a charanga Louband e Tamara Pérez. E os recanteiros desta semana serán Oliver Insua, da Mariña, e Isabel Barría, da Arousa.

‘A REVISTA’. Concepción Lavid Fontecilla é unha muller pioneira en moitos aspectos. Foi a primeira patroa maior dunha confraría en España e destaca polo seu labor político e cultural no concello de Porto do Son. Hoxe visita A Revista en calidade de directora de Aprender a Educar.org. Falará da necesidade de impulsar a apertura de centros de tratamento para adolescentes que consomen drogas e estará acompañada polo pai dun rapaz nesta situación, que achegará as necesidades e inquedanzas das familias nesta situación.

Para explicar outra problemática social, o programa da Televisión de Galicia contará cun avogado, que falará das agresións de fillos a proxenitores. Recentemente, o Xulgado do Penal 1 de Ourense condenou un home de 35 anos a once anos de prisión e a manterse afastado da nai ata outubro de 2023, por un delito contra a integridade moral tras sometela a un trato degradante.

A condutora do espazo, Loly Gómez, tamén conversará con Carlos Devasa, presidente de da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin). Xuntos afondarán nunha nova polémica xurdida a raíz do tope do 2% á suba dos alugueiros. Os arrendadores poderían estar optando por non renovar as prórrogas nos contratos para burlar a medida.

‘ZIGZAG’. Pilar G. Rego conduce hoxe un ZigZag do máis musical. No estudio, entrevistará a artista do Grove Carolina Rubirosa. Cantante, compositora e produtora de música, lanzou dous proxectos este ano: o disco Tierra de nadie e Alén do mar, un EP no que interpreta en galego cancións de cinco poetas, o indo-americano Indran Amirthanayagam, o brasileiro Salgado Maranhão, a francesa Katia-Sofía Hakim, e as galegas, Eva Veiga e Yolanda Castaño.

O cultural tamén emitirá unha reportaxe sobre Compostel In-audita, proxecto do artista sonoro Nacho Muñoz. A través de imaxes e sons captados en rúas e parroquias compostelás busca captar a identidade e espiritualidade da capital galega para darlle forma a través dun concerto audiovisual no Gaiás.

Ademais, o espazo da G2 fará un repaso aos concertos e estreas cinematográficas da fin de semana.

09 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.